Foi alcumado o de Boa Memoria, pola lembranza positiva do seu reinado na memoria dos seus habitantes. Tamén é coñecido como o Bo ou o Grande.
Interreino
Á morte do rei Fernando I sen herdeiros directos, Portugal parece en perigo de perder a independencia. A raíña Leonor Teles de Meneses era impopular e vista con desconfianza. Fíxose notoria a súa conexión amorosa co nobre galego Xoán Fernandes Andeiro, que vivía no pazo, atraeu todas as críticas contra a súa persoa e contra o conde Andeiro. Para máis, a sucesión do trono recaeu sobre a princesa Beatriz, casada co rei Xoán I de Castela.
Porén, a burguesía e parte da nobreza uníronse á voz popular que clamaba contra a perda da independencia, tan duramente mantida por Fernando I. Dous pretendentes apareceron para competir con Beatriz pola coroa portuguesa:
Xoán, fillo de Pedro I e de Teresa de Lourenço, que foi aprobado como rei.
Co apoio dun grupo de nobres, entre eles Álvaro Pais e o mozo Nuno Álvares Pereira, e animado polo descontento xeral, o Mestre de Avis asasinou o conde de Andeiro no pazo, o 6 de decembro de 1383 e iniciou o proceso de obtención da rexencia en nome do infante Xoán. Con este último, aprisionado por Xoán I de Castela, abríase a posibilidade política do mestre de Avis ser rei.
Como sería de esperar, Xoán I de Castela non desistiu da súa pretensión e preparouse para loitar polos dereitos da súa consorte á coroa portuguesa. Seguiu a crise de 1383-1385, un período de anarquía e inestabilidade política onde diferentes cidades de Portugal se declaraban por Leonor Teles (ata abdicar da rexencia para a súa filla), por Beatriz ou polo Mestre de Avis.
A guerra civil durou máis dun ano. Nuno Álvares Pereira, posteriormente condestábel de Portugal, revelouse como un xeneral de gran valor, ao contrario do pretendente ao trono. Fernão Lopes é un crítico feroz das accións militares do Mestre, que tería tendencia a preferir enxeños e planos complicados, sen resultados, ao contrario da loita valente e cabaleiresca, e das vitorias cruciais de Nuno, particularmente no Alentejo e na axuda a Lisboa, onde o mestre quedou cercado sen se ter abastecido das provisións necesarias para aturar un asedio.
Reinado
Finalmente o 6 de abril de 1385, as Cortes portuguesas reunidas en Coímbra declaran o Gran Mestre de Avis, Xoán I, rei de Portugal. Esta toma de posición resultaba na práctica como unha declaración de guerra a Castela, xa que atacaba o estatuto de Beatriz de Portugal como herdeira.
Pouco despois, Xoán I de Castela invade Portugal co obxectivo de tomar Lisboa e eliminar a Xoán I de Portugal do trono. Con Castela, seguía un continxente de cabalería francesa, aliada de Castela para oporse aos ingleses, que tomaron partido por Xoán I (Guerra dos Cen Anos). Como resposta, Xoán I nomea a Nuno Álvares Pereira Condestábel de Portugal protector do reino.
A invasión castelá foi rexeitada durante o verán, despois da decisiva batalla de Aljubarrota, realizada o 14 de agosto, cerca de Alcobaça, onde o exército castelán foi case totalmente aniquilado. Castela, entón, retírase e a estabilidade da coroa de Xoán I queda definitivamente establecida.
En 1387, Xoán I casa con Filipa de Lancaster, filla de Xoán de Gante, fortalecendo por lazos familiares os acordos do Tratado de Alianza Luso-Británica, que perdura ata hoxe. Despois da morte en 1390 de Xoán de Castela, sen herdeiros de Beatriz, a ameaza castelá ao trono de Portugal desapareceu. A partir de entón, Xoán I dedicouse ao desenvolvemento económico e social do país, sen se involucrar en máis disputas coa veciña Castela ou a nivel internacional. A excepción foi a conquista de Ceuta, no norte de África, en 1415, unha praza de importancia estratéxica no control da navegación na costa de África que é conquistada o 21 de agosto. Despois da súa conquista son armados cabaleiros, na mesquita daquela cidade, os príncipes Duarte, Pedro e Henrique. Mentres, na véspera da partida de Lisboa, faleceu a raíña Filipa de Lancaster.
Legado
Cronistas contemporáneos describen a Xoán I como un home agudo, coidadoso en conservar o poder, pero ao mesmo tempo benevolente e de personalidade agradable. Na xuventude, a educación que recibiu como Gran Mestre da Orde de Avis transformouse nun rei excepcionalmente culto para a época.
O seu amor ao coñecemento pasou tamén aos fillos, designados por Luís de Camões, n'Os Lusíadas, por "ínclita xeración": o rei Duarte de Portugal foi escritor, Pedro, duque de Coímbra, o Príncipe das Sete Partidas, foi un dos príncipes máis esclarecidos do seu tempo e moi viaxado, e Henrique, duque de Viseu, o Navegador, investiu toda a súa fortuna en investigación relacionada coa navegación marítima e a cartografía, dando inicio á epopea dos descubrimentos.
A súa única filla, Isabel de Portugal, casou co duque de Borgoña e mantivo unha corte refinada e erudita nas súas terras.
No reinado de Xoán I foron descubertas as illas de Porto Santo (1418), de Madeira (1419) e dos Azores (1427), ademais de se faceren expedicións ás Canarias. Ten inicio, igualmente, a colonización dos Azores e de Madeira.
Do seu casamento con Filipa de Lancaster (1359-1415) naceron nove fillos. Destes, os seis que chegaron á idade adulta serían lembrados como a ínclita xeración:
Pedro, duque de Coímbra (1392-1449), foi un dos príncipes máis esclarecidos do seu tempo. Foi rexente durante a minoría do seu sobriño, o futuro rei Afonso V e morreu na batalla de Alfarrobeira.
Henrique, duque de Viseu, o Navegador (1394-1460), investiu a súa fortuna en investigación relacionada coa navegación, náutica e cartografía.
Isabel (1397-1471) casou con Filipe III, duque de Borgoña e mantivo unha corte refinada e erudita nas súas terras.