Foi unha antiga cidade na costa norte do golfo de Paestum, no actual golfo de Salerno. A súa orixe é descoñecida e non se sabe nada do seu período anterior ó romano.
A colonia romana estabeleceuse no -197. Tito Livio menciónaa como Castrum Salerni,[2] o que indica que xa existía unha fortaleza. Algúns picenos (supostamente os das cidades de Picenum que estiveran a prol de Haníbal) estabelecéronse alí. A cidade non acadou demasiada importancia e o territorio foi coñecido como Ager Picentinus e o pobo asentado alí como "picentes".
Na Guerra Social foi ocupada polo xeneral samnita C. Papius, pero é a única vez que o seu nome volve a aparecer na historia. Tiña un bo clima e Horacio di que lla recomendaron pola súa saúde. Foi municipio baixo o Imperio pero conservou o título de colonia de acordo coas inscricións.
No século X tivo unha famosa escola de medicina (Schola Salernitana). A cidade formou parte despois de 1077 do ducado normando de Pulla-Calabria. Posteriormente foi doada ós Colonna, Orsini e Sanseverino, e seguiu o mesmo destino de Nápoles e Dúas Sicilias pasando a Italia en 1861.
Os aliados desembarcaron na cidade en setembro de 1943 e en febreiro de 1944 instaurouse na cidade o goberno do mariscal Pietro Badoglio.[6]