Amlaíb mac Sitriuc (nórdico antigo Óláfr Sigtryggsson), nado en 926 e finado en 981, coñecido comunmente como Cuarán, en nórdico antigoÓláfr kváran, foi rei viquingo de York (Jórvik) e do reino de Dublín no século X, de ascendencia nórdico-gaélica. O seu alcume, cuarán é traducido habitualmente como "sandalia". Aparece en numerosas fontes con outros nomes anglificados, tales como Olaf Cuaran e Olaf Sihtricson, particularmente durante a súa breve etapa de gobernante de Jórvik[1]. Foi o último membro da dinastía Uí Ímair que desempeñou un papel importante na política das Illas británicas e Irlanda
Traxectoria
Amlaib foi rei de York e Northumbria polo menos dúas ou tres veces na súa vida e foi en dúas ocasións o gobernante de Dublín e arredores. O seu reinado sobre estes territorios estendeuse durante corenta anos. Era un guerreiro de renome e desapiadado asaltando igrexas, pero acabou os seus días nun respectábel retiro na Abadía de Iona. Nacido na época en que os Uí Ímair gobernaban extensas áreas en Gran Bretaña e Irlanda, á súa morte o reino de Dublín pasara a ser un poder menor da política irlandesa. Con todo, a súa puxanza económica convertéraa nunha das capitais comerciais da Europa Atlántica e o control da cidade e as súas riquezas facían dela un trofeo apetecíbel para os ambiciosos príncipes irlandeses.
Durante a súa vida foi patrón de poetas irlandeses e escaldas escandinavos, que escribían versos de encomio ao seu mecenas. Olaf estivo casado en, polo menos, dúas ocasións, e os seus numerosos fillos acabarían casando con membros das principais familias reais de Irlanda e Escandinavia. Os seus descendentes serían reis de Man e das Hébridas até o século XIII.
Estes asaltos continuaron producíndose de forma esporádica durante o primeiro cuarto do século IX. Durante o segundo cuarto, a frecuencia e envergadura destes ataques incrementáronse e apareceron os primeiros asentamentos viquingos permanentes (chamados longphorts en Irlanda)[3].
Orixes
O Ímar do que descendían os Uí Ímair era, presuntamente un Ímar (pronuncia inglesa Ivar), "rei dos nórdicos de toda Gran Bretaña e Irlanda", cuxa morte se menciona nos Anais do Ulster no ano 873. Que este Ímar sexa o mesmo Ímar líder do Grande exército pagán, ou Ivar o Desosado é menos seguro[4].
Amlaib Cuarán era probabelmente un bisneto de Ímar. Non dispomos de fontes contemporáneas aos feitos que nos informen da descendencia entre Ímar e os seus netos, pero é bastante probábel que os netos de Ímar dos que hai constancia entre 896 e 934 - o pai de Amlaíb Sitriuc (m. 927), Ragnall (m. 921), Gofraid (m. 934), Ímar (m. 904) e Amlaíb (m. 896) - fosen irmáns máis que primos[5]. Sitriuc, o pai de Amlaib aparece nos rexistros por primeira vez en 914, cando conquistou Dublín, posibelmente en mans irlandesas desde a expulsión dos anteriores gobernantes viquingos en 902[6].
Sitriuc gobernou Northumbria até a súa morte en 927. A Crónica Anglosaxoa fai constar o seu matrimonio coa filla do rei Aethelstan en Tamworth, o 30 de xaneiro de 926. Segundo fontes posteriores, como o cronista Xoán de Wallingford, Amlaib sería fillo de Sitriuc e desta princesa de Wessex[7]. Ademais de Amlaib, outros fillos de Sitriuc serían Gofraid (m. 951), rei de Dublín, Aralt (m. 940), gobernante do reino de Limerick, e, con algo menos de certeza, Sichfrith e Auisle, que aparecen mencionados entre os falecidos na batalla de Brunanburh en 937 nos Anais de Clonmacnoise[8]. Na crónica Heimskringla menciónase que outra filla de Sitriuc, de nome Gytha, contraeu matrimonio co pirata noruegués Olaf Tryggvason, aínda que posibelmente fose unha filla de Olaf Cuarán[9].
Tras a morte do seu pai, Amlaib foi posibelmente rei de York durante algún tempo, pero o rei Aethelstan conseguiu conquistar o reino de Northumbria e derrotar a Gofraid, irmán de Sitriuc[10]. Segundo Guillerme de Malmesbury, Olaf fuxiu a Irlanda, mentres que o seu tío Gofraid tentaba reconquistar York[11]. En 937, un exército dirixido por Amlaib, fillo de Gofraid e asistido por Constantín mac Áeda, monarca do reino de Alba e Owen, rei de Strathclyde foi derrotado polos saxóns na batalla de Brunanburh[12]. Malmesbury escribiu que Olaf estivo presente na batalla, espiando o campamento inglés antes da batalla disfrazado de escaldo[13].
A carreira de Amlaib Cuaran comezou propiamente en 941, tras a morte do seu primo Amlaíb mac Gofrith. Cuaran sucedeuno á fronte do goberno do reino viquingo de York, xunto co seu primo Ragnall, fillo de Gofraid. De acordo aos Anais de Clonmacnoise, Amlaíb chegara a Gran Bretaña en 940, deixando a outro fillo de Gofraid, Blácaire, no goberno de Dublín[15].
Amlaíb e Ragnall gobernaron York até 944. A cronoloxía dos feitos entre a morte de Aethelstan e a expulsión de Amlaíb e Ragnall non está clara, xa que as diferentes versións da Crónica Anglosaxoa non se poñen de acordo. Parece ser que, tras a morte do rei saxón, Edmund non só perdeu o control de Northumbria, senón tamén que os cinco burgos de Danelaw se someteron ao mando de Amlaib mac Gofrith[16]. Un dos Amlaibs arrasou Tamworth segundo a Crónica Anglosaxoa:
Aquí Olaf destruíu Tamworth e unha gran matanza sucedeu en ambos os bandos, e os daneses conseguiron a vitoria e levaron un gran botín de guerra con eles. Wulfrun foi capturado no ataque. O rei Edmund asediou ao rei Olaf e a Wulfstan en Leicester, e teríaos capturado de non fuxir da fortaleza na noite.[17]
Estes feitos tiveron lugar entre 940 e 943, aínda que os historiadores disenten en canto a se os feitos estiveron protagonizados por Amlaíb mac Gofrith ou Amlaíb Cuarán[18].
Edmund conseguiu reconquistar os Cinco Burgos en 942, un feito celebrado en verso pola Crónica Anglosaxoa. A Crónica recolle o bautismo de Amlaíb, co rei Edmund actuando como o seu padriño[19]. Isto non implica que Amlaib non fose xa cristián, nin que o bautismo significase un compromiso permanente coa fe cristiá, xa que en moitos casos estes bautismos eran actos políticos. Alfredo o Grande, por exemplo, patrocinara o bautismo do rei galésAnarawd ap Rhodri[20].
Amlaíb foi expulsado do trono de York en 944. A Crónica Anglosaxoa relata que o rei Edmund conquistou toda Northumbria e puxo en fuga aos dous reis (ou "homes da realeza") Olaf e Rægnald[21]. É posíbel que a rivalidade entre ambos os xefes viquingos contribuíse á súa caída[22]. O relato de Æthelweard conta que Amlaíb foi deposto por unha tropa encabezada por Wulfstan, arcebispo de York e un líder merciano de nome descoñecido[23].
Congalach e Ruaidrí
Tras a súa expulsión de Northumbria, Olaf regresou a Irlanda, mentres que Ragnall poida que resultase morto en York[24]. A sorte para os Uí Ímair de Irlanda tamén foi adversa, xa que en 944, Dublín foi saqueada polo Rei Supremo Congalach Cnogba, que tiña o seu cuartel xeral en Brega, na ribeira sur do río Boyne, ao norte da capital. Ao ano seguinte, quizais como resultado deste saqueo, Olaf substituíu o seu curmán Blácaire como rei de Dublín. Olaf aliouse con Congalach, o que contribuíu a mellorar a súa posición[25].
