Alexis Carrel, nado en Sainte-Foy-lés-Lión, Francia o 28 de xuño de 1873 e finado en París o 5 de novembro de 1944, foi un biólogo, médico, investigador científico e escritor francés. Polas súas contribucións ás ciencias médicas foi galardoado co premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina en 1912. Julius H. Comroe, profesor emérito do Cardiovascular Research Institute (University of California en San Francisco) escribiu: "Carrel gañou o Premio Nobel en Fisioloxía ou Medicina en 1912, e non o gañou por algunha investigación escura e esotérica, senón «en recoñecemento do seu traballo acerca de sutura vascular, e transplante de vasos sanguíneos e de órganos». Entre 1901 e 1910, Alexis Carrel, utilizando animais de experimento, efectuou todas as accións e desenvolveu todas as técnicas coñecidas hoxe en cirurxía vascular (...)"[1] En Francia, foi honrado coa Ordre national de la Légion d'honneur (Orde da Lexión de Honra). Foi membro da Accademia de Lincei (Pontificia Academia de Ciencias). En 1912 foi testemuña ocular dunha curación extraordinaria no Santuario da Nosa Señora de Lourdes, que significou o comezo dun cambio progresivo na súa vida, que o levou do escepticismo á fe. Hoxe é considerado un dos conversos máis famosos de Lourdes.
Inicios
Alexis Carrel naceu en Lión o 28 de xuño de 1873. Os seus devanceiros desempeñaran cargos significativos ao servizo de Lión e as súas institucións no tres séculos anteriores. A súa familia era moderadamente solvente. Seu pai, Alexis Carrel Billiard, era un fabricante de teas que, en 1871 e á idade de 26 anos, casou con Anne-Marie Ricard. O primeiro fillo do matrimonio foi chamado Auguste, pero cambiou o seu nome por Alexis cando o seu pai morreu. Alexis era o maior de 3 irmáns e, cando faleceu seu pai, tiña só 5 anos. A partir de entón, a situación económica da familia alterouse rapidamente.[2]
Aos 17 anos, graduouse no colexio St. Joseph (Lión) e enfrontouse coa necesidade de elixir unha carreira. Considerou a cirurxía, a investigación científica, o coidado dos pacientes. Case sen vacilar, decidiu entrar na Facultade de Medicina da Universidade de Lión, aínda que non había ningún antecedente familiar nesa disciplina. En 1889 obtivo a Licenciatura en Letras, e en 1890 a de Cirurxía. Completou os cursos e as prácticas, e en 3 anos aprobou os exames finais.[2] Logo, foi aceptado como externo (2° de entre 57 postulantes) o 27 de outubro de 1893 e pasou os seguintes dous anos servindo no Hospital da Cruz Vermella e no Hospital Antiguaille. Posteriormente realizou o servizo militar durante 1 ano como auxiliar médico na unidade de tropas de montaña Chausseurs Alpins. Finalmente, estivo internado de 5 anos en distintos hospitais de Lión, principalmente o Hotel Dieu.[2]
El era aínda un novo practicante de medicina cando o presidente francés, Marie François Sadi Carnot, foi asasinado por un anarquista italiano en Lión, en xuño de 1894. O coitelo do anarquista cortara unha arteria de primeira orde, polo que o presidente morreu logo de menos de dous días de agonía sen que os mellores cirurxiáns puidesen evitar o fatal desenlace. Neses tempos, a sutura dun vaso sanguíneo grande aínda era un tema sen solución segura. O episodio marcou profundamente a Carrel, quen decidiu resolver o problema.[1] Insistía en que a vida de Carnot podería terse salvado se os cirurxiáns souberan como suturar vasos, da mesma forma que se suturaban outros tecidos.[2] A partir do seu internado, dedicouse á cirurxía vascular experimental especializándose na mesma Universidade. En 1900, Carrel era doutor en medicina.
Carreira científica
Desde un principio, Alexis Carrel mostrou un grande interese pola posibilidade de reconstituír arterias, traballo que comezou a investigar en animais.
En 1902, xa médico e asistente no Departamento de Anatomía, Carrel publicou un traballo na revista científica Lyon Medical.[3] Ese traballo científico fixo historia, iniciando a época máis destacada da súa carreira e catapultándoo á fama unha década despois. Dúas semanas máis tarde atopouse no tren que levou a Marie Bailly, unha nova afectada de peritonite tuberculosa en último estadio, a Lourdes. Alí, Carrel foi testemuña cualificada da curación extraordinaria de Bailly. Os feitos precisos atópanse dispoñibles no "Dossier 54" (Expediente 54), o que se coñece como o "Caso Bailly". Por outra banda, a experiencia espiritual que sacudiu a Carrel no seguintes cinco días foi descrita por el de maneira novelada nun manuscrito que recentemente foi publicado en 1948, baixo o título "Le voyage de Lourdes, suivi de fragments de journal et de méditations",[4] catro anos despois da súa morte ocorrida en novembro de 1944. Carrel, aínda que desconcertado e atónito, informou de forma precisa as súas observacións á comunidade médica en Lión. A continuación, foi atacado polo clero, que o considerou demasiado escéptico, e polos seus propios colegas médicos, que o consideraron demasiado crédulo e "místico". Un colega cirurxián díxolle que nunca pasaría o seu exame de cirurxía.[1]
Amargado e molesto, Alexis Carrel saíu de Francia para o Novo Mundo en maio de 1904, dirixíndose en primeiro termo ao Canadá. A principios de xullo de 1904, presentou un documento en Montreal sobre a anastomose vascular para o II Congreso de Medicina da lingua francesa de América do Norte. Na audiencia atopábase o Dr. Carl Beck, un recoñecido cirurxián de Chicago, que á vez estaba convencido de que Carrel debía ir a Chicago. En novembro dese ano, ofrécenselle a Carrel dous postos en Chicago: un na Universidade de Illinois con Beck, e outra no Departamento de Fisioloxía da Universidade de Chicago. Aceptou a segunda opción, probablemente porque G.N. Stewart, un fisiólogo cardiovascular de renome, era director dese Departamento.[1] Por ese entón, Carrel estaba interesado en experiencias como as do cirurxián americano Rudolph Matas sobre o tratamento de aneurismas.[5] Así, Carrel emigrou aos Estados Unidos de América en novembro de 1904.[1]
As investigacións de Carrel referíronse fundamentalmente á cirurxía experimental e ao transplante de tecidos e órganos intactos. Até este momento as estruturas vasculares suturábanse e utilizábanse cánulas de óso ou de metais preciosos. Alexis Carrel ideou un novo sistema de sutura que evitaba unir directamente os bordos vasculares. Para iso realizaba cortes nos extremos dos vasos e dáballes a volta. A continuación utilizaba material parafinado na sutura. Con este método conseguía evitar as hemorraxias postoperatorias e a formación de coágulossanguíneos. Coa sutura dos extremos cara a fóra ou revertidos, conseguía que no interior non quedasen fíos soltos que favorecesen a formación posterior de trombos.
Carrel e Guthrie foron os primeiros en observar que, cando unha vea se usaba para substituír un segmento arterial no mesmo individuo, a vea asumía características de arteria en tanto que, cando unha arteria substituía unha vea, a parede arterial adelgazaba e asumía as características dunha vea.[6]
En 1910 describiu nun artigo todos os seus avances realizados con este novo sistema de sutura vascular. Coa súa técnica, Carrel conseguiu unir vasos sanguíneos de apenas un milímetro de diámetro. Alentado polos seus achados, dedicou as súas investigacións aos transplantes vasculares: tomando unha porción dun vaso, conseguiu utilizala en calquera outro lugar do propio paciente.
