A xeada[1] é un fenómeno climático que consiste nun descenso da temperatura ambiente a niveis inferiores ao nivel de conxelación da auga, e fai que a auga que está no aire se conxele, depositándose en forma de xeo nas superficies.
Para que se dea este tipo de meteoro cómpre que a humidade relativa do aire sexa superior á máxima humidade relativa á temperatura da xeada; en caso contrario, non haberá suficiente auga na atmosfera para depositarse nas superficies aínda que exista a sensación de 'frío de xeada'. Se o vento é intenso, o depósito de auga será asemade pequeno.
Tipos
Xeada por radiación
A xeada por radiación débese a un arrefriamento progresivo e intenso do chan, pola radiación do seu calor, producíndose maiormente nas noites de ceo despexado. A humidade atmosférica, que pode ser relativamente cálida e seca, condénsase sobre as superficies sólidas en forma de rosada ou conxelándose, se aquelas se atopan a menos de 0 °C.
Este tipo é frecuente en terras mornas e subtropicais.
Xeada por advección
A xeada por advección é ocasionada pola invasión dunha corrente ou masa de aire frío con temperatura inferior a 0 °C. A acción do aire frío, xeralmente procedente das rexións polares, pode ser continua e durar por varios días.
Xeada por evaporación
A xeada por evaporación é debida ao transporte de aire húmido sobre unha superficie cuxa temperatura está a 0 °C ou menos. É un tipo bastante raro de xeada.
En relación ós cultivos, obsérvanse dous tipos de xeadas:
Xeada negra: efectúase un arrefriado xeral na atmosfera que ataca, pola súa amplitude de acción, ata especies vexetais "resistentes", como parrales; é por iso que o fume e a rega que se pon en práctica desde a madrugada pode dar bos resultados para combatela.
Xeada branca: dado o estado de floración da planta imponse introducir unha boa poda, ou convén que o agricultor a practique dentro de catro a oito días e non postergala máis aló de vinte, de modo que se desenvolvan as xemas latentes que existan nos brazos e os troncos. Este labor debe ser axudado pola rega inmediata e traballos superficiais que ao manter abrandado o terreo impidan a perda de humidade, o desenvolvemento de malas herbas e a produción de costra. Ademais a aplicación de nitratos reforzan o sistema vexetativo danado. Convén tamén a aplicación de caloríficos distribuídos en forma adecuada.