Este é un característico río mediterráneo, con grandes diferenzas de caudal nas distintas épocas do ano. As contribucións hídricas prodúcense principalmente por torrentes e barrancos orixinados polos desxeos na zona do seu nacemento e polas fortes tormentas que se producen na súa cunca hidrográfica.
Debido ás súas peculiaridades, tanto pola variada orografía que atravesa coma as diferenzas de caudais hidráulicos, pódense distinguir varias zonas ou tramos.
A súa fonte encóntrase na contorna dos Montes Universais, recollendo achegas de torrenteiras e barrancos coma o da serra do Tremedal e da serra de Jabalón. En Tramacastilla recolle as augas do río Garganta.
Até a localidade de Gea de Albarracín, o río conserva unha temperatura e pureza de augas ideais para a cría da troita.
Na mesma capital de Teruel, recibe as augas do río Alfambra, sendo este uns dos seus principais afluentes, a pesar de que en épocas de estío diminúe considerablemente o seu caudal. Até este punto recibe o nome de Guadalaviar, e a partir de aquí, recibe tamén o nome de Turia.
Por esta zona o terreo agreste impide o aproveitamento da súa auga. O río transcorre encaixado en diversas atalaias, chegando a ser de difícil acceso.
Comeza o seu maior aproveitamento para o rego no Canal Campo de Turia, que rega as zonas de Liria, Casinos e Bétera.
Máis abaixo atópase cos afluentes Sot e Chera, que debido ao seu caudal son máis similares a uns torrentes.
Parque Natural do Turia
A partir de aquí rega máis de 12.000 ha nas comarcas do Campo de Turia e Horta de Valencia. Existen varios proxectos sobre esta zona, tanto de urbanización coma de protección do contorno, creándose o parque natural. O parque natural abrangue 15 termos municipais, desde a cidade de Valencia até Pedralba.
Desembocadura
Son famosas as súas enchentes, en especial a do 14 de outubro de 1957, a chamada "Gran riada de Valencia", que cun caudal de 3.700 m³/s inundou gran parte da cidade de Valencia.
Este feito provocou o desenvolvemento dun proxecto para desviar o río e evitar posteriores inundacións, así mesmo tamén de xerar novas infraestruturas para o crecemento da cidade. Este proxecto materializouse coa construción dun novo percorrido para o río, desviándoo polo sur da cidade, no coñecido como "Plan Sur". O novo curso aparentemente está seco, debido a que só discorre caudal por el durante as enchentes, pois os caudais ordinarios empréganse no regadío da Veiga de Valencia coas cales do azud del repartiment.
O antigo leito que pasa pola zona centro da cidade converteuse nun espazo lúdico-cultural, o Xardín do Turia, onde se encontra a Cidade das Artes e as Ciencias.