Entre as chegas de Carrel á cirurxía atópanse os autoenxertos (autotransplantes) en animais, cos que obtivo numerosos éxitos, aínda que se produciron rechazos nos chamados homoenxertos (homotransplantes) de órganos de individuos distintos pertencentes á mesma especie. Destacan tamén os transplantes de orellas, tiroide, ril e bazo, así como os seus logros na conservación dos vasos sanguíneos para transplantar que evitase a espera dun posible doante (para iso utilizou o almacenamento en frío ou cold storage).[7][8]
Acredítaselle a Christiaan Neethling Barnard ter sido o primeiro en transplantar o corazón dun ser humano a outro, a finais de 1967. Pero a idea non era nova. Carrel e Guthrie fixérano nun can xa en 1905.[9] Carrel describiu o transplante de pulmóns e de corazón en 1907.[10]
Os seus traballos en cirurxía vascular experimental foron publicados nas revistas máis afamadas: Journal of the American Medical Association (18 artigos), Journal of Experimental Medicine (25 artigos), Science (7 artigos), Surgery, Gynecology and Obstetrics (5 artigos), Annals of Surgery (3 artigos), Transactions of the American Surgical Society (3 artigos), Bulletin of the Johns Hopkins Hospital e British Medical Journal.[1]
Premios e distincións
En 1912, Alexis Carrel recibiu o Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina «en recoñecemento ao seu traballo acerca da sutura vascular, e o transplante de vasos sanguíneos e de órganos». Os comentarios que produciron os medios científicos logo de ser Alexis Carrel galardoado co Premio Nobel foron notables:
"E hai un novo avance na cirurxía dos vasos sanguíneos que é, quizais, aínda máis sorprendente. Carrel demostrou que unha porción da arteria pode conservarse en cámara fría durante varios días ou mesmo semanas antes do transplante e, aínda así, seguir viva. Máis aínda, aínda que como regra xeral, o tecido dun animal non vai crecer no corpo doutro animal dunha especie diferente, Carrel atopou que estas porcións de vasos sanguíneos de cans poden ser transplantadas dunha cámara frigorífica con éxito nos corpos de gatos. Ninguén que seguise con interese estes novos avances na cirurxía pode dubidar que conteñen inmensas posibilidades, e a aplicación dos métodos aprendidos nos animais ao ser humano non pode tardar."
The Lancet, editorial do 19 de outubro de 1912
Carrel foi honrado coa membrecía de sociedades científicas nos EUA, España, Rusia, Suecia, Países Baixos, Bélxica, Francia, a Cidade do Vaticano, Alemaña, Italia e Grecia, e doutorados honoríficos das Universidades de Belfast, Princeton, California, Nova York, Brown e Columbia. Recibiu a orde da Lexión de Honra de Francia, e a Orde de Leopoldo de Bélxica. Foi "Gran Comandante" na Orde da Estrela Polar de Suecia, e o destinatario doutras condecoracións en España, Serbia, Gran Bretaña e a Santa Sé.
Alexis Carrel e Lourdes
Quince anos antes do nacemento de Alexis Carrel, o 11 de febreiro de 1858, e durante seis meses, unha adolescente moi pobre chamada Bernadette Soubirous testemuñou recibir as revelacións da Virxe María na advocación da Inmaculada Concepción na pequena gruta de Masse-Vieille (hoxe chamada Massabielle), nos arredores de Lourdes (Francia). A posterior morte de Bernardita o 16 de abril de 1879 e a súa canonización o 8 de decembro de 1933, xunto con feitos extraordinarios que ocorreron alí, fixeron de Lourdes un dos destinos principais de peregrinación católica no mundo. A curación de Marie Bailly en Lourdes foi observada polo propio Alexis Carrel.
