O baño turco é un cadro de Dominique Ingres. Esta obra orientalista representa un grupo de mulleres espidas nun harén. O erotismo do cadro é suave e non provoca grande escándalo nin o fixo na súa época, a diferenza doutros do mesmo xénero, como o O almorzo sobre a herba de Édouard Manet (1863). Pero durante moito tempo pertenceu a coleccións privadas e non se exhibiu de maneira continuada até o século XX. Actualmente atópase no Museo do Louvre de París, Francia, onde se exhibe co título de Le Bain turc. Está considerada como a obra mestra dos derradeiros anos de Ingres.
Realización
É xa un ancián o que asina o cadro erótico en 1862, non sen unha certa malicia, xa que el inscríbeo con orgullo AETATIS LXXXII ('á idade de oitenta e dous anos'). Algúns anos despois (en 1867), Ingres declara:
todo o lume dun home de trinta anos.
Rectangular na súa orixe, o pintor daralle forma de tondo ou medallón no ano 1863, acentuando así o carácter furtivo da mirada que o contempla, que semella asexar a través dunha pechadura e outorgando unha nova dimensión á obra, reforzando a cadencia dos corpos espidos.[1]
Para realizar este cadro Ingres non recorre a modelos; inspírase nos numerosos bosquexos de cadros que pintou ao longo da súa carreira, xa que o espido feminino foi o tema principal da súa obra.[1] Pódese ver, por exemplo, nas figuras de A bañista e A Odalisca,[1] que debuxou ou pintou soas, sobre un diván ou un estanque. O primeiro plano está ocupado por unha muller volta de costas que está a tocar unha especie de laúde. Lembra á figura máis coñecida de Ingres: A bañista de Valpinçon, que reproduciu de forma case idéntica, variando a posición do brazo, de maneira que aquí ao estar un pouco levantado, deixa entrever o seu peito.[1] Constitúe o elemento central da composición. Igualmente, a odalisca cos brazos levantados que se ve en primeiro plano, foi produto dun bosquexo que fixo o pintor en 1818 e que representaba á súa muller (Madeleine). As costas desta muller dos brazos levantados, é máis longa do normal, incoherencia anatómica do artista que empregaba con frecuencia e de xeito absolutamente consciente, sacrificando a verosimilitude polo efecto; quere pintar a beleza, a súa beleza, unha beleza individual (por exemplo as tres vértebras suplementarias de A Grande Odalisca). Os demais corpos están xuxtapostos en diferentes planos, sen que se crucen as súas miradas e como facendo un cadencioso ritmo figurativo. É de notar a curiosa ousadía de Ingres ao representar neste cadro unha escena de agarimos lésbicas entre unha das mulleres (que aparece con coroa coma se fose a Valide Sultan) e outra que parece algo menor en idade. En realidade gran parte desta composición pitórica semella gravitar ao redor dese tema; por exemplo: a odalisca que tañe o laúde parece facelo dedicado a esas mulleres tal cal se observa na pintura.
Ingres poboa o cadro dunha case infinidade de mulleres, en posturas e actitudes distintas: estiradas, tomando café, charlando, bailando etc.[1] Son ducias de espidas que están sentadas ou tombadas, ao redor dunha piscina, as súas posicións lembran, seica por casualidade, ás posturas das figuras do templo hindú de Khajuraho, polo tanto existe unha especie de ritmo con reminiscencias musicais nesta pintura e lonxe está de ser fortuíta tal apreciación: no "primeiro plano" está a odalisca espida (que é a muller que máis iluminada aparece) tañendo ao laúde e case fronte a ela pero moi ao fondo e na penumbra a muller que danza. Moitas destas bañistas acaban de saír da auga e aparecen secándose ou durmindo. O maior erotismo do cadro vén proporcionado polas dúas mulleres que están á dereita, unha tocando o peito da que ten ao seu lado.
No primeiro plano, á dereita, hai unha manta vermella e, sobre ela, unha mesiña cunha serie de obxectos. Forman un bodegón: unha teteira prateada, unha xerra de porcelana, unha cunca.[1]
Posteridade
Esta obra é un encargo feito ao redor de 1848 por un parente de Napoleón III (ou do propio príncipe Napoleón, segundo a páxina web do Museo do Louvre, quen pouco despois de adquirilo devolveullo ao pintor, porque a súa muller (a emperatriz Eugenia) atopábao «pouco conveniente». O pintor seguiu traballando na súa obra até 1863, mesmo despois de que el mesmo datáseo en 1862.
En 1865 adquiriuno Halil Serif Pascha, chamado Khalil Bey, un diplomático turco que vivía en París, incorporándoo á súa colección de cadros eróticos, entre os que se atopaba A orixe do mundo, de Gustave Courbet. A finais do século XIX uns mecenas quixeron regalar O baño turco ao Museo do Louvre, pero o consello do museo rexeitouno en dúas ocasións.
Só se revelou ao gran público en 1905, con ocasión da retrospectiva de Ingres no Salón de Outono, onde entusiasmou a pintores de vangarda como Picasso.
Despois de que o tentasen mercar os coleccionistas nacionais dos museos de Múnic, o Louvre aceptouno nas súas coleccións en 1911.
Edgar Degas pediu que o cadro se presentase na Exposición Universal, o que provocou diferentes reaccións: Paul Claudel chegou a comparalo a un «grupo de xitanos».
A inspiración orientalista
Ingres estivo moi influenciado pola corrente orientalista, relanzada despois da batalla de Exipto de Napoleón. En 1806, cando Ingres vai a Italia, copia nos seus cadernos un texto no que se fala dos baños do serrallo de Mohamed. Pódese ler unha descrición do harén na que explica: sucede nunha sala rodeada de sofás (...) nela, varias mulleres atenden ao sultán á saída do baño, secándoo e asperxéndoo coas máis perfumadas esencias; seguro que el gozaba dun voluptuoso repouso.
En 1825 Ingres copia unha pasaxe de Lettres d'Orient de Lady Mary Montagu, titulado Descrición do baño das mulleres de Andrinopla. Lady Mary, esposa dun diplomático inglés, acompañou ao seu marido en 1716 cando foi destinado ao Imperio Otomán. Estas cartas reeditáronse en Francia entre 1763 e 1857 en oito ocasións, o que alimentou a febre orientalista. Eu creo que había unhas duascentas mulleres, indica Lady Montagu na pasaxe copiada por Ingres. Belas mulleres espidas en poses diversas -unhas conversando entre si, outras dedicadas ao seu labor, outras bebendo café ou degustando un xeado, e moitas tendidas indolentemente, mentres as súas escravas (en xeral encantadoras mozas de dezasete ou dezaoito anos) dedicábanse a peitear os seus cabelos ao seu capricho. A inspiración deste cadro na obra de Lady Montagu é evidente.[1]
Con todo, así como Delacroix visitou un harén en Alxeria, Ingres non viaxou xamais a África ou ao Oriente Medio. As cortesás que el pinta teñen unha cor máis europea ca oriental. O tema oriental é para el, ante todo, un pretexto para pintar o espido feminino nunha pose pasiva e lasciva. Os elementos exóticos son raros nas súas composicións, e inclúen instrumentos de música, algúns xogos ou un incensario.
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 L. Cirlot (dir.), Museo del Louvre I, Col. «Museos del Mundo», Tomo 3, Espasa, 2007. ISBN 978-84-674-3806-2, pp. 178-179
Ligazóns externas