Share to: share facebook share twitter share wa share telegram print page

Migración corsa a Porto Rico

Localización da illa de Porto Rico (verde)

A migración corsa a Porto Rico produciuse a mediados do século XIX debido a varios factores; entre estes, os cambios socioeconómicos que se produciron en Europa tras a segunda revolución industrial, o descontento político xeneralizado, o fracaso das colleitas debido a longos períodos de seca e as enfermidades dos cultivos. Outro factor influente foi a paulatina perda do Imperio español e despois do Reino de España da maioría das súas posesións no chamado "Novo Mundo" e o seu temor á posibilidade dunha rebelión nas súas dúas últimas posesións caribeñas Porto Rico e Cuba. En consecuencia, a Coroa española ditou o real decreto Real Cédula de Gracias, que favorecía e incentivaba a inmigración dos católicos europeos, aínda que non fosen de orixe hispana, ás súas colonias do Caribe.

A situación e as oportunidades ofrecidas (na versión da Wikipedia en italiano engaden tamén a xeografía semellante das dúas illas), fixeron posible que centos de familias emigrasen de Córsega a Porto Rico. Os corsos e os seus descendentes xogaron un papel fundamental no desenvolvemento da economía da illa, especialmente no sector do café.

Historia

Córsega
Porto Rico
Casa Paoli

O primeiro inmigrante corso documentado en Porto Rico

Giovanni Maria Fantauzzi foi o primeiro caso documentado dun corso que emigrou a Porto Rico. Naceu en 1734 en Morsiglia, na península de Capo Corso. Chegou ao que hoxe é Aguadilla, en 1760. Casou con Josefa Martínez e tiveron dous fillos: Francisco e Juan María Fantauzzi. Faleceu en novembro de 1798. Grazas ao seu certificado de defunción foi posible confirmar a súa orixe[1].

Influencia na industria do café

Centos de corsos emigraron a Porto Rico xunto coas súas familias desde 1830; o seu número alcanzou o seu máximo en 1900. Os primeiros colonos españois asentáronse principalmente nas zonas costeiras; os corsos, pola súa banda, tendían a establecerse na rexión suroccidental e montañosa da illa, en particular nas cidades de Adjuntas, Lares, Utuado, Ponce, Coamo, Yauco, Guayanilla e Guánica. Porén, foi Yauco, coa súa rica superficie agrícola, o que atraeu á maioría dos inmigrantes de Córsega[2]. Os tres principais cultivos de Yauco foron o café, a cana de azucre e o tabaco. Os novos poboadores dedicáronse ao cultivo destes cultivos e en pouco tempo algúns deles posuíron e xestionaron as súas propias tendas de alimentación. Porén, foi o café o que deu os mellores resultados. O cultivo do café en Yauco comezou nos sectores Rancheras e Diego Hernández, e estendeuse posteriormente aos sectores de Aguas Blancas, Frailes e Rubias. En 1860 os colonos corsos convertéronse en líderes na industria do café en Porto Rico e sete de cada dez plantacións de café eran propiedade de corsos .

A familia Mariani de Yauco decidiu centrarse en dúas liñas de actuación para reforzar a súa posición no sector. En primeiro lugar, unha desmotadora de algodón transformouse nunha máquina de pelar cereixas de café. En segundo lugar, enviaron a dous deles, como representantes, para visitar as máis importantes centrais de compra de café europeas. A visita a Europa foi un éxito e, así, Porto Rico converteuse nunha parte importante da industria do café en todo o mundo.

Os descendentes de colonos corsos tamén tiveron presenza nos campos da educación, a literatura, o xornalismo e a política. O historiador e coronel Héctor A. Negroni (USAF, xubilado), realizou unha investigación sobre o tema, achegando unha gran cantidade de información sobre os lazos entre as dúas illas. Hoxe a cidade de Yauco é coñecida tanto como a "cidade corsa" como a "cidade do café". Un memorial en Yauco di: "En lembranza dos nosos cidadáns de orixe corsa, Francia, que se arraigaron na nosa aldea no século XIX e que enriqueceron a nosa cultura coas súas tradicións e axudaron ao noso progreso coa súa dedicación ao traballo - o concello de Yauco. réndelles homenaxe."

O elemento corso en Porto Rico aínda é moi evidente hoxe en día. Os apelidos orixinarios de Córsega, como Paoli, Negroni e Fraticelli son bastante comúns[3]; os irmáns Palmieri, músicos neoiorquinos, son descendentes de corso-portorriqueños.

Notas

  1. Giovanni Maria Fantauzzi
  2. "A Little History of Coffee and Agriculture in Puerto Rico". Arquivado dende o orixinal o 04 de xullo de 2008. Consultado o 10 de xaneiro de 2022. 
  3. Corsican immigrants to Puerto Rico, Retrieved August 3, 2007

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Kembali kehalaman sebelumnya