A xeración das Festas Minervais está composta por unha serie de autores de poesía da Literatura galega do século XX. Son persoas que non viviron directamente a Guerra civil española, asistiron á universidade e participaron nas Festas Minervais (concurso literario organizado pola USC que premiaba obras poéticas e narrativas en galego) e senten grande interese pola cultura europea do momento e toman conciencia crítica coa realidade española da época. Boa parte deles fundaron o grupo Brais Pinto durante a súa estancia en Madrid, e crearon unha colección literaria co mesmo nome.
Evolución poética
A xeración dos 50 protagonizou unha fonda renovación temática e formal, se ben cada un dos seus membros seguiu unha traxectoria poética propia.
Hai dúas épocas que marcan dúas tendencias ben diferenciadas. Por un lado, a poesía dos 50 na que se aprecia unha profunda influencia das idea existencialistas e do absurdo. Trátase por tanto dunha poesía de desarraigo e angustia, que recibe o nome de Escola da Tebra. Por outra banda, na década dos 60 esta poesía evolucionou cara a unha poesía social e denunciadora da falta de liberdade. É patente aquí a influencia da Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro, publicada en 1962.
Representantes
- Uxío Novoneyra. Naceu nas terras do Courel e marchou a Madrid aos 19 anos, alí colaborou co grupo Brais Pinto. Na súa poesía destacan dúas vertentes:
- A paisaxística, nela expresa a soidade da persoa en contacto coa natureza agreste da súa terra natal. Obras representativas: Os eidos, Elexias do Courel e outros poemas.
- Poesía social, de carácter político e reivindicativo, recollida en obras como Do Courel a Compostela, Poemas caligráficos. Tamén cultivou a poesía amorosa en Muller pra lonxe.
- A poesía de Novoneyra destaca formalmente polo emprego do fonosimbolismo e pola disposición espacial e tipográfica dos versos.
- Antón Avilés de Taramancos. Viviu entre A Coruña e Colombia. A súa é unha poesía vitalista, chea de imaxes que remiten á unión do poeta coa natureza. Entre as súas obras destacan O tempo no espello, Cantos caucanos, As torres no ar ou Última fuxida a Harar.
- Manuel María. A súa poesía vai dende unha etapa na que predomina un ton intimista e desacougado con obras como Advento ou Terra Chá, ata unha poesía de carácter reivindicativo e social como a que aparece en Documentos personaes.
- Bernardino Graña. Escribiu teatro e narrativa, a maior parte encadrada dentro da literatura infantil, foi na poesía onde desenvolveu a súa obra principal. Entre as súas obras máis representativas destacan Profecía do mar ou Non vexo Vigo nin Cangas.
- Xohana Torres. É a principal voz feminina dentro da xeración; escribiu obras como Do sulco, Estacións ao mar e Tempo de ría. Cómpre salientar a súa novela Adiós, María.
- Xosé Luís Franco Grande, gañador 5 veces da flor natural das Festas Minervais. A obra con máis relevancia é, Entre o si e o non.
- Outras voces. Xosé Luís Méndez Ferrín coa súa obra Con pólvora e magnolias, Salvador García-Bodaño, con Ao pé de cada hora; Arcadio López-Casanova, con Mesteres; Manuel Rodríguez López, con Soldada Mínima.
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos