Rabino ou rabí (en arameo: רִבִּי, ribí; hebreo: רַבִּי, rabí) dentro do xudaísmo significa "profesor", "mestre" ou literalmente "grande". A palabra "Rabbi" ("Meu Mestre") deriva da raíz hebraica Rav, que no hebraico bíblico significa "grande" ou "distinto" (en coñecemento).[1]
No xudaísmo, Rabino é un título empregado para distinguir aquel que ensina, aquel que ten a autoridade dos doutores da Torá, ou aquel apuntado polos líderes relixiosos da comunidade. Hoxe os rabinos son os responsables do ensino e aplicación dos ensinos do xudaísmo. Ao contrario doutras relixións, o rabino non é un sacerdote, non sendo estritamente preciso para a realización da maioría dos actos do ciclo de vida xudaico, como o casamento, bar-mitzvá, sepulturas, etc. Os únicos actos que esixen a participación dun rabino son o xet (divorcio) e litixios que esixan a decisión dun tribunal rabínico.[2][3]
Porén, nos nosos días, en gran parte pola laicización da comunidade xudía, os rabinos asumiron o papel de condutores da maior parte das cerimonias relixiosas. Aínda así, no xudaísmo non existe a figura do "representante de Deus" ou dunha persoa cun contacto especial coa divindade, pois cada individuo é considerado como dotado dunha ligazón directa con Deus.