Congalach e Amlaíb enfrontáronse entón con Ruaidrí ua Canannáin, rei de Cenél Conaill (Donegal), rival de Congalach na loita polo título de Rei Supremo. Ambos os exércitos enfrontáronse en 945 en Conaille Muirtheimne, no territorio actual de Louth, e ao ano seguinte, Amlaíb atacou Kilcullen, en Leinster. En 947, Ruaidri derrotou a Congalach e Amlaíb en Slane, inflixindo grandes perdas aos viquingos de Dublín, moitas das cales durante a fuxida. Tras esta derrota, parece ser que Amlaíb foi desposuído da coroa, xa que os anais do ano seguinte dan a Blácaire como líder das forzas de Dublín. No entanto, Blácaire morreu a mans de Congalach en 948, tras o que foi sucedido por Gofraid, un dos irmáns de Amlaíb[26].
De novo en Jórvik
Descoñecemos con certeza o sucedido en Norhumbria durante a estancia de Amlaíb en Irlanda. Mentres que Edmund conseguiu o control da zona tras a expulsión de Amlaíb e a morte de Ragnall, pronto tivo que ceder o norte a un rei escandinavo de nome Eirikr, ao que se ten identificado habitualmente con Eric Machada Sanguenta[27]. Se Erik chegou a gobernar Northumbria antes da morte de Edmund tivo que ser moi brevemente. Edmund morreu en 946 e foi sucedido polo seu irmán Eadred. A Crónica Anglosaxoa lembra que Eadred "reduciu toda a terra de Norhumbria ao seu control; e os escoceses prestaron xuramento de que farían todo o que el quixese"[28]. A submisión de Northumbria a Eadred provocou unha reunión cos notábeis de York encabezada polo arcebispo Wulfstan en 947, pero ao ano seguinte, Erik ocupara novamente a zona, e Eadred devastou o sur do territorio - menciónase Ripon como obxectivo particular - para forzar aos northumbrianos a expulsar a Erik, o que finalmente conseguiron[29].
Ao ano seguinte, 949, os northumbrianos convidaron a Amlaíb a gobernar en York[30]. O seu regreso a Inglaterra puido contar coa aprobación de Eadred.[31] Ese mesmo ano, o rei Malcolm I de Escocia, atacou Northumbria, chegando a alcanzar o Río Tees no sur e levándose un cuantioso botín en riqueza e escravos. Se esta incursión estaba dirixida contra Amlaíb, non o sabemos. Unha segunda invasión desde o norte en 952 realizada polos escoceses de Malcolm I xunto a grupos de britanos e saxóns foi rexeitada. De todos os xeitos, en 952 Amlaíb foi deposto e substituído por Erik, e á súa morte en 954, o reino viquingo de York quedou definitivamente incorporado ao dominio inglés. Amlaíb regresou a Irlanda e nunca máis volvería gobernar en York[32].
De Dublín a Iona
En 951, mentres Amlaíb atopábase en Gran Bretaña, o seu irmán Gofraid faleceu de enfermidade en Dublín[33]. O antigo rival de Congalach, Ruaidre falecera tamén, deixando ao antigo aliado de Amlaíb como rei indisputado de toda Irlanda, o que o convertía nunha seria ameaza para o reino viquingo de Dublín e para o reino irlandés de Leinster. Quizais a consecuencia desta situación, Congalach foi emboscado e morto en Dún Ailinne (Kildare) ou en Tech Guigenn na rexión do Río Liffey cando recadaba impostos en Leinster en 956[34]. O principal beneficiario desta morte foi o irmán de Dúnflaith, a nova esposa de Olaf, Domnall ua Néill, que se converteu no novo Ardri. Polo seu matrimonio, Amlaíb non só estaba conectado cos Cenél nEógain, do Ulster, senón tamén cos Clann Cholmáin, ao converterse en padrasto de Máel Sechnaill mac Domnaill, fillo de Dúnflaith[35].
A principios dos 60, Amlaíb Cuarán tivo que se enfrontar aos fillos do seu primo Amlaíb mac Gofrith, anterior rei de Dublín, para conservar o seu trono. En 960, os Anais do Ulster contan que Cammán, fillo de Amlaíb mac Gofrith foi derrotado nun lugar non identificado chamado Dub. Dous anos máis tarde, un tal Sitriuc Cam, posibelmente o mesmo Cammán foi derrotado polas tropas dublinesas de Amlaíb Cuarán xunto aos homes de Leinster durante unha incursión nesta última provincia. Olaf resultou ferido na batalla e Sitriuc conseguiu escapar. Tras esta batalla, Sitriuc e un irmán seu aparecen atacando Munster, pero non volvemos ter noticias deles e presúmese que abandonaron Irlanda[36].
As actividades de Amlaíb neste período parecen estar limitadas a razzias ocasionais no territorio de Leinster. Atacou Kildare en 964 e novamente en 967, cando Muiredach mac Faeláin, abade de Kildare e membro da dinastía Uí Dúnlainge, reis da provincia naquel entón, foi asasinado por Amlaíb e Cerball mac Lorcáin, parente seu. Outra incursión no sur, en 964, concluíu cunha severa derrota do rei viquingo preto de Inistogue, a mans dos exércitos de Ossory[37].
Até finais desa década de 960, Domnall ua Néill, o sucesor de Congalach como Ard Ri, estivo ocupado con loitas en Connacht e Munster, e non interveu na política de Leinster ou Dublín. Tras solucionar os seus problemas máis inmediatos, marchou cara ao sur en 968 e saqueou todo o sueste de Irlanda, matando a numerosos magnates e chegando a pór sitio a Dublín durante dous meses. Aínda que non foi capaz de capturar o porto, aproveitou a ocasión para levar gran cantidade de gando. Amlaíb, aliado co rei de Leinster Murchad mac Finn, respondeu atacando Kells en 969. Unha expedición dos aliados de Ua Néill foi derrotada preto de Ardmulchan en Meath[38].
En 970 Domnall ua Néill e os seus aliados atacaron Brega, rexido agora por Domnall mac Congalach, fillo de Congalach e aliado e xenro de Amlaíb. As igrexas de Monasterboice e Dunleer, custodiadas por soldados de Amlaíb foron dous dos principais obxectivos. Domnall de Brega e Amlaíb enfrontáronse entón aos homes de Domnall ua Néill en Kilmona (Westmeath). O exército do Ard Ri, no que figuraban soldados procedentes de Ulidia foi derrotado, perecendo na batalla Ardgal mac Matudáin, rei de Ulidia, e Cináed mac Crongilla, rei de Conaille Muirtheimne, entre outros. Con todo, a batalla de Kilmona non puxo fin á guerra. Monasterboice e Dunleer foron incendiados tras a batalla e ao ano seguinte, a guerra estendeuse ao territorio de Clann Cholmáin, que foi arrasado por Ua Néill en 971. Tras esta campaña, o rei de Cenél nEógain e Ard ri de Irlanda, estableceu de forma efectiva a súa hexemonía sobre Leinster e Meath[39].
En 977, os fillos de Domnall ua Néill, Congalach e Muirchertach foron asasinados, e os anais atribúen o crime a Amlaíb. Domnall non tratou de vingar as súas mortes, retirándose ao mosteiro de Armagh, onde faleceu en 980. Os dublineses atacaron Leinster a finais dos 70 e o rei provincial Úgaire mac Túathail, foi capturado en 976. O motivo foi posibelmente o rescate, xa que temos noticia da súa morte en 978 en Belan (Kildare), loitando contra os viquingos de Dublín, xunto con Muiredach mac Riain de Uí Cheinnselaig, dinastía pertencente ao Leinster meridional. O sucesor de Úgaire, Domnall Claen, tivo menos sorte ao ser capturado polos viquingos ao ano seguinte[40].
