Xosé Artiaga Barreira, nado en Mondoñedo o 10 de xullo de 1955[1], é un pintor, gravador, fotógrafo e artista multimedia, así como catedrático de debuxo galego.
A súa arte pasou dun intimismo figurativo, caracterizado tecnicamente pola materialidade da súa pintura e o emprego da cor, a unha cada vez maior abstracción e esquematismo a partir de finais dos anos 80[5]. Son as súas series máis importantes na década dos 90 e comezos do novo século "Presencias" (1990-93), "Reencontres" (1994, no que comeza a experimentar coa fotografía) e "Utopías" (2000, no que emprega elementos dixitais).
Participou en numerosos certames de arte de modo regular, en moitas ocasións da man da Galería Emilio Navarro, de Madrid. Aos vinte e seis anos presentouse coa obra Personaje de madrugada ao IX Certame Nacional de Arte convocado pola Caixa de Aforros de Guadalaxara, resultando elixido entre os trinta e tres finalistas, cuxas obras se expuxeron a partir do 30 de outubro de 1981[6]. A súa primeira exposición individual tivo lugar en abril de 1985 na sala de exposicións da Deputación provincial de Lugo, e a súa primeira exposición en Madrid foi na Sala Columela en 1988[5]. Tamén ten exposto obra en Art Basel, ARCO, Salón dos 16, Mostra Gas Natural Fenosa, Chicago Internacional Art Exposition[1] ou Premio de Pintura L'Oreal, entre outros. Así mesmo ten colaborado con diferentes medios xornalísticos, como Diario 16, El Progreso (Lugo), Faro de Vigo, El Correo Gallego (Santiago) e a revista Monfadal (revista mindoniense de cultura)[7].
Posúe ademais obra mural realizada para edificios da Xunta de Galicia en Lugo, Viveiro e Xermade[7].
En 1994 recibiu o VII Premio Constitución de Pintura da Xunta de Estremadura, e do mesmo xeito o Premio de Pintura L'Oreal en varias ocasións[1].
En febreiro de 1996 saíu á luz o primeiro número da revista Arte y Parte, subtitulada «revista bimestral de información artística», un referente no eido internacional sobre as artes plásticas latinas[10], dirixida polo crítico galego Miguel Fernández-Cid, quen de xeito recorrente ten analizada a obra de Artiaga desde que o coñeceu en 1984[11]. Aquel recoñeceu xa nese mesmo número a atención e colaboración prestada na xestación do devandito proxecto xornalístico a, entre outros, Xosé Artiaga[12]. En 1998 foron escollidas catro das súas obras, pertencentes á serie Reencontres, para ilustrar na devandita revista un dos relatos da sección Palabras para el arte[13].
En 2017 foi un dos tres artistas invitados seleccionados para o VII Encontro de Artistas Novos "Cidade da Cultura" para impartir unha clase maxistral, xunto a María Cañas e Berta Álvarez Cáccamo[14].
Vida familiar
É pai do tamén artista e crítico José Artiaga Rodero[15] e da profesora e comisaria de arte Saudade Artiaga Rodero[16].
Crítica artística
A dicir do crítico Miguel Fernández-Cid na súa obra reflíctese unha reivindicación do seu lugar de orixe, explicando que «as súas pinturas son de aparencia fría, mais evocan un ollar selectivo, unha actitude a un tempo intensa e reflexiva»[17], cualificándoo tamén de «racionalista emocional»[11].
Fundamentalmente a partir de mediados dos anos 1990, Artiaga experimenta cada vez con maior asiduidade con outros soportes. Así, por exemplo, coa fotografía. O crítico David Barro sinala neste sentido que «muda de soporte, pero non de bandeira, non funciona como un oportunista, senón que se apoia na fotografía co propósito de conseguir resultados que a pintura non acada, nunca para traizoala»[18].
Labor como docente
Á parte da súa carreira artística, ten exercido como profesor de plástica en diferentes centros educativos. En 1984 opositou para ingresar no Corpo de Catedráticos Numerarios de Bacharelato, sendo nomeado a comezos de 1986[19]. Exerceu como profesor de debuxo no IES Galileo Galilei (de Alcorcón, desde o curso 1987-88)[20][21], no IES Iturralde (de Madrid)[7] e en Vilagarcía de Arousa[22].
En paralelo ás súas inquedanzas artísticas e ao seu compromiso coa protección dos animais, ten desenvolvido iniciativas en centros escolares que pretenden fomentar tanto a creatividade artística como o amor polos animais[23].
A Fundación Artiaga
O 8 de xullo de 2015 creou en Vilagarcía de Arousa a Fundación Artiaga[24], clasificada como de interese cultural pola Xunta de Galicia no mesmo ano[25]. Esta fundación ten por obxectivo a divulgación da cultura a través da arte, contribuír ao desenvolvemento cultural, social e científico de Galicia, promover o estudo e conservación da obra de Xosé Artiaga, así como a busca de novos artistas, e protexer aos animais abandonados. O padroado está presidido polo artista e completado nos cargos de vicepresidente e secretaria polos seus dous fillos, José e Saudade Artiaga Rodero.
Para recadar fondos para esta fundación, organizou en 2017 unha exposición colectiva itinerante titulada "AAN in ART", na que se reuniron obras de 42 artistas plásticos galegos, pasando en marzo pola Fundación Torrente Ballester (Santiago de Compostela)[26] e en xullo polo Pazo de Sabadelle (Sabadelle, Chantada)[27][28].
Exposicións
IX Certame Nacional de Arte Caixa de Aforros de Guadalaxara (Guadalaxara, outubro 1981)[6]
José Artiaga. Grabados, ADART (Madrid, xaneiro 1983)[29]
José Artiaga. Dibujos, Libraría Abril (Madrid, febreiro 1983)[30]
Sala de exposicións da Deputación Provincial de Lugo (Lugo, abril 1985)
Sala Pena Trapero (Mondoñedo, abril 1985)
V Salón Nacional de Artes Plásticas (Alcobendas, Madrid, 1985)[1]
Artiaga Barreira, José (1983). La cultura castreña (Mestría/doutoramento) (en castelán). Universidade Complutense de Madrid, Facultade de Belas Artes, Departamento de Historia da Arte e Pedagoxía. p. 73. OCLC1024883493.
Ríos Torre, Miguel (1995). Desde mil novecentos trinta e seis: homenaxe da poesía e da plástica galega aos que loitaron pola liberdade. A Coruña: Ediciós do Castro. ISBN978-84-7492-977-5.
González Ananín, Eduardo (1997). Rol de Cantárida. A Coruña: Ediciós do Castro. ISBN978-84-7492-828-0.
Artiaga, Xosé (1997). "De las corredoiras a la autopista". Galicia Terra Única. Galicia 1900-1990. Ferrol, Ferrerías da Armada e Hospital da Caridade, 24 de xuño-outubro 1997. ISBN84-453-1940-X.