Na Baixa Idade Media, Tánxer pasou a pertencer, desde 1471, a Portugal, despois de varios intentos errados, até que en 1661 pasou a Carlos II de Inglaterra como parte do dote da infanta portuguesa Catarina de Braganza. Non obstante, o dominio inglés sobre a cidade durou pouco tempo. En 1679 o sultán Moulay Ismail de Marrocos tentou sen éxito ocupar a cidade, pero mantivo un gran bloqueo que finalmente levou á retirada inglesa o día 6 de febreiro de 1684.
Século XX
Xa no século XX, Tánxer estivo na base dunha crise internacional que precede á I Guerra Mundial, debido a que o káiserGuillerme II quixo establecer alí intereses alemáns, indo contra os intereses de Francia, que tentaba tamén controlar o sultanato.
Tánxer é o segundo centro industrial máis importante de Marrocos, despois de Casablanca, con industrias téxtil, química, metalúrxica e naval. Actualmente, a cidade posúe dous parques industriais, que teñen o estatuto de zona Franca.
A economía de Tánxer baséase fortemente no turismo. O número de resorts á beira do mar vén aumentando, con proxectos patrocinados por investimentos estranxeiros. Compañías do sector inmobiliario e do sector de construción civil están investindo cada vez máis na infraestrutura turística.
O comercio artesanal na cidade vella (Medina) especializouse principalmente en produtos de coiro, manufacturas de madeira e prata, roupas tradicionais, e calzado. A agricultura da área basicamente produce cereais.