Este artigo trata sobre o xornalista e tradutor. Para o artigo sobre o seu pai véxase: Plácido Castro Rivas.
Plácido Ramón Castro del Río, nado en Corcubión o 25 de xaneiro do 1902 e finado en Cambados o 17 de xullo de 1967, foi un escritor, xornalista e tradutor galego. Foi unha figura destacada do galeguismo de entreguerras, así como un activo persoeiro da cultura galega na diáspora, durante a súa estadía no Reino Unido tras a Guerra Civil.
Traxectoria
Era fillo de Plácido Castro Rivas e de Eufrasia del Río Recamán. Tivo unha irmá chamada Hermitas Castro, nove anos máis vella[1]. Cando tiña seis anos os pais trasladáronse ao Reino Unido, e en 1911 estaban establecidos en Cardiff[1]. O pai era empresario do carbón, e naquela altura Gales era unha das grandes rexións mineiras da illa. No Reino Unido proseguiu os seus estudos, primeiro en Cardiff e posteriormente na cidade de Scarborough, onde estudou ata secundaria. Logo mudouse a Glasgow, onde estudou Arquitectura naval[2][3] na universidade desa cidade entre 1918 e 1921. Tamén realizou estudos complementarios no Royal Technical College da mesma cidade. Durante esa etapa universitaria comezou o seu labor como tradutor. Esporadicamente visitaba Galicia, pasando temporadas na vila de Cambados, na cal participou en actividades culturais.[4]
En 1930 retornou a Galicia, e ao pouco empezou a colaborar coas Irmandades da Fala. En decembro de 1931 deveu membro da Asemblea Fundacional do Partido Galeguista, e foi votado para o Consello Permanente. O seu peso no Partido Galeguista era tal que, na III Asemblea (1933), foi o membro que máis apoios recibiu para as eleccións á executiva do partido, con 1.654 votos.
No ano 1933 participou como representante de Galicia no IX Congreso de Nacionalidades Europeas celebrado en Berna, onde se considerou a Galicia como unha nación, o cal posteriormente serviu a Castelao para defender a condición nacional de Galicia.
A declaración institucional[5] presentouse en galego e en inglés, e nela declarouse:
"O Partido Galeguista, partido nacional dos galegos, representado no parlamento español polos deputados Otero Pedraio, Castelao e Suárez Picallo, declara solemnemente (...) que conta con máis de dous millóns de almas e habita a totalidade do territorio de Galiza, é unha nación ben definida, que se diferencia claramente dos outros pobos que habitan España. A súa orixe, a súa historia, o seu idioma, e os seus costumes xustifican esta diferenza dunha maneira absoluta".
En 1936, co levantamento militar contra a República, detivérono en Muxía e procesárono. Foi condenado á inhabilitación absoluta, ao desterro de máis de cen quilómetros de Muxía e a unha cuantiosa multa. A raíz disto, instalouse en Coruxo (Vigo), onde se adicou á tradución de poesía inglesa. En 1944 casou con Jesusa Piñeiro en Cambados, e do matrimonio naceron oito fillos.
Finou en Cambados en 1967, tras conseguir unha praza como profesor numerario unha vez presentado o seu estudo comparativo entre a poesía de Christina Rossetti e Rosalía de Castro[6].
Recoñecemento
Logo de décadas de relativo esquecemento, a figura de Plácido Castro recobrou notoriedade sobre todo grazas á tarefa de recuperación levada a cabo por Xulio Ríos, analista do IGADI. A iniciativa desa institución, en 2001 foi creada a Fundación Plácido Castro, que ten como obxectivos manter o legado de Castro e promocionar a tradución de libros ao galego.
En memoria da súa destacada faceta coma tradutor, instituíuse o Premio de Tradución Plácido Castro, que cada ano recoñece a mellor tradución á lingua galega publicada na Biblioteca Virtual BIVIR[7]. A este respecto, verbo da tradución, no limiar da obra Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (Ed. Alborada, 1949), que Castro asina conxuntamente con Lois Tobío e F. M. Delgado Gurriarán, sinálase:
"A ruindade dunha tradución literaria pode vir, naturalmente, ou da incapacidade para enxerga-la obra orixinal, ou de impotencia para rendela nunha nova lingua. E aínda sendo imprescindible para un cumprido fin ter vencido estas dúas limitacións, quizais sexa máis decisivo o vencemento de derradeira.[8]
Verbas Atlánticas. Poesía inglesa, escocesa e irlandesa traducida por Plácido Castro. Fundación Plácido Castro (edición a cargo de Laura Linares), 2016.[10]
↑Talvez de maneira errónea, diversas publicacións, tales que Galegos na Historia. Plácido Castro (Ir Indo, 1997) ou Plácido Castro e o humanismo, onte e hoxe (IGADI, 2015) mencionan que completou estudos de Filoloxía inglesa no canto dos de Arquitectura Naval.
↑VI Conferencia Anul Plácido Castro. "Significación e importancia de Plácido Castro no panorama da tradución en Galicia" (páx. 9). Por Valentín Arias e Alberto Álvarez Lugrís, o 25 de xaneiro de 2005.
Ríos Paredes, Xulio (1997). Plácido Castro. Humanista, liberal, cosmopolita: símbolo da universalidade e do nacionalismo galego. Galegos na Historia nº 8. Vigo: Ir Indo Edicións.
Ríos Paredes, Xulio (2011). Irlanda en Plácido Castro. Redondela: IGADI.
Ríos Paredes, Xulio (2013). 101 máximas e reflexións de Plácido Castro. Fundación Plácido Castro.
VV.AA (2002). Plácido Castro no centenario. Textura internacional nº 4. Vigo: IGADI.