Á morte do Rei Supremo Domnall ua Néill, o fillastro de Amlaíb Máel Sechnaill mac Domnaill presentou a súa candidatura ao título. O antigo aliado de Olaf, Domnall mac Congalach. falecera en 976, deixando o camiño libre a Máel Sechnaill. Máel Sechnaill converteuse en rei de Mide e xefe de Clann Cholmáin en 975 e iniciara o seu reinado cun ataque a Olaf ao incendiar o "Bosque de Thor" nos arredores de Dublín. En 980, o novo Ard ri obtivo o apoio de Leinster para enfrontarse aos exércitos de Amlaib (dirixidos polos seus fillos, xa que Amlaíb era ancián) no outeiro de Tara. Os dublineses buscaron o apoio de mercenarios provenientes de Mann e as Hébridas. A batalla de Tara saldouse cunha esmagadora vitoria irlandesa, aínda que as baixas en ambos os bandos foron elevadas: entre os viquingos caeu o fillo de Amlaíb, Ragnall (Rögnvaldr), e entre os irlandeses varios reis e xefes provinciais. Tras a vitoria, Máel Sechnaill ocupou Dublín e impuxo un gravoso tributo sobre os seus habitantes[41].
Pola súa banda, Amlaíb abdicou ou foi destituído, e foi substituído no trono por un dos seus fillos, Glúniairn (Járnkné), fillo de Dúnlaith e, por tanto, medio irmán de Máel Sechnaill. O vello rei retirouse ao mosteiro de Iona, onde falecería pouco tempo despois[42].
Matrimonio e fillos
Da súa relación con Dúnlaith, filla de Muirchertach mac Néill, nacería Glúniairn (Járnkné, literalmente «xeonllo de ferro»), rei viquingo de Dublín.
Á morte de Olaf Cuaran, Gormflaith casaría con Brian Boru.
Teorías sobre outros vínculos familiares
As diversas fontes de información, ás veces contradinse ou xorden paralelismos cronoloxicamente imposíbeis. De todos os xeitos, algunhas sagas nórdicas mencionan á súa irmá Gytha, como esposa de Olavo I de Noruega, Máel Muire, que casaría con Máel Sechnaill mac Domnaill, e Harald, posibelmente sexa o avó de Godred Crovan[44].
Cuarán
O sobrenome de Amlaíb, cuarán tradúcese normalmente como "sandalia" ou "zapato". Deriva do irlandés antigocúar, que significa retorto. Aplicouse por primeira vez nunha entrada dos Anais do Ulster referente á batalla de Slane de 947. Posibelmente, o adxectivo se refira a algún estilo específico de calzado. Benjamin Hudson recorre a unha descrición dun cuarán que aparece nunha sátira do século XII, na que este calzado estaría feito de pel envolto sete veces e acabado en punta.
↑En anglosaxón, el era Anlaf. Para os irlandeses, puido haber sido tamén Amlaíb mac ua Ímair ou Amlaíb ua Ímair, aínda que houbo outros personaxes con eses nomes. Do mesmo xeito, o seu alcume viquingo, "Olaf o Roxo" aplicouse a varios gobernantes nórdicos de Irlanda e as illas.
↑Keynes, "Vikings in England", pp. 50–51; Ó Corráin, "Ireland, Wales, Man, and the Hebrides", pp. 83–85.
↑Keynes, "Vikings in England", pp. 51–52; Ó Corráin, "Ireland, Wales, Man, and the Hebrides", pp. 84–89.
↑Ó Cróinín, Early Medieval Ireland, pp. 250–254, discute sobre a carreira de Ímar e as diferentes disputas. Véxase tamén Woolf, Pictland to Alba, cap. 2; Downham, Viking Kings, cap. 1–3, especialmente pp. 17–23 & 64 –67. Ó Corráin, "Vikings in Scotland and Ireland", passim, estuda o problema da identificación.
↑Así Downham, Viking Kings, p. 29, figura 6. As contribucións de Cyril Hart ao Oxford Dictionary of National Biography converten a Ragnall, Sitriuc e Gofraid en irmáns; igualmente Hudson, Viking Pirates, p. 31, figura 1, fai a estes tres irmáns fillos de Guthfrith, Rei de York.
