O monte de El Pardo é unha zona boscosa situada ao norte do municipio de Madrid, no que se atopa totalmente integrado, xunto co seu apéndice, o monte de Viñuelas. Supón máis da cuarta parte (o 26,4%) do termo municipal da capital.
Malia iso, a súa xestión corresponde enteiramente ao Patrimonio Nacional, organismo estatal que regula as posesións que estiveron en mans da Coroa, que mantén unha política altamente proteccionista e restritiva en relación co bosque. A Lei de 16 de xuño de 1982, que define a actividade do Patrimonio Nacional, establece, no seu artigo cuarto, a súa integración na citada entidade.
A maior parte da súa área (aproximadamente 15.100 hectáreas, o 94,4% da superficie total) atópase cercada, mediante unha vala que percorre o seu perímetro, ao longo de 66 quilómetros. A visita a esta zona está totalmente prohibida. As 900 hectáreas restantes (o 5,6%), onde se localizan algunhas áreas urbanas como os barrios do Pardo e Mingorrubio e deportivas como o complexo de Somontes, posúen un valor ecolóxico inferior. Aquí si é posible o acceso, a través de diferentes senllas e camiños, habilitados a efectos recreativos.
Ademais da súa riqueza medioambiental, o monte de El Pardo reúne un rico patrimonio histórico-artístico, froito da súa estreita relación coa monarquía española, entre os que destaca o Palacio Real de El Pardo.