O Tratado de Zaragoza foi un tratado de paz firmado o 22 de abril de 1529 entre España e Portugal, onde reinaban Carlos I e Xoán III, respectivamente. O tratado delimitou de forma exacta as zonas de influencia portuguesa e española en Asia.
Durante o século XVI, os portugueses chegaban ás Indias Orientais rodeando África e cruzando o océano Índico (Malaca en 1509). Pouco tempo despois, Portugal fundou o forte de Ternate, nas "Illas da Especieiría" (actualmente Molucas). Estas illas eran o principal produtor de especias (cravo, pementa, canela e noz moscada), que foron un dos principais motivos dos viaxes oceánicos modernos.
Despois da expedición na que de Magalláns (1519-1522) chegara ás illas Molucas navegando cara ao oeste, o Emperador Carlos I decidiu mandar unha expedición para establecer os seus dereitos, comandada por García Jofre de Loaisa.[1] Dita expedición chegou ás Molucas, fundando o forte de Tidore. O conflito cós Portugueses xa establecidos na illa foi inevitábel, co resultado da derrota das forzas españolas.[2]
En 1524 celebrouse a Xunta de Badaxoz-Elvas entre os reinos para solucionar esta cuestión. Tras unha serie de reunións de expertos de ambos países nas cidades de Badaxoz e Elvas, non se chegou a acordo.[3]
O 11 de marzo de 1526, o Emperador Carlos I casou con Isabel de Portugal, o que reforzou as relacións entre os dous países, e permitiu un acordo sobre as Molucas. A isto engadiuse o interese do emperador en evitar problemas con Portugal para poder centrarse na política centroeuropea, ademais do feito de que aínda non se coñecía como levar as especias dende as Molucas a Europa navegando cara Oriente (a primeira viaxe deste tipo realizouna Andrés de Urdaneta en 1565).
O acordo
O tratado fixaba as esferas de influencia de Portugal e España a 297,5 leguas ao leste das Molucas. Esta liña de demarcación atopábase, polo tanto, preto do meridiano 135 oeste.
Polo acordo de Zaragoza, as Molucas quedaron en mans portuguesas. En realidade, Portugal comprou os dereitos españois sobre as illas, incluíndo os de propiedade, dereito de navegación e dereito de comercio. Ademais, o pacto incluía unha cláusula pola cal o rei de España podía invalidalo a cambio de devolver o pago portugués.
↑Hannard, Willard A. (1991). Indonesian Banda: Colonialism and its Aftermath in the Nutmeg Islands. Bandanaira: Yayasan Warisan dan Budaya Banda Naira.