Sri Aurobindo, nado en Calcuta o 15 de agosto de 1872 e finado en Pondicherry o 5 de decembro de 1950, nado co nome de Aurobindo Ghosh ou Ghose, foi un nacionalista indio, filósofo, mestre espiritual e poeta[1][2]. Uniuse ao movemento nacional indio, e foi, durante un tempo, un dos seus máis afamados e radicais líderes[3], antes de desenvolver a súa propia visión do progreso humano e o desenvolvemento individual.
O tema central da visión de Aurobindo era a evolución da vida humana cara a vida divina; escribiu: "O home é unha criatura de transición. Non é un fin en si mesmo. O paso do home ao superhome será o vindeiro logro da evolución mundial. É inevitable xa que é, ao tempo, a intención do espírito interno e a lóxica do proceso natural".[4] Deste xeito Aurobindo artella un sistema dialéctico da salvación non só para o individuo, senón para a humanidade no seu conxunto.
Obra
O volume de traballos de Sri Aurobindo (Collected Works of Sri Aurobindo), é unha síntese de filosofía occidental e oriental, relixión, literatura, e psicoloxía. Aurobindo foi o primeiro indio que creou un corpus literario completo en inglés.[5] Os seus traballos abranguen filosofía, poesía, traducións e comentarios sobre os Vedas, os Upanishads e o Gita, pezas de teatro, crítica social, literaria, política e histórica, obras devocionais e tres volumes de obra epistolar.