A unción estaba tradicionalmente referida á función real e sacerdotal, puña de manifesto a elección divina para unha misión, especialmente a de guiar ao pobo xudeu, defendelo e, se fose o caso, liberalo da opresión de reinos e imperios estranxeiros (Asiria, Babilonia).
Xudas o Galileo foi visto como un mesías. Os disturbios tras a morte de Herodes amosan que a idea de realeza estaba moi arraigada nos xudeus. Flavio Xosefo narra o levantamento xudeu contra Roma no ano 62 como froito dun oráculo mesiánico. Finalmente a rebelión do ano 132 foi dirixida por Bar Kochba que foi visto como unha figura mesiánica. O feito de que os cristiáns visen a Xesús de Nazaret como o mesías prometido demostra que era unha figura estendida nas crenzas das masas iletradas.
Boa parte dos seguidores da relixión xudía aínda agardan a súa chegada.
Paulo de Tarso unirá o nome de Christos ao de Xesús, e espallará o cumprimento da promesa non só a Israel senón tamén a todos os pobos. Os Evanxeos afirman que Xosé de Nazaret é descendente de David para poder invocar a Xesús como Fillo de David. Xesús foi condenado e crucificado como suposto Rei mesiánico, aínda que existen dúbidas entre os especialistas de que el se proclamase abertamente como tal. De feito, se ten estudado o denominado secreto mesiánico, derivado das prohibicións de Xesús que aparecen nos Evanxeos a que se proclame a súa mesianidade.
No rito do bautismo as igrexas cristiás manteñen o acto da unción.