Salmonella enterica (que ten o sinónimo heterotrópico Salmonella choleraesuis) é unha especie de bacterias con forma de bacilo, flaxeladas, anaerobias facultativas, gramnegativas, da familia das enterobacteriáceas. É unha das dúas especies do xénero Salmonella, xunto con S. bongori.[1] A especie comprende 6 subespecies divididas en serovares, entre as cales hai importantes patóxenos produtores de salmonelose e febre tifoide (non confundir co tifo).
Nomenclatura
Salmonella enterica está subdividida en 6 subespecies, e cada subespecie comprende varios serovares, que difiren na súa especificidade antixénica.[2] Coñécense uns 2.500 serovares de S. enterica.[3] Outra especie do xénero Salmonella, Salmonella bongori, adoitaba antes considerarse unha subespecie de S. enterica, pero actualmente ten a categoría de especie. A maioría dos serovares patoxénicos humanos de Salmonella pertencen á subespecie Salmonella enterica subsp. enterica. Entre os serogrupos desta subespecie están Salmonella Typhi, Salmonella Enteritidis, Salmonella Paratyphi, Salmonella Typhimurium, e Salmonella Choleraesuis. Os serovares escríbense con maiúscula e non en cursiva na nomenclatura actual, e pode escribirse o seu nome curto (como o indicado antes) ou o seu nome completo, que sería, por exemplo, "Salmonella enterica subsp. enterica, serovar Typhi."[4][5]
Na nomenclatura tradicional escribíase Salmonella typhi, Salmonella typhimurium etc., escribindo os serovares como especies.[6]
Epidemioloxía
A maioría dos casos de salmonelose están causados por inxestión de comida contaminada con S. enterica. A bacteria infecta a miúdo a vacas e aves, pero tamén a outros animais domésticos [7][8] e aos humanos. Demostrouse tamén que as bolsas de po de aspiradora utilizadas nas casas poden actuar como reservorios, sobre todo se a persoa que usou a aspiradora estivo en contacto con fontes de infección, por exemplo ao traballar con gando ou nunha clínica veterinaria.
Os ovos de galiña e de ganso crus poden albergar S. enterica, inicialmente nas claras. Cando o ovo está uns días á temperatura dunha habitación, a membrana da xema do ovo empeza a romper e S. enterica pode pasar á xema. A refrixeración ou a conxelación non matan todas as bacterias, pero reducen substancialmente ou deteñen o seu crecemento. A pasteurización ou a irradiación dos alimentos matan as Salmonella e utilízanse para a comercialización de produtos que conteñen ovo cru como os xeados. Os alimentos preparados en casa que conteñen ovos crus, como a maionesa, pasteliños e galletas poden espallar a salmonela se non se cocen suficientemente.
Patoxénese
As proteínas segregadas pola bacteria son moi importantes na patoxénese das infeccións por Salmonella enterica. As Salmonella teñen unha gran cantidade de adhesinas das fimbrias e non fimbriais, e interveñen na formación de biopelículas e no contacto coas células hóspedes. As proteínas segregadas están implicadas na invasión da célula hóspede e na proliferación intracelular.[9]
Notas
- ↑ Giannella RA (1996). Salmonella. In: Baron's Medical Microbiology (Barron S et al., eds.) (4th ed.). Univ of Texas Medical Branch. ISBN 0-9631172-1-1. (via NCBI Bookshelf).
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 21 de abril de 2023. Consultado o 11 de decembro de 2014.
- ↑ Medical Microbiology (6th ed.). Philadelphia, PA: Mosby Elsevier. 2009. p. 307.
- ↑ "The type species of the genus Salmonella Lignieres 1900 is Salmonella enterica (ex Kauffmann and Edwards 1952) Le Minor and Popoff 1987, with the type strain LT2T, and conservation of the epithet enterica in Salmonella enterica over all earlier epithets that may be applied to this species. Opinion 80". Int. J. Syst. Evol. Microbiol. 55 (Pt 1): 519–20. January 2005. PMID 15653929. doi:10.1099/ijs.0.63579-0.
- ↑ Tindall BJ, Grimont PA, Garrity GM, Euzéby JP (January 2005). "Nomenclature and taxonomy of the genus Salmonella". Int. J. Syst. Evol. Microbiol. 55 (Pt 1): 521–4. PMID 15653930. doi:10.1099/ijs.0.63580-0.
- ↑ Segundo a resolución da Opinión xudicial 80 da Comisión Xudicial sobre nomenclartura das bacterias no punto 5: "Os nomes Salmonella choleraesuis, Salmonella enteritidis, Salmonella paratyphi, Salmonella typhi, e Salmonella typhimurium non están incluídas na lista de epitheta specifica conservanda (epítetos específicos conservados nos nomes de especies de bacterias)." (Cita orixinal: "The names Salmonella choleraesuis, Salmonella enteritidis, Salmonella paratyphi, Salmonella typhi, and Salmonella typhimurium are not included in the list of epitheta specifica conservanda (conserved specific epithets in names of species of bacteria)." ) LPSN
- ↑ http://www.foodpoisoningnews.com/food-poisoning-faqs/ Food Poisoning News
- ↑ Swanson SJ, Snider C, Braden CR; et al. (2007). "Multidrug-resistant Salmonella enterica serotype Typhimurium associated with pet rodents". New England Journal of Medicine 356 (1): 21–28. PMID 17202452. doi:10.1056/NEJMoa060465. Arquivado dende o orixinal o 23 de marzo de 2009. Consultado o 11 de decembro de 2014.
- ↑ Hensel M (2009). "Secreted Proteins and Virulence in Salmonella enterica". Bacterial Secreted Proteins: Secretory Mechanisms and Role in Pathogenesis. Caister Academic Press. ISBN 978-1-904455-42-4.
Véxase tamén
Ligazóns externas