O réxime etíope de Mengistu Haile Mariam foi desestabilizado polos rebeldes de Eritrea e Tigray en 1991. Varias organizacións xudías así como o Estado de Israel preocupáronse pola sorte da considerable comunidade xudía de Falashas que vivían en Etiopía, cuxa emigración en masa fora dificultada até entón polo réxime de Mariam. O enfraquecemento e a diminución do poder do réxime africano presentou unha prometedora oportunidade para que os Beta Israel puidesen realizar a súa Aliyah e así poder emigrar a Israel, segundo un plan xa ideado desde 1990.
No ano anterior o Goberno de Israel e as Forzas de Defensa de Israel, conscientes do empeoramento da situación política de Mengistu Mariam, realizou plans encubertos de transporte aéreo para o traslado dos xudeus etíopes cara a Israel. Isto converteuse na maior emigración de Beta Israel até a data.
En 36 horas,[2] 35 avións da compañía aérea israelí El Al releváronse para transportar a 14.325 xudeus Beta Israel desde Etiopía a Israel.[3]
Esta operación rexistra a marca de número de pasaxeiros nun voo, con 1087 pasaxeiros transportados nun Boeing 747 de El Al. Os planificadores esperaron poder encher o avión con 760 pasaxeiros. Debido a que os pasaxeiros eran moi liviáns, moitos máis puideron subir a bordo.[4] Cinco bebés naceron durante os voos.[2]
Notas
↑O termo olim hebreo: עולים utilízase para un grupo de persoas que realizan a Aliyah, ou inmigración cara Israel. A súa forma singular é oleh (m.; pl. olim) ou olah (f.; pl. olot)