O perexil ou pirixel[1] (nome científico: Petroselinum crispum) é unha planta herbácea do xénero Petroselinum dentro da familia Apiaceae, que se distribúe amplamente por todo o mundo, e é cultivada como condimento culinario.
Hábitat
Atópase naturalizado en hortos, xardíns e ás veces en marxes de camiños, muros, cultivos etc. de toda Europa e en parte de Asia.
Descrición
O perexil (Petroselinum crispum) é un planta herbácea bienal, aínda que pode cultivarse tamén como anual. Forma unha roseta empenachada de follas moi divididas, alcanza os 15 cm de altura e posúe talos floríferos que poden chegar a pasar os 60 cm con pequenas flores verdes amareladas. O seu cultivo coñécese desde hai máis de 300 anos, sendo unha das plantas aromáticas máis populares da gastronomía mundial.
A variedade perexil grande Petroselinum crispum tuberosum, posúe unha raíz engrosada axonomorfa, semellante á charouvía, que é a que se consome como hortaliza crúa ou cociñada. Esta variedade ten follas máis grandes e rugosas que as do perexil común e máis semellantes á especie brava.
Compoñentes
As follas de todos os tipos de perexil son ricas en vitaminas A, B1, B2, C e D, sempre que se consuman en cru, xa que a cocción elimina parte dos seus compoñentes vitamínicos.
Uso medicinal
Unha infusión de perexil pódese usar como diurético. Os herboristas chineses e alemáns recomendan tomalo como un té para regular a hipertensión, e os indios Cherokee úsano como medicamento tónico para mellorar o rendemento da vexiga urinaria. Tamén se usa frecuentemente como emenagogo.
O perexil incrementa a diuresis por inhibición da bomba de Na /K -ATPase no ril, favorecendo a excreción de sodio e auga, con todo incrementando a reabsorción de potasio e o seu aumento (PMID 11849841).
Cultivo
A súa reprodución realízase por sementes, nun lugar asollado e en calquera chan que non sexa demasiado compacto. Tamén é apta para cultivar en macetas ou xardineiras, podendo dispoñer dunhas follas frescas e tenras para aderezar os pratos cortando simplemente as necesarias e regando despois para estimular o crecemento vexetativo.
Etnoloxía
Ditos
- Estar feito un pirixel: dise da persoa feble e enfermiza, que está moi magra.
- Ser un pirixel, parecer un pirixel: aplícase á persoa persoa feble de saúde ou exquisita no carácter ou na comida.
Refráns
- Quen queira ter prixel todo o ano, seménteo no mes de maio.
- Sementa o prixel en maio, e terás prixel todo o ano.[2]
Notas