A cidade está atravesada polo río Nabão, que é afluente do río Zêzere. Sitúase na talvez rexión máis fértil de Portugal e unha das máis férteis da Península Ibérica, a lezíria (mesopotamia) ribatexana.
O turismo é hoxe unha actividade de primeira importancia, xa que o Convento de Cristo, principal monumento da cidade foi declarado Patrimonio Mundial pola UNESCO en 1983. É centro industrial, con fábricas de papel, derivados da madeira e outras; e comercial. A terra é fértil e produce froitas, aceite e viño
Sinagoga de Tomar: Tomar posúe a sinagoga medieval mellor conservada de Portugal. Foi edificada a mediados do século XV e goza dun interesante interior con bóvedasgóticas e interesantes capiteis clasicistas. É de salientar o sorprendente sistema acústico con ánforas invertidas incrustadas nas esquinas. Desde 1939 acolle o pequeno Museo Xudeu Abraão Zacuto, con pezas relativas á historia xudía en Portugal.
Igrexa de San Xoán Bautista (São João Baptista): a igrexa máis importante de Tomar érguese na praza principal da cidade, fronte ó Pazo Municipal (século XVII). A igrexa foi erguida entre os séculos XV e XVI, e mostra moi interesantes detalles artísticos, como o portal gótico flamíxero; a torre manuelina con sino do XVI, os capiteis historiados, e varios paneis pintados, en 1530, por un dos pintores portugueses renacentistas de maior calidade, Gregorio Lopes.
Capela de Nosa Señora da Concepción (Nossa Senhora da Conceição): contruída entre 1532 e 1540, en estilo renacentista puro, foi comezada por João de Castilho e rematada por Diogo de Torralva. Foi dedicada como capela funeraria do rei Xoán III.
Igrexa e Convento de Santa Iria: localizable preto do río Nabão, este conxunto do século XVI mostra unha fermosa portada e un altar renacentistas, así como detalles de estilo manuelino.
A parte antiga da cidade está organizada consonte un plano en dameiro, o que constitúe unha raraeza medieval (mais débese ter en conta que trazas semellantes se utilizaran pola mesma época no hispano reino de Valencia). O casco posúe interesantes casas con atractivas fachadas renacentistas, barrocas e románticas. O parque sito cerca da ponte sobre o río Nabão, ofrece pintorescas vistas da cidade e arredores.