Marie Taglioni, nada en Estocolmo (Suecia) o 23 de abril de 1804 e finada en Marsella (Francia) o 22 de abril de 1884, foi unha bailarina italo-sueca do ballet romántico e unha figura central na historia da danza en Europa.
Traxectoria
Marie Taglioni naceu na cidade sueca de Estocolmo o 23 de abril de 1804, fixa de Filippo Taglioni e Sophie Karsten, que tiveron outro fillo, Paul, que chegou a ser tamén bailarín e coreógrafo e foi parella de Marie nalgunhas das súas representacións.[1] Seu pai foi un coñecido bailarín e coreógrafo, que no momento no que naceu Marie era bailarín e mestre na Kungliga Operan (Ópera Real de Estocolmo).[2]
Recibiu leccións de ballet do seu pai e debutou en Viena en 1822 nun ballet coreografado polo seu pai, La Reception d'une jeune nymphe a la tour de Terpsichore, no que a súa futura rival Fanny Elssler bailou no corpo de baile.[1]
En 1835 casou co Conde Gelbeit de Voisins, co que tivo dous fillos. Con todo, o seu home non vía con bos ollos as súas frecuentes viaxes e pediulle que deixase a súa carreira como bailarina, ao que Taglioni se negou, o que motivou o divorcio da parella logo de tres anos de matrimonio. A ruptura con de Voisins moveu a Marie a deixar a Opéra de Paris e trasladarse a San Petersburgo en 1837 logo de ter asinado un contrato co Ballet do Mariinsky.[1] Deste xeito, Taglioni chegou á capital do Imperio Ruso cos seus maiores logros como bailarina ás costas, tendo conquistado Europa, xerando un entusiasmo pouco habitual na sociedade rusa e aparecendo constantemente nas páxinas da prensa local.[3]
Logo de retirarse da danza, Marie Taglioni foi vivir ás beiras do lago Como (Italia), e na década de 1870 trasladouse a Londres, onde ensinou danza a nenos e mulleres da alta sociedade.[4]
A pesar da súa temperá fama, Marie Taglioni morreu na pobreza en Marsella aos 79 anos.[5] Cincuenta anos despois de morrer, o seu corpo foi trasladado a París. A pesar de que hai un sepulcro que leva o seu nome no cemiterio de Montmartre, onde bailaríns de todo o mundo lle renden tributo, en 2007 revelouse que a tumba non pertencía a ela senón á súa nai Sophia Taglioni, e que en realidade Marie está enterrada no cemiterio de Père-Lachaise, en París, baixo o nome de quen fora o seu exmarido, o Comte Gilbert de Des Voisins.[6]
Notas
Véxase tamén