Testemuña dunha curación extraordinaria
A finais de maio de 1902, un colega e excompañeiro de clases de Alexis Carrel pediulle que tomase o seu lugar como médico a cargo dun tren que trasladaba xente enferma a Lourdes. Carrel estaba interesado en Lourdes, pero non para avaliar a "autenticidade" dos milagres. Neses momentos, non cría en milagres. Estaba interesado en avaliar de forma persoal a velocidade coa que se producía a curación de diferentes enfermidades ou lesións informadas en Lourdes. Dotado dun fino sentido de observación, os seus amigos dicían del que tiña "o ollo nas costas..."
De entre os enfermos, o Dr. Alexis Carrel fixou a súa atención nunha moza enferma agonizante, Marie Bailly (a quen el chamou co pseudónimo de "Marie Ferrand" nos seus escritos -publicados de forma póstuma baixo o título de "Unha viaxe a Lourdes"-). Marie Bailly estaba afectada por peritonite tuberculosa en último estadio, unha enfermidade certamente mortal nesa época. Acerca da condición de Marie Bailly antes da súa curación, Carrel escribiu:
"Hai unha paciente que está máis preto da morte neste momento que calquera dos outros. Fun chamado á beira da súa cama numerosas veces. Esta desafortunada moza está nas últimas etapas dunha peritonite tuberculosa. Coñezo a súa historia. Toda a súa familia morreu de tuberculose. Ela tivo úlceras tuberculosas, lesións dos pulmóns, e agora, nestes últimos meses, unha peritonite, diagnosticada tanto por un médico xeral como por un cirurxián recoñecido de Bordeus, Bromilloux. O seu estado é moi grave, tiven que lle dar morfina na viaxe. Pode morrer en calquera momento, xusto debaixo do meu nariz. Se un caso como o seu se curase sería realmente un milagre. Nunca dubidaría de novo... A súa condición deteriórase constantemente. Se ela chegase a casa de novo con vida, iso de seu sería un milagre... Está condenada. A morte está moi preto. O seu pulso é moi rápido, de cento cincuenta pulsacións por minuto, e irregulares. O corazón está a se apagar..."
Alexis Carrel
Retirando os cobertores, o corpo de Marie estaba exposto de novo. O abdome estaba inchado como antes, pero algo máis pronunciado no lado esquerdo... "Temo que se me morra entre as mans...", declararía Carrel. Cando o tren arribou a Lourdes, a moza Marie Bailly estaba semi-inconsciente, pero ao chegar ao Hospital de Lourdes propiamente dito, estaba consciente. Carrel tiña unha visión tan pesimista da condición da moza que prometeu "converterse en monxe" se ela chegaba con vida á Gruta, situada apenas a 400 metros do hospital. Por insistencia de Marie Bailly, unha xerra chea de auga do manancial de Lourdes foi vertida tres veces sobre o abdome, certamente moi inchado, da rapaza. Media hora máis tarde, o pulso da moza comezou a diminuír e o ventre até entón inchado aplanouse. Durante ese tempo, Marie Bailly permaneceu totalmente consciente. Carrel quedou perplexo: o científico que rexía o seu interior negouse a aceptar a posibilidade dun milagre, pero a súa mente tampouco lograba obter unha conclusión empírica e pragmática.
A curación repentina de Marie Bailly deuse a coñecer amplamente en Lión, xunto co feito de que Carrel estivo presente durante a súa curación. Un xornal publicou un artigo, implicando que Carrel se negaba a crer no milagre. En consecuencia, o Dr. Carrel viuse compelido a publicar unha resposta que non agradou a ninguén. Criticou os crentes por tomar con demasiada facilidade algo infrecuente coma se se tratase de milagre. E, por outra banda, reprochou a quen se negaban a mirar os feitos cada vez que parecía ser un milagre (implicando en gran medida os membros da comunidade médica).
