Díxose que a pintura gótica ten o seu espazo propio nas grandes vidreiras das catedrais e nas miniaturas polícromas dos libros, pero atendendo á pintura propiamente dita, esta subsistiu nos retablos, nas táboas pintadas que forman os frontais ou os laterais dos altares e nos muros das capelas laterais.
Na Toscana, as escola sienesa e florentina, co Giotto como o máis grande dos pintores do Trecento, continuaron a tradición da gran pintura mural, xa que a arquitectura gótica non chegou a botar raíces en Italia como en Francia. Esta pintura toscana do Trecento, sendo plenamente gótica, anticipa xa o Renacemento.
As vidreiras das catedrais
A vidreira, polo lugar que toma nas igrexas e catedrais é, na Francia do século XIII, a verdadeira pintura gótica. As vidreiras substitúen á pintura mural que se desenvolvera amplamente durante o período románico pero que no gótico quedou como unha arte complementaria. A arte das vidreiras convértese na arte hexemónica da cor e do debuxo, toma as funcións simbólico-docentes da pintura mural cos seus completos programas iconográficos que fixeron converxer á maior parte dos obradoiros e centros artísticoseuropeos, principalmente de Francia, no debuxo dos cartóns que é o paso previo para a realización dunha vidreira.
A arte das vidreiras domina sobre as demais técnicas de pintura ás que impón as súas leis: a composición enmarcada en medallóns, nichos ou outros compartimentos, as cores vivas e saturadas, as formas delimitadas e precisas etc.; son pautas estéticas que achamos tamén nas ilustracións de libros e miniaturas amplamente difundidas por Europa. Este predominio da vidreira ten a súa excepción en Italia, onde a tradición muralista non se interrompera dende a antigüidade, ou noutros lugares que como Cataluña acusaban dende o románico as influencias italianas.
A técnica de facer vidreiras consiste, a partir dos cartóns debuxados polos obradoiros artísticos, na realización dun gran número de anacos de vidro que son tinxidos de cor na súa propia masa e realzados con trazos de grisalla para seren finalmente unidos con tiras de chumbo que delimitan as figuras e illan as diferentes cores mantendo o seu valor. A masa de vidro chea de burbullas e impurezas actúa sobre a luz rompéndoa en mil destelos de cor. A propia técnica, para non diluír as figuras coa irradiación dos xanelas, impón unha composición chea nun espazo sen profu ndidade, e un debuxo preciso cunha certa riqueza de cor.
Un percorrido polas igrexas e catedrais coas vidreiras máis destacadas hase de iniciar pola Catedral de Chartres, en Francia xa que as súas vidreiras constitúen o máis fermoso e así mesmo o conxunto de vidreiras máis ben conservado de Europa. Comprende 176[1] fiestras con 1.359 temas dos cales a vidreira de "Notre-dame da Belle-Verrière" é a máis famosa. Tamén son destacadas as vidreiras de Santo Eustaquio, os rosetóns e a vidreira do Zodíaco .
A arte das vidreiras desenvólvese nas igrexas da Illa de Francia xa durante o románico: no coro gótico da catedral de Le Mans coas súas vidreiras do século XII que conteñen representacións das artes e oficios, e a vidreira románica da Ascensión do século XI (a máis antiga de Europa nun edificio relixioso), nas catedrais de Sens ou de San Pedro de Poitiers, coa súa vidreira da Crucifixión e na Basílica de San Denis en París coas súas vidreiras sobre a infancia de Xesús, a árbore de Jesse etc.,[2] danse os exemplos máis destacados desta arte durante a transición do románico ó gótico. Estes vidreiras teñen unha gamma cálida e brillante, as súas composicións seguen as leis do encaixe superficial en series de motivos xeométricos equivalentes como: medallóns, lóbulos etc. (Ver nota 1)
A arte gótica esparexeuse por Europa durante a primeira metade do século XIII, alcanzando a súa plenitude cara á década de 1260 cando se rematan as catedrais de Beauvais en Francia, de Colonia en Alemaña e de León en España. É nesta etapa clásica cando a arquitectura se fai máis complexa: as naves elévanse ata alturas xamais alcanzadas, os arcobotantes duplícanse para soster estas bóvedas tan elevadas e os pináculos son máis voluminosos. Nesta etapa as portadas pasan das tres clásicas de Reims ou Amiens ás cinco portadas de Bourges ou León. As ventás deixan de ser perforacións no groso do muro para transformarse en entrepanos translúcidos, cheos de vidro entre trazarías ou encaixes de pedra.
Notas
↑"Les Vitraux". perso.wanadoo.fr(en francés). Arquivado dende o orixinal o 20 de febreiro de 2004. Consultado o 10 de novembro de 2005.
No século XX, a arte moderna representada por Chagall, Roualt e outros grandes pintores, volverá a deseñar cartóns para confeccionar vidreiras, que continuarán tendo o seu lugar na Historia da Pintura. As seguintes ligazóns mostran algúns dos conxuntos de vidreiras máis destacados do período clásico da arte gótica: