A Bandeira do reino de Galicia é o estandarte histórico que representou ao reino de Galicia desde os últimos séculos da Idade Media até a 1833, ano no que as Cortes de Madrid disolveron o reino definitivamente e o dividiron nas catro provincias que na actualidade conforman a Comunidade Autónoma de Galicia.
Deseño
Ao igual que o escudo, aínda que adaptado a un formato de maiores proporcións, a bandeira reproduce o símbolo heráldico do reino de Galicia; un cáliz dourado en fondo azur, ao que, a comezos do século século XVI se lle engade un sementado de cruces recrucetadas douradas, cuxo número finalmente acabou estandarizándose en seis cruces, primeiro, e sete cruces finalmente.
Historia
Dado o feito de que bandeira e escudo nacen sendo unha unidade na Idade Media, a súa evolución histórica corre parella ao longo dos séculos. Como o escudo e as armas de Galicia aparecen xa a finais do século XIII, no armorial inglés coñecido como Segar's Roll, a súa representación en bandeira é pouco despois e esta aparece plenamente levada aos estandartes no século XVI.