Os policétidos son metabolitos secundarios de bacterias, fungos, plantas, e animais de estrutura química variada, moitos dos cales son antibióticos. A IUPAC defíneos como compostos naturais que conteñen alternadamente grupos carbonilo e metileno (beta-policetonas) bioxeneticamente derivados de repetidas condensacións de acetil-CoA (vía malonil-CoA) ou derivados deles, tamén chamados ás veces acetoxeninas e cétidos [1].
Os policétidos biosintetízanse normalmente por condensación descarboxilativa do malonil-CoA nun proceso similar á síntese de ácidos graxos (unha condensación de Claisen).[2] As cadeas de policétidos producidas por unha policétido sintase xeralmente sofren ulteriores modificacións nas que se obteñen derivados bioactivos.
Os policétidos teñen unha estrutura moi diversa e variadas actividades biolóxicas e propiedades farmacolóxicas. En xeral, poden dividirse en tres grandes grupos: policétidos tipo I (a miúdo macrólidos producidos por megasíntese multimodular), policétidos tipo II (a miúdo moléculas aromáticas producidas pola acción reiterada de encimas disociados), e policétidos tipo III (a miúdo pequenas moléculas aromáticas producidas por certas especies de fungos).
↑ 2,02,1Robinson JA (1991). "Polyketide synthase complexes: their structure and function in antibiotic biosynthesis". Philos Trans R Soc Lond B Biol Sci.332 (1263): 107–114. PMID1678529. doi:10.1098/rstb.1991.0038.