O cancerbeiro comezou a practicar fútbol cando tan só tiña 4 anos no Borussia Mönchengladbach, o club da súa cidade. Xogou en tódalas categorías inferiores e dende moi novo os seus adestradores destacaron as súas cualidades, vendo nel un porteiro de futuro e con gran proxección.
Comezos como profesional
Na tempada 2010-2011, con tan só 18 anos, Ter Stegen era un buque insignia do equipo filial ademais de ser un fixo nas convocatorias do primeiro equipo. Daquela época a escuadra alemá non pasaba por un bo momento, pelexando por salvar a categoría. Así foi destituído o adestrador Michael Frontzeck chegando no seu lugar Lucien Favre, quen vendo o nivel irregular do seu porteiro, Logan Bailly, decide darlle a titularidade ao rapaz, quen cumpriu con nota e axudou ao equipo a mantela categoría.
A 2011-2012 sería a da súa consagración, asentándose na titularidade dende a primeira ata á última xornada, axudando ao seu equipo a acadar un máis que sorprendente e meritório 4º posto que daba dereito a xogar a ronda preliminar da Liga de Campións. Ese mesmo ano, consegue acadar o galardón de mellor porteiro da competición por diante de grandes nomes coma Manuel Neuer do Bayern Munich ou Roman Weidenfeller do Borussia Dortmund.
Na 2012-2013 volve a ser o nº1 da portería do Gladbach. Logo dunha primeira metade da tempada irregular por parte do equipo, Marc-André destaca pola súa sobriedade e reflexos baixo os paus e o seu dominio da area do conxunto xermano. Nesta campaña, só se perde os últimos 15 minutos do partido do Signal Iduna Park fronte ao Dortmund por mor dunha lesión.
Nesta campaña, 2013-2014, será a do seu adeus. Logo de 18 anos no Borussia Mönchengladbach, decide saír do club en busca de novos retos. O 3 de maio de 2014 xoga o seu derradeiro encontro no Borussia Park e a entidade decide facerlle unha homenaxe na que o gardameta non puido conter as bágoas.
Barcelona
No mercado estival o F.C. Barcelona faise cos servizos do porteiro a cambio de 12 millóns de euros. Preséntase o 22 de maio no Camp Nou. Asina un contrato ata xuño de 2019 cunha cláusula de rescisión de 80 millóns de euros.
Unha lesión na zona lumbar durante a pretempada déixao no dique seco durante o primeiro mes de competición. Así o seu debut co Barcelona prodúcese o 17 de setembro nun partido de Champions League fronte ao Apoel de Nicosia chipriota, no que o Barcelona se impuxo por 1-0.
A súa mellor actuación da tempada tivo lugar na volta das semifinais da Champions, o 12 de maio de 2015, no Allianz Arena fronte ó Bayern de Munich realizando a catalogada como mellor parada da competición ao dianteiro polaco Robert Lewandowski. Ao apostre o Barcelona levanta o trofeo como campión de Europa o 6 de xuño no Olímpico de Berlín logo de gañar por 3-1 á Juventus de Turín.
Unha semana antes, o 30 de maio, o cancerbeiro lograra o seu primeiro título baixo os paus, xa que non participou no do cadro blaugrana logo de gañar a Copa do Rey fronte ao Athletic Club por 3-1 no Camp Nou.