Share to: share facebook share twitter share wa share telegram print page

Orde de Santo Agostiño

Símbolo da Orde de Santo Agostiño.

A Orde de Santo Agostiño (O.S.A., en latín: Ordo Fratrum Sancti Augustini, historicamente coñecida como Orde de Ermitáns de Santo Agostiño (O.E.S.A.), (en latín: Ordo Eremitarum Sancti Augustini) é unha orde relixiosa mendicante estabelecida pola Igrexa católica baixo o pontificado de Inocencio IV no ano 1244, perante a necesidade de unificar unha serie de comunidades de eremitas que xurdiron baixo a experiencia monástica de santo Agostiño e a súa Regra do século IV.

Historia

Orixe

O nacemento da Orde de Santo Agostiño remóntase ó ano 1243 cando catro ermitáns (Estevo de Cataches, Hugo de Corbaria, Guido de Rosia e Pedro de Lupocavo) en representación de grupos de eremitas situados na antiga Tuscia, Lacio superior e zonas limítrofes de Umbría, se dirixiron ó papa Inocencio IV para pedirlle unha regra común e un prior xeral.[1]

Logo de coñecida a proposta, no primeiro ano do seu pontificado, Inocencio IV determinou a creación dunha nova orde mendicante, tamén chamada orde de pobreza evanxélica ou de fraternidade apostólica (a terceira despois dos franciscanos e dominicos).[2] Incumbit nobis e Praesentium vobis datadas o 16 de decembro de 1243, sentaron as bases xurídicas da erección canónica da Orde de Santo Agostiño. Incumbit nobis ordenou que os eremitas de Tuscia, "exceptis Fratribus S. Guillelmi (agás polos irmáns S. Guillelmi)", enviasen un ou dous representantes de cada casa ó primeiro Capítulo Xeral, profesasen “a regra e o xénero de vida do benaventurado Agostiño”, redactasen as súas Constitucións e elixisen un Prior Xeral. O proceso estivo baixo a dirección do cardeal Ricardo degli Annibaldi por medio da bula Praesentium vovis. A reunión tivo lugar en marzo de 1244, na cidade de Roma (nun lugar agora descoñecido) no que se chama agora "A Pequena Unión".

A bula Licet Ecclesiae Catholicae marcou unha segunda fase no desenvolvemento inicial da Orde, coñecido como "A Grande Unión", ocorrida o 9 de abril de 1256 nunha antiga igrexa romana (hoxe Basílica de Santa María do Popolo). Nesta ocasión produciuse a anexión doutras ordes de ermitáns situados nas rexións centrais e setentrionais de Italia como os de Xoán Bo, os Ermitáns de Santa María de Cesena, os Ermitáns de Bréttino, os Ermitáns de Monte Favale e mesmo os Guillermitas que profesaban a Regra de San Bieito.

Notas

  1. Augnet. "OSA History". Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2018. 
  2. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 20 de febreiro de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2018. 

Véxase tamén

Ligazóns externas

Kembali kehalaman sebelumnya