Por favor, vexa a lista de problemas indicados neste modelo e mellóreo de acordo coas indicacións. Cando os problemas se resolvan, retire esta mensaxe, pero non quite esta mensaxe ata que estea todo solucionado. De ser posible, sería mellor substituír este marcador por outro máis específico.(Desde xullo de 2017)
No transcurso da batalla, o Exeter foi gravemente danado polo que tivo que retirarse, mentres que os outros buques recibiron danos moderados. O Ajax e o Achilles seguiron entón ao Graf Spee que entrou nas augas neutrais de Montevideo, capital do Uruguai. Despois dun tenso período de tempo, o capitán do Graf Spee, Hans Langsdorff, afundiría o seu barco.
Antecedentes
O Graf Spee estivera no mar dende o comezo da segunda guerra mundial en setembro de 1939, e afundira varios barcos mercantes no océano Índico e Atlántico Sursen perda de vidas, debido á política do seu capitán de recoller todas as tripulacións despois de afundir os barcos.
A Royal Navy reuniu nove forzas para buscar o barco. A forza G, o escuadrón de cruceiros de Suramérica, formada polo cruceiro pesadoHMS Exeter de 8520 toneladas con seis canóns de 200 milímetros, e dous cruceiros lixeiros clase Leander, os HMS Ajax e Achilles ámbolos dous de 7390 t con oito canóns de 150 mm. Aínda que tecnicamente era un cruceiro pesado debido aos sus canóns de 200 mm, o Exeter cos seus seis canóns (tres torretas de dous) era unha versión reducida da clase County, como o HMS Cumberland, que tiña catro canón dobres de 200 mm, dous a proa e dous a popa. A forza estaba comandada polo comodoro Henry Harwood do Ajax, que estaba capitaneado por Charles Woodhouse. O Achilles era da División de Nova Zelandia (precursora da Royal New Zealand Navy) e estaba capitaneado por Edward Parry. O capitán do Exeter era F. S. Bell. O cruceiro pesado HMS Cumberland, de 10.000, estaba a ser reabastecido nas illas Malvinas nese momento, pero estaría dispoñible a curto prazo.
Seguindo un aviso de asalto do mercante Doric Star, que foi afundido polo Graf Spee fronte a Suráfrica, Harwood sospeitaba que o atacante intentaría atacar despois diso a barcos mercantes na baía do río da Prata, entre o Uruguai e a Arxentina. Ordenou ao seu escuadrón ir cara a posición 32° sur, 47° oeste. Harwood elixiu esa posición, segundo os seus despachos, debido a que era a zona máis conxestionada das rutas marítimas do Atlántico Sur, e polo tanto o punto onde o asaltante podería facer máis dano aos barcos inimigos. Un cargueiro noruegués viu ao Graf Spee practicando cun dos seus reflectores e avisou do seu curso cara Suramérica.
Os tres cruceiros reuníronse no estuario o 12 de decembro. A política de combate de Harwood de tres cruceiros contra un acoirazado de peto era atacar á vez, de día ou de noite. Se era de día, os barcos atacarían como dúas unidades, o Exeter separado do Ajax e o Achilles. Se era de noite, os barcos permanecerían nun mesmo grupo en formación aberta. Ao atacar dende dous lados, Harwood agardaba darlle aos seus barcos máis lixeiros a posibilidade de superar a vantaxe alemá de maior alcance e fogo máis pesado dividindo os seus disparos.
Aínda que tiñan menos potencia de fogo e polo tanto unha desvantaxe táctica, os británicos tiñan a vantaxe estratéxica. Cada atacante regresando a Alemaña debía burlar o bloqueo do mar do Norte, e era razoable que ocorrese un encontro coa Home Fleet no seu regreso. Para conseguir a vitoria, os británicos só tiñan que danar o barco o suficiente como para que non puidese facer a viaxe ou para que non tivese a capacidade de loitar contra a Home Fleet (polo contrario, os alemáns deberían destruír a forza aliada sen ser gravemente danados). Por outra banda, debido á enorme superioridade numérica, incluso a perda dos tres cruceiros non supoñía unha mingua significativa na capacidade naval aliada, mentres que o Graf Spee era un dos principais barcos da Kriegsmarine. Os británicos podían correr o risco de sufrir unha derrota táctica se conseguían unha vitoria estratéxica.
A