O "Dossier 54" ou "Caso Bailly"
Os detalles máis precisos sobre os feitos do chamado "caso Bailly" pódense obter do "Dossier 54", nos arquivos de "Le Bureau des Constatations Médicales" (Oficina Médica),[12] organismo que, xunto con "Le Comité Médical International",[13] rexen a análise científica das curacións producidas en Lourdes. O "Dossier 54" tamén se atopa na introdución redactada por Stanley L. Jaki (gañador do Premio Templeton en 1987) nunha re-edición do libro de Carrel Unha viaxe a Lourdes.
Marie Bailly naceu en 1878. Tanto seu pai, un óptico, como súa nai morreron de tuberculose. Dos seus cinco irmáns, só un non sufriu esa enfermidade. Ela tiña vinte anos cando se evidenciaron por primeira vez os síntomas da tuberculose pulmonar. Un ano máis tarde, diagnosticóuselle meninxite tuberculosa, da que se recuperou repentinamente cando utilizou auga de Lourdes. Dous anos máis tarde, en 1901, sufriu peritonite tuberculosa. Pouco despois, xa non podía reter os alimentos. En marzo de 1902, os médicos en Lión negáronse a operala por medo a que morrese na mesa de operacións.
O 25 de maio de 1902 pediulle aos seus amigos que a metesen a escondidas nun tren que levaba enfermos a Lourdes. Tivo que ser obxecto de tránsito ilícito xa que, por regra xeral, estaba prohibido levar xente moribunda neses trens. O tren partiu de Lión ao mediodía. Ás 2 da mañá seguinte, estaba morrendo. Chamouse a Alexis Carrel, quen lle forneceu morfina á luz dunha lámpada de queroseno e permaneceu con ela. Tres horas máis tarde, Carrel diagnosticou ese caso como peritonite tuberculosa e dixo a media voz que non ía chegar a Lourdes con vida. O diagnóstico inmediato neses tempos dependía en gran medida dun procedemento de apalpamento.
En Lourdes, Marie Bailly foi examinada por varios médicos. O 27 de maio, insistiu en ser levada á Gruta, aínda que os médicos (entre eles Carrel) tiñan medo de que morrese no camiño. O "Expediente 54" ("Dossier 54") do Arquivo da Oficina Médica contén as declaracións realizadas por tres médicos, incluíndo o propio Carrel, e o testemuño de Marie Bailly, que escribiu en novembro e entregou a Carrel, quen o remitiu debidamente á Oficina Médica de Lourdes. Os aspectos máis destacados do testemuño da propia Marie Bailly son os seguintes.
Ao chegar aos baños contiguos á gruta, non se lle permitiu a inmersión. Pediu que un pouco de auga dos baños se derramase sobre o seu abdome. Isto causoulle unha dor punzante en todo o corpo. Aínda así, pediu que se repetira a operación. A segunda vez, sentiu moita menos dor. Cando a auga se verteu sobre o seu abdome por terceira vez, deulle unha sensación moi agradable.
Mentres tanto Carrel estaba detrás dela, cun caderno de notas nas súas mans. Marcou o momento, o pulso, a expresión facial e outros datos clínicos, como testemuña ocular. O abdome, enormemente inchado e moi duro, comezou a aplanarse e, nun prazo de 30 minutos, desaparecera a inchazón por completo. Non se observou ningún tipo de descarga corporal.
Foi levada primeiro á Basílica e, a continuación, á Oficina Médica, onde foi examinada de novo por varios médicos, entre eles Carrel. Pola noite, sentou na súa cama e ceou sen vomitar. Á mañá seguinte, levantouse por si mesma e xa estaba vestida cando Carrel a volveu ver.
Carrel non podía deixar de rexistrar que ela estaba curada. "Que vas facer coa túa vida agora?", preguntoulle Carrel. "Unireime ás Irmás da Caridade para pasar a miña vida coidando dos enfermos", foi a resposta de Marie Bailly. Ao día seguinte, Marie Bailly subiu ao tren pola súa conta e, despois dunha viaxe de 24 horas en duros bancos, chegou renovada a Lión. Alí tomou o tranvía e foise para a casa familiar, onde tería que "probar" que ela era realmente Marie Bailly, a mesma que só cinco días antes saíra de Lión nun estado crítico.
