Rodrigo Ximénez (ou Jiménez) de Rada, nado en Puente la Reina en 1170 e finado en Lión o 10 de xuño de 1247, foi o primeiro bispo de Osma e, máis tarde, de Toledo. Destacou pola súa teima de recoñecer Toledo como principal sede ibérica, especialmente fronte a Braga e Santiago de Compostela.
Traxectoria
Pertencendo a unha familia da pequena nobreza do reino de Navarra, estudou Dereito na Universidade de Boloña e acadou o título de Magister en Teoloxía na Universidade de París. Tendo participado activamente nos esforzos diplomáticos de cara a paz entre o castelán Afonso VIII e o navarro Sancho VII, foi nomeado bispo de Toledo, en 1208.
Foi un dos principais impulsores da guerra santa cristiá contra os reinos musulmáns, así mesmo influíu enormemente na posterior historiografía castelanista e do papel que Castela debía asumir como herdeira dos godos para "reconquistar" Hispania. A súa diplomacia foi decisiva para o éxito da batalla das Navas de Tolosa. Compuxo importantes tratados da historia occidental como a Historia Arabum ou De rebus Hispaniae entre outros.