O Tratado dos Pireneos (ou Paz dos Pireneos) foi asinado polas coroas das monarquías española e francesa o 7 de novembro do ano 1659, na Illa dos Faisáns (sobre o río Bidasoa, fronteirizo entre ambos os países), co que se puxo fin a un conflito iniciado no 1635, coa Guerra dos Trinta Anos.
Francia entrou na Guerra dos Trinta Anos despois das vitorias españolas contra os rebeldes holandeses no 1620, e contra os suecos en Nördlingen no 1634.
No ano 1640, Francia comezou a interferir na política española, apoiando aos cataláns sublevados durante a sublevación de Cataluña, ao tempo que España apoiaba a Revolta da Fronda de 1648.
Nas negociacións da paz de Westfalia (1648) que puxeron fin a Guerra dos Trinta anos, Francia anexionou os territorios de Alsacia e Lorena, pechando o denominado Camiño Español que unía as posesións españolas en Italia e en Flandres a través de Suíza e o Franco Condado. Todo isto levou a unha guerra aberta entre Francia e España.
Os efectos do tratado
Despois de 10 anos de guerra, Francia (aliada con Inglaterra) derrota as tropas españolas na batalla das Dunas, no 1658.
Na fronteira do norte, Francia obtivo o condado de Artois e unha serie de prazas fortes en Flandres, Hainaut e Luxemburgo.
Os franceses devolven a España o Charolais (no Franco Condado) e as conquistas de Italia.
No sur, na fronteira catalá, concertouse a cesión a Francia do Rosellón, o Conflent, o Vallespir e unha parte da Cerdaña, territorios todos eles situados na vertente setentrional dos Pireneos e que os soldados franceses ocuparan para apoiar aos sublevados cataláns. A fronteira con España fixarase dende entón seguindo os Pireneos, excepto o pequeno enclave de Llivia.
O tratado tamén prevía a voda entre Lois XIV de Francia e María Tareixa de España, filla de Filipe IV de España, cuxo dote se fixou en medio millón de escudos de ouro, a cambio de renunciar aos seus dereitos sucesorios ao trono de España. Pero esta compensación xamais chegou a pagarse, o que lle valeu de escusa a Lois XIV para anular o tratado e reiniciar as hostilidades, sendo un dos factores que levarán á Guerra de Sucesión Española no ano 1702.
A paz dos Pireneos completouse un ano despois co tratado de Llivia (1660) no que se acordou o paso de 33 pobos e lugares do val de Querol á soberanía francesa, quedando así baixo control español o enclave de Llivia. Deste xeito, fixouse dunha forma máis precisa a división da Cerdaña entre España e Francia.
Consecuencias para Cataluña
No tratado incluíuse un indulto xeral e a restitución dos bens a tódolos perseguidos durante os anos da sublevación catalá (1640-1659). No lado francés, o compromiso incluía manter a vixencia dos Usatges de Barcelona e as súas institucións ao norte dos Pireneos, con sede en Perpiñán, pero esta parte non foi respectada por Lois XIV. Un ano despois (1660 os Usatges foron derrogados, o que significou a abolición das institucións propias en Cataluña setentrional, así coma a prohibición do emprego do catalán no ámbito público e oficial.
O real decreto do 2 de abril de 1700, con data de aplicación do 1 de maio do mesmo ano prohibiu o uso da lingua catalá en calquera tipo de actos oficiais, sendo o francés a única lingua oficial e a única empregada no ensino público.
Recentemente, o estado francés modificou a súa constitución engadindo ao seu artigo 2 a frase la langue de la République est le français ("a lingua da república é o francés"). Con este artigo, néganse subvencións a movementos culturais ou cívicos cuxa lingua vehicular sexa o catalán ou para rexeitar calquera tipo de presenza do catalán na administración entre outras linguas faladas no territorio francés.
Cada ano, o 7 de novembro, os catalanistas recordan estes feitos e se manifestan en Perpiñán.