Antes, a peseta era a forma popular coa que se denominaba os catro reais de billón ou os dous reais de prata. É moi posíbel que o termo peseta proveña da palabra catalápeçeta (peciña), diminutivo de peça.[1] Na Idade Media, designaba ao real de a dous e en 1737, no Diccionario de autoridades castelán, aparece a peseta como «a peza que vale dous reais de prata de moeda provincial, formada de figura redonda. É voz modernamente introducida».[2]
O 19 de outubro de 1868, o ministro de Facenda do Goberno provisional do Xeneral Serrano, Laureano Figuerola, asinou o decreto polo cal se implantaba a peseta como unidade monetaria de España, ao mesmo tempo que entraba en vigor oficialmente o Sistema métrico. A primeira peseta foi cuñada en 1869 e, pouco despois, en 1875, apareceu a primeira peseta emitida en papel que seguiu a ser emitida até 1953 polo Banco de España.[3]
A peseta foi substituída polo euro no ano 1999 nos mercados de divisas. O 1 de xaneiro de 2002 o euro (€) entrou en circulación xunto coa peseta convivindo as dúas moedas até o 1 de marzo de 2002 en que peseta deixou de ser unha moeda de curso legal en España[4] e Andorra, aínda que existe o compromiso oficial do Banco de España de cambiar o seu importe en euros en non importa cal data, ó cambio oficial único establecido, 1 euro = 166,386 pta, co arredondamento correspondente ó terceiro decimal.