↑De acordo a Guillerme de Malmesbury, que di non coñecer o nome da princesa, sería irmá de Æthelstan, filla de o Vello Eduardo o Vello e a súa primeira esposa Ecgwynn. Xoán de Wallingford denomínaa como Orgiue, quizais Eadgifu; Hudson, Viking Pirates, pp. 28–29.
↑Hudson, Viking Pirates, p. 31, figura 1, só dá o nome de Gofraid; Downham, Viking Kings, p. 29, figura 6 & pp. 245, 247, 254 & 269; Annals of Clonmacnoise, s.a. 931.
↑Hart, "Sihtric Cáech"; "Saga of Olaf Tryggvason", cap. 32, Heimskringla, pp. 171–173; Hudson, Viking Pirates, p. 31, figura 1 & p. 84.
↑Downham, Viking Kings, p. 100; Hudson, Viking Pirates, p. 29; Woolf, Pictland to Alba, p. 151. Hudson, "Óláf Sihtricson", supón que Amlaíb nacera en York, en cuxo caso sería un neno nesta época.
↑Woolf, Pictland to Alba, pp. 168–173; Downham, Viking Kings, pp. 103–105; Hudson, Viking Pirates
↑Hudson, Viking Pirates, pp. 30–31; Hudson afirma: "Se esta historia ten algunha base histórica, claramente confundiuse a Olaf Cuaran co seu primo ...".
↑Hudson, "Óláf Guthfrithson"; Woolf, Pictland to Alba, p. 174.
↑Downham, Viking Kings, pp. 43, 241 & 248; Costambeys, "Ragnall Guthfrithson"; Hudson, "Óláf Sihtricson"; Hudson, Viking Pirates, pp. 33–34; Woolf, Pictland to Alba, p. 181; Annals of Clonmacnoise, s.a. 933.
↑Higham, "Five Boroughs"; Higham, Kingdom of Northumbria, p. 193; Miller, "Edmund"; Woolf, Pictland to Alba, p. 174; pero que Amlaíb controlase o Danelaw de Mercia é cuestionado por Downham, Viking Kings, pp. 108–109.
↑Swanton, Anglo-Saxon Chronicle, p. 111, Ms. D, s.a. 943.
↑Os eventos están asociados a Amlaíb mac Gofrith por Higham, Kingdom of Northumbria, p. 193; Miller, "Edmund"; Woolf, Pictland to Alba, p. 174. Outros, como Swanton, Anglo-Saxon Chronicle, p. 111, nota 11; Downham, Viking Kings, p. 110; Hudson, "Óláf Sihtricson", vincúlanos a Amlaíb Cuarán.
↑Swanton, Anglo-Saxon Chronicle, pp. 110–111, Ms. A, s.a. 942, Ms. D, s.a. 942 & 943.
↑Así Hudson, Viking Pirates, p. 34. En canto ao bautismo, Hudson descríbeo como "...-un acto politicamente motivado... un medio recoñecido de selar unha alianza cun individuo dominante ...". Ragnall foi bautizado pouco tempo despois segundo a Crónica Anglosaxoa.
↑Swanton, Crónica Anglosaxoa, pp. 110–111, Ms. A, s.a. 944, Ms. E., s.a. 944.
↑Downham, Viking Kings, pp. 46 & 111–112; Woolf, Pictland to Alba, p. 182.
↑Hudson, Viking Pirates, p. 35; Woolf, Pictland to Alba, p. 182, suxire que este merciano descoñecido era Æthelstan Medio-Rei.
↑Costambeys, "Ragnall"; Downham, Viking Kings, p. 46; a morte de Ragnall é mencionada nos Anais de Clonmacnoise, s.a. 937.
↑Downham, Viking Kings, pp. 46, 241 & 248; Hudson, Viking Pirates, pp. 35–36.
↑Downham, Viking Kings, pp. 46–47 & 241; Hudson, Viking Pirates, pp 36–37; Woolf, Pictland to Alba, p. 186.
