Thomas Johannes Gottschalk, nado en Bamberg o 16 de maio de 1950, é un actor e presentador de radio e televisión alemán.
Traxectoria
Fillo do avogado Hans Gottschalk e de Rutila, orixinarios de Alta Silesia que tras a expulsións dos alemáns de Polonia tras da segunda guerra mundial asentáronse na localidade de Kulmbach, na Alta Franconia. En 1971 rematou os estudos secundarios no instituto de Kulmbach e lobrou unha bolsa de estudos de Cusanuswerk para cursar xermanística e historia na escola de maxisterio da Universidade de Múnic e alí foi membro da fraternidade de estudantes católicos Tuiskonia, parte da Cartellverband[1].
Radio e primeiros anos na televisión
En 1971 comezou a colaborar en programas xuvenís da emisora Bayern 3 que acababa de poñer en funcionamento a Bayerischer Rundfunk (BR). En 1973 converteuse en presentador das noticias da BR (Abendschau-Nachrichten) e logo de traballar durante algún tempo no xornal Münchner Merkur logrou en 1976 un posto permanente na BR, pasou así a presentar o programa musical televisivo Szene en Das Erste producido por BR (1976-79 e 1980-81), e dende xuño de 1977 Pop nach acht na emisora radiofónica Bayern 3. A partir de novembro presentou na televisión Telespiele, un concurso baseado en videoxogos, que se emitiu na Südwestfunk e logo, brevemente, en Das Erste ata 1981. En 1980 foi tamén un dos compoñentes do grupo de hip hop GLS United que realizou a primeira canción de rap alemá[2]. Durante o ano 1982[3] foi presentador, como Mister Morning, na emisora alemá de Radio Luxembourg da súa programación da mañá ao tempo que na ZDF presentaba o programa de entrevistas e música Na sowas! dende marzo de 1982 e ata 1987 e tamén dende novembro de 1982 o Thommys Pop Show na ZDF, dedicado á música actual e que deixou en 1984. En 1983 volveu á BR para dirixir e presentar B3-Radioshow no que se mantivo ata 1989 e nese ano foi o comentarista para a ARD do Festival de Eurovisión que se celebrou en Lausana. Dende 1991 foi director da programación da emisora privada Radio Xanadu de Múnic.
Traballou tamén como actor de dobraxe, foi a voz de Bruce Willis en Look Who's Talking (1989) e Look Who's Talking 2 (1990)[5]. No ano 2004 púxolle a voz a Garfield en Garfield – The Movie.
Wetten, dass..?
O 26 de setembro de 1987 Gottschalk substituíu a Frank Elstner á fronte de Wetten, dass..? e, bardante unha breve pausa entre o 26 de setembro de 1992 e o 27 de novembro de 1993 con Wolfgang Lippert como o seu condutor, moderou o programa ata o 3 de decembro de 2011.
Gottschalk contribuíu significativamente ao éxito do show, un dos recoñecidos dos países de fala alemá, que se emitía nas noites dos sábados e que Gottschalk marcou co seu estilo distendido e a súa indumentaria ousada. Dende outubro de 2009 Michelle Hunziker acompañouno nos labores de presentación.
Durante décadas por Wetten, dass..? converteuse nunha das personalidades mellor pagadas da televisión alemá, con ata 100.000 euros por programa[6].
Na emisión 192 do 4 de decembro de 2010 o deportista Samuel Koch sufriu un accidente mentres intentaba saltar sobre un coche en marcha e o show cancelouse. Na seguinte emisión, o 12 de febreiro de 2011, Gottschalk anunciou a súa retirada no remate da tempada. O 30 de abril de 2011 presentou o último programa regular, 18 de xuño un grande especial de verán dende Mallorca.[7] e no outono outros tres especiais[8]. O último foi o 3 de decembro de 2011 en Friedrichshafen. En total Thomas Gottschalk presentou 151 emisións. O seu sucesor dende outubro de 2012 ata 2014 foi Markus Lanz[9].
Actividade na televisión privada
Dende 1990 traballou na canle privada RTL[10], e alí presentou ata 1992 un programa de variedades chamado simplemente Gottschalk. Dende 1992 ata 1996 e de novo en 1999 ata 2000 presentou Disney Filmparade, onde se emitían os clásicos e novas producións de Disney.
Logo pasou á canle SAT.1[13] onde entre 1995 e 1997 realizou Gottschalks Hausparty que se converteu nun dos programas de máis éxito da emisora, con 6.500.000 espectadores na derradeira emisión. Entre 1996 e 1999 presentou Gottschalk kommt que se emitía nas tardes do sábado.
ZDF
Tras deixar Sat.1 traballou só para a ZDF, canle que transmitía Wetten, dass..?, e para a que relizou tamén diversos outros programas de carácter especial ou irregular. Así de 2001 ata 2011 presentou a gala solidaria anual Ein Herz für Kinder, para recollida de fondos para a organización do mesmo nome, que chegou aos 17.859.462 de euros[14] ma emisión do 17 de xaneiro de 2010 para o terremoto de Haití.
No verán de 2005 presentou Gottschalk & Friends, no que convidaba a xente recoñecida e amigos para revisar a súa vida. En agosto dese ano e mais do de 2006 presentou Die Cleversten – Der große Drei-Länder-Check, unha competición por equipos dos tres países de lingua alemá: Alemaña, Austria e Suíza. Entre 2002 e 2004 emitíronse dez episodios de Gottschalk America.
ARD
En xaneiro de 2012 comezou a traballar na ARD co programa Gottschalk Live que se emitía polas tardes catro veces á semana e cunha duración de media hora, trataba temas de actualidade e con entrevistas a personalidades da sociedade, entretemento e cultura. Emitíase antes do telexornal do serán, primeiro en directo dende Berlín e gravado en estudio a partir de abril. O programa cancelouse o 6 de xuño de 2012 por mor da súa baixa audiencia[15].
Volta á RTL
Do 15 de setembro de 2012 ata o 16 de decenbro 2012 estivo de xurado con Dieter Bohlen e Michelle Hunziker en Das Supertalentder da RTL, a versón alemá de Go Talent. En maio de 2013 presentouse en RTL Die 2 – Gottschalk & Jauch gegen alle no que Gottschalk e mais o tamén presentador Günther Jauch competían contra varios candidatos no estudo, co público e cos espectadores, presentábao Barbara Schöneberger e tivo 18 emisións ata 2017.
O 3 e 4 de xaneiro de 2014 presentou o especial 30 Jahre RTL – Die große Jubiläumsshow mit Thomas Gottschalk. En febreiro comezou Back to School – Gottschalks großes Klassentreffen concurso con antigos compañeiros de clase e mais profesores de convidados famosos.
En abril de 2015 publicou o primeiro tomo da súa autobiografía, Herbstblond: Die Autobiographie.