A película caracterízase polas súas técnicas pouco convencionais para explicar instrumentos financeiros complexos. Entre outros, dispón cameos con Margot Robbie, Anthony Bourdain, Selena Gomez e Richard Thaler que rompen a cuarta parede para explicar conceptos tales como hipotecas de alto risco e obrigacións garatizadas por débeda como unha metareferencia, outros actores diríxense ao público, en especial Gosling, que serve como narrador.
O filme describe diversos actores clave na creación da permuta de incumprimento crediticio no mercado que buscaba apostar en contra da obriga colateralizada por débeda (CDO), e que rematou aproveitando a crise financeira global. A película componse de tres historias separadas que se executan simultaneamente, sen trama ningunha superposta, só conectadas pola colapso do mercado hipotecario. Michael Burry (Christian Bale) é o xestor dun fondo de alto risco, que decide investir moito do diñeiro en apostar a que o sistema imobiliario dos Estados Unidos vai quebrar nun breve prazo. Esa decisión xéralle complicacións cos investidores, ao non apostar contra do sistema ninguén antes e tirar proveito. Ao saber destes investimentos, o corredor Jared Vennett (Ryan Gosling) percibe a oportunidade e ofrécella aos seus clientes. Un deles é Mark Baum (Steve Carell), o dono dunha corredoría que enfronta problemas persoais dende o suicidio do seu irmán. Paralelamente, dous principiantes na Bolsa de Valores pensan que poden gañar moitos cartos ao apostar na crise inmobiliaria e, para tanto, piden axuda a un gurú de Wall Street, Ben Rickert (Brad Pitt), que vive recluso.[6]
En 2013, Paramount adquiriu os dereitos do libro de non ficción The Big Short: Inside the Doomsday Machine de Michael Lewis para desenvolvelo nun filme, que a produtora de Brad Pitt, Plan B Entertrainment ía producir[7]. O 24 de marzo de 2014 contratouse a Adam McKay para escribir e dirixir a película, sobre a burbulla económica e hipotecaria.[3] o guionista Charles Randolph, escribiu a historia e un dos primeiros cambios foi atopar o ton correcto para a película[8]. Dous anos despois de Randolph escribir o seu proxecto, McKay, como director, reescribiu o guión. Foi de McKay a idea de incluír cameos de famosos no filme para explicar conceptos financeiros.
O elenco
O 13 de xaneiro de 2015, Variety anunciou que Brad Pitt, Christian Bale, e Ryan Gosling ían protagonizar o filme, con Pitt producindo a película canda Dede Gardner e Jeremy Kleiner. Plan B Entertrainment ía financialo, e Paramount xestionaría os dereitos de distribución.[9] Pitt xa actuou na adaptación doutro libro de Lewis Moneyball, co que foi candidato aos Óscar. O 14 de xaneiro, anunciouse que Steve Carell tamén actuaría.[10] O 21 de abril de 2015 Deadline deu a coñer a máis membros da repartición,Melissa Leo, Marisa Tomei, Tracy Letts, Hamish Linklater, John Magaro, Byron Mann, Rafe Spall, Jeremy Strong, e Finn Wittrock.[11] Charles Randolph escribiu a versión inicial. Max Greenfield uniuse o elenco da película o 23 de abril de 2015.[12]Karen Gillan chiou sobre a súa implicación na película o 8 de maio de 2015.[13]
Rodaxe
A rodaxe principal comezou o 18 de marzo de 2015 en Nova Orleáns (Luisiana)[14][15]. O 20 de maio de 2015 rodouse en Manhattan, Nova York[16]. O 22 de maio, o equipo de produción recreou as oficinas da empresa de investimento Lehman Brothers no ástrago do Departamento de Servizos Financeiros do Estado de Nova York, en Manhattan[17].
Estrea
O 22 de setembro de 2015 Paramount anunciou que o filme coñecería unha estrea limitada o 11 de decembro de 2015, mentres a exhibición xeral comezaría o 23 de decembro de 2015[18]. O filme saíu en DVD e Blu-ray o 15 de marzo de 2016.
Recepción
Recadación
The Big Short recadou 70.300.000$ nos Estados Unidos e o Canadá e outros 63.200.000 no resto do mundo, facendo un total de 133.400.000 fronte a un orzamento de produción de 50.000.000.
A estrea foi en oito cines dos Ánxeles, Nova York, San Francisco e Chicago o 11 de decembro de 2015 e recadou 705.527$ (unha media de 88.191 por cine). A mellor posición dunha película de estrea en oito localidades, superando a anterior marca de Memorias dunha gueixa (85.313 por cine)[19] A estrea en todo o país foi o 23 de decembro de 2015 e recadou 2.300.000$ no seu primeiro día e na primeira fin de semana recadou 10.500.000, a 6º mellor recadación.[20]
Crítica
En Rotten Tomatoes, a película ten unha taxa de aprobación do 88% baseada en 281 críticas, cunha media de 7.8/10. En Metacritic, a súa puntuación é de 81 sobre 100, baseada en 45 críticas, indicando "recoñecemento universal"[21]. En CinemaScore o público consultado deulle ao filme unha nota media de "A–" nunha escala de A+ a F. IGN deulle unha puntuación de 8.6/10, enxalzando a súa "enérxica dirección" e facer "un complicado conto comprensible para o leigo, mesmo cando desencadea indignación nos logreiros que axudaron a causalo"[22]. The New York Times afirmou que ofrece a mellor explicación que deu filme á crise financeira global[23].