↑Para unha opinión en contra desta identificación ver Downham, Viking Kings, pp. 115–120 and Woolf, Pictland to Alba, pp. 187–188.
↑Swanton, Anglo-Saxon Chronicle, pp. 112–113, Mss A & D, s.a. 946, Ms. E, s.a. 948.
↑Swanton, Anglo-Saxon Chronicle, pp. 112–113, Ms D, s.a. 947 & 948.
↑Swanton, Anglo-Saxon Chronicle, pp. 112–113, Ms E, s.a. 949.
↑[Muiredach, see Byrne, "Church and politics", @673?] Downham, Viking Kings, pp. 50 & 242; Hudson, "Domnall ua Néill".
↑Downham, Viking Kings, pp. 50 & 242; Hudson, "Óláf Sihtricson"; Hudson, "Domnall ua Néill".
↑Downham, Viking Kings, pp. 50–51 & 242; Hudson, "Óláf Sihtricson"; Hudson, "Domnall ua Néill". Compárese Viking Pirates tamén.
↑Downham, Viking Kings, p. 51; Hudson, "Óláf Sihtricson"; Annals of Tigernach, AT 976.3, 977.1, 978.2 & 979.2. Domnall Claen podería ter sido inimigo personal de Amlaíb, ao ter asasinado ao sogro deste último de forma "traizoeira" en 972; Hudson, "Óláf Sihtricson"; Annals of Ulster, AU 972.2.
↑Downham, Viking Kings, pp. 51–53; Hudson, "Óláf Sihtricson"; Hudson, Viking Pirates. Único fillo de Dúnlaith?
↑Peter C. Bartrum, (Cardiff. University of Wales Press. 1966), FHL 942.9 D2ba., p. 152 liña 6c.
↑Downham, Viking Kings, p. 29, figure 6; Hudson, Viking Pirates, p. 49, figura 2 & p. 83, figura 3; Etchingam, "Gwynedd and Ireland", p. 167, fig. 7.1.
Downham, Clare (2007). Viking Kings of Britain and Ireland: The Dynasty of Ívarr to A.D. 1014. Edinburgh: Dunedin. ISBN978-1-903765-89-0. OCLC163618313.
Etchingham, Colman (2007). "Viking age Gwynedd and Ireland: political relations". En Jankulak, Karen; Wooding, Jonathan M. Ireland and Wales in the Middle Ages. Dublin: Four Courts Press. pp. 149–167. ISBN978-1-85182-748-0. OCLC52919358.
Hall, R. A. (2001). "A kingdom too far: York in the early tenth century". En Higham, N. J.; Hill, D. H. Edward the Elder 899–924. London: Routledge. pp. 188–199. ISBN0-415-21497-1. OCLC45313225.
Hall, R. A. (1999). "York". En Lapidge, Michael. The Blackwell Encyclopedia of Anglo-Saxon England. Oxford: Blackwell Publishing. pp. 497–499. ISBN0-631-22492-0. OCLC185380798.
Higham, N. J. (1999). Lapidge, Michael, ed. The Blackwell Encyclopedia of Anglo-Saxon England. Five Boroughs. Oxford: Blackwell Publishing. p. 186. ISBN0-631-22492-0. OCLC185380798.
Keynes, Simon (1999). "Rulers of the English, c.450–1066". En Lapidge, Michael. The Blackwell Encyclopedia of Anglo-Saxon England. Oxford: Blackwell Publishing. pp. 500–516. ISBN0-631-22492-0. OCLC185380798.
Keynes, Simon (1999). "Wulfstan I". En Lapidge, Michael. The Blackwell Encyclopedia of Anglo-Saxon England. Oxford: Blackwell Publishing. pp. 492–493. ISBN0-631-22492-0. OCLC185380798.
Miller, Sean (1999). "Edmund". En Lapidge, Michael. The Blackwell Encyclopedia of Anglo-Saxon England. Oxford: Blackwell Publishing. pp. 159–160. ISBN0-631-22492-0. OCLC185380798.