Para outras páxinas con títulos homónimos véxase:
Arca.
O pazo da Arca é un pazo de principios do século XVII, situado na parroquia da Laxe, no concello de Chantada.
Historia e características
A casa grande ten planta en L cun patio no medio e unha pequena capela no seu interior. Na súa fachada principal conserva un escudo dos Figueroa. Tamén destaca a súa cheminea onde se poden ver unhas caras esculpidas.
Tamén conserva unha inscrición na fachada principal co ano da fundación da casa, 1602. No Catastro de Ensenada de 1753 cando fai referencia á parroquia da Laxe fala do sitio da Arca e do seu propietario, Juan Benito Taboada Camba.
Nos baixos da casa parece ser que houbo unha especie de calabozo e que a casa tiña xurisdición propia. Dise que antigamente a todo perseguido pola xustiza que chegaba a esta casa grande fuxindo da lei e que petaba á porta pedindo axuda e esta se lle abría quedaba impune do seu delito.
Destaca tamén a situación do pazo, no medio dunha gran leira con árbores de distinto tipo, así como un pequeno xardín na entrada da casa e un fermoso lavadoiro de pedra.
Véxase tamén
Outros artigos