Carrel continuou tendo un grande interese por el. Pediulle a un psiquiatra que a puxese a proba cada dúas semanas, o que se realizou durante catro meses. Foi examinada regularmente en busca de trazas da tuberculose. A finais de novembro, foi declarada en bo estado de saúde, tanto física como mental. En decembro, entrou no noviciado en París. Sen ter unha recaída, viviu a vida ardua dunha Irmá da Caridade até 1937.
Inquietude de pensamento, conversión e morte de Carrel
Carrel fora educado na fe católica, pero afastouse dela durante a súa etapa de formación universitaria, transformándose nunha persoa escéptica, que só aceptaba aquilo explicable pola razón. Logo do "caso Bailly", Carrel tiña ante si un problema. Se alguén coñecía os feitos do caso era el, quen humanamente sabía o que pasou con Marie Bailly. Con todo, non se atrevía a crer que algo máis que simplemente as forzas naturais interviñeran na recuperación repentina de Marie Bailly. Continuou regresando a Lourdes para poder ver outras curacións repentinas. Esperaba percibir desta forma algunha forza puramente natural que producise as chamadas curacións "milagrosas" e que o fixese a través do poder da oración, o cal consideraba el unha forza psíquica puramente natural. A proba diso está no seu famoso libro "L'homme, cet inconnu" ("A Incógnita do Home - O Home, Ese Descoñecido"),[14] que apareceu publicado por primeira vez en francés en 1934, logo en inglés e, posteriormente, en trinta idiomas. Alí faise referencia, precisamente neste sentido, a varios dos milagres de Lourdes.
Para entón, pasaran trinta e dous anos desde que Carrel estivera a carón da padiola de Marie Bailly. En todos eses anos, entrevistouse con sacerdotes unha e outra vez. Reuniuse con teólogos, ou mellor dito, algúns teólogos buscárono a el, coa esperanza de que Carrel lles dese unha confirmación "científica" dos milagres. Nada disto parecía achegalo á fe da súa infancia. Entón, Marie Bailly morreu en 1937 á idade de 58 anos.
Ao ano seguinte, Carrel topouse cun sacerdote, Reitor do Seminario Maior en Rennes, con quen desenvolveu rapidamente unha relación. O Reitor suxeriulle ver un monxe trapista, Alexis Presse. O Pai Alexis pasara unha década restaurando e reabrindo abadías en ruínas en toda Francia. En 1939 comezou a traballar nunha abadía en ruínas en Bouquen, a só unha hora en automóbil da residencia de verán de Carrel na Bretaña. Cando se dirixía coa súa esposa, Carrel ía roñando, dicindo que "o encontro cos sacerdotes faille a un máis dano que ben".
Chegaron. Desde as ruínas veu un monxe, o Pai Alexis. Mirou a Carrel, quen comezou a sentir "algo estraño correndo a través del".
Ao comezar a segunda guerra mundial, en 1939, Carrel -xubilado pouco antes- acudiu para remediar a situación sanitaria dunha Francia invadida. Coincidiu co mariscal Philippe Pétain ao interpretar a catástrofe como consecuencia do relaxamento do pobo francés e decidiu imprudentemente levar a cabo a idea dun "Instituto do Home" no París ocupado, co apoio do Réxime de Vichy. Desde 1942, traballouse alí activamente sobre o desenvolvemento dos nenos, as condicións do traballo etc., aínda que as investigacións se virón obstaculizadas pola mesma contenda. En 1944, os liberadores acusaron amargamente a Carrel de colaboracionista, relegando del por completo. Para entón achábase xa enfermo, con grave insuficiencia cardíaca. Quizais esta última decepción acelerou o transo mortal.
