Nerik foi unha cidade hitita ao nordeste de Hattusa.
Foi fundada na idade de bronce polos hatti e despois ocupada polos hititas. Foi cidade sagrada dedicada ao deus da tormenta, fillo de Wurusemu, a deusa solar de Arinna. En tempo dos hititas facíase periodicamente un festival.
Durante o reinado de Hantilis I a cidade foi atacada e destruída polas feroces tribos kaska do Ponto e como cidade permaneceu deshabitada por tres séculos. Recuperouse só como centro de culto ao deus das tormentas, pero nos ataques da época de Arnuwandas I, sobre o -1390, foi das máis afectadas. Nunha inscrición indícase
- "destruíron os ídolos dos deuses, saquearon o ouro, a prata, os obxectos de cultos, as copas de ouro e prata, as pedras preciosas, os obxectos de bronce e os atavíos e dividírono entre eles; tamén se repartiron aos sagrados sacerdotes, aos sacerdotes, ás sacerdotisas da nai do deus, aos sacerdotes de Gudu, aos músicos, aos cantantes, aos cociñeiros, pasteleiros, granxeiros e xardineiros e convertéronos nos seus serventes; repartíronse os rabaños e as ovellas, e entre eles repartíronse os campos de trigo, e as viñas utilizadas polas libacións; os kaskas quedaron con todo para eles";
despois engade
- "como os kaskas conquistaran a terra de Nerik para eles, nós habemos continuar enviando os rituais ao deus das tormentas de Nerik e aos deuses de Nerik, desde Hattusa, na cidade de Hakpis (Hakpiš), é dicir os pans, as libacións, os bois e as ovellas máis grandes".
Foi recuperada talvez en tempo de Muwatallis II, ou pouco despois da súa morte, en tempo de Mursilis III. O irmán de Muwatallis II, Hattusilis (despois Hattusilis III) foi quen conquistou a cidade e derrotou aos kaskas, devolvendo alí o culto ao deus das tormentas que se facía en Hakpis. A cidade foi incluída no reino de Hakpis. O intento de Mursilis III de arrebatar Nerik e Hakpis ao seu tío Hattusilis provocou a revolta do devandito, que acabou co seu ascenso ao trono.
A cidade desapareceu despois do -1185.
Segundo Matthews & Glatz[1] estaría situada ao leste da confluencia do río Devrez co Kizilirmak, no distrito de Vezirköprü, na provincia de Samsun.
Notas
- ↑ Matthews, Roger; Glatz, Claudia (2009). "The historical geography of north-central Anatolia in the Hittite period: texts and archaeology in concert". Anatolian Studies (59): 51–72. p, 69