En novembro de 1944, Carrel morría en París. A nova chegoulle ao Pai Alexis na Bretaña. O monxe abordou un tren militar que transportaba bananas de América ás tropas que seguían combatendo os alemáns máis aló de París. Chegou xusto a tempo. Carrel pediu os sacramentos antes de morrer, o 5 de novembro de 1944. Eduardo de la Hera fixo unha descrición dos conversos que quizais se corresponda coa de Alexis Carrel, un converso da "Nosa Señora de Lourdes":
"Os conversos son esas persoas que, despois de vivir á marxe de toda fe relixiosa, un día inesquecible deron unha viraxe tan intensa á traxectoria da súa vida que cambiaron de rumbo. E comezaron, se se me permite a expresión, a "tomarse en serio a Deus". Deus trastornou as súas vidas. En certo sentido, complicoullas. Alguén puido ver neles a seres suxestionados, alucinados ou alienados. Pero non, eles non se saíron deste mundo: o seu e o de todos, o único que temos. (...) Tampouco se transformaron en fanáticos do relixioso. Souberon, simplemente, mostrarse coherentes coa súa verdade e respectuosos coa verdade dos outros."[15]
Eduardo de la Hera
Recoñecementos póstumos
En 1972, a Oficina Postal sueca honrou a Alexis Carrel cun selo postal que foi parte da súa "serie de selos postais Nobel".
En 1979, denominouse Carrel a un cráter lunar como homenaxe aos seus avances científicos.
En febreiro de 2002, a Universidade Médica de Carolina do Sur en Charleston (EUA) estableceu o Premio Lindbergh-Carrel, como parte das celebracións polo centenario do aniversario de Charles Lindbergh, con quen Carrel colaborou.
Notas
↑ 1,01,11,21,31,41,5Comroe, J.H. (1978). Who was Alexis who. American Review of Respiratory Disease 118: 391–402.
↑ 2,02,12,22,3Edwards, W.S.; Edwards, D.P (1974). Charles C. Thomas, Publisher Ltd (Springfield, IL), ed. Alexis Carrel, Visionary Surgeon. pp. 143 pp. ISBN 978-0-398-03130-5.
↑Carrel, A. (1902). "La technique opératoire des anastomoses vasculaires et la transplantation des viscères". Lyon médical98: 859-864.
↑Carrel, Alexis (1970). Iberia, ed. Viaje a Lourdes: seguido de fragmentos del diario y meditaciones. ISBN 978-84-7082-043-4.
↑Matas, R. (1903). "An operation for the radical cure of aneurism based upon arteriorrhaphy". Annals of Surgery37: 161–196.
↑Carrel, A., Guthrie, C.C. (1906). "Uniterminal and biterminal venous transplantations.". Surg. Gynecol. Obstet.2: 266-286.
↑Carrel, A. (1910). "Latent life of arteries". Journal of Experimental Medicine12: 460-486.
↑Carrel, A. (1912). "The preservation of tissues and its applications in surgery". Journal of the American Medical Association59: 523-527.
↑Carrel, A., Guthrie, C.C. (1905). "The transplantation of veins and organs". Am. Med.10: 1101-1102.
↑Carrel, A. (1907). "The surgery of blood vessels etc.". Bull. Johns Hopkins Hosp.18: 18-28.
↑Carrel, A., Dakin, H., Daufresne, J., Dehelly, P., Dumas, M. (1915). "Traitement abortif de l'infection des plaies". Bull. Acad. Med. Paris74: 361-368.
Moreno, Alfonso María (1961). Espasa-Calpe, ed. Triunfo y ruina de una vida. Alexis Carrel. ISBN 978-84-239-5045-4.
Vaquero Puerta, Carlos (2006). Ed. Vaquero Puerta, Carlos, ed. Contribución histórica de Alexis Carrel a la cirugía experimental. ISBN 978-84-611-3400-7.
Soupault, Robert (1953). Ed. Guillermo Kraft Ltd, ed. Alexis Carrel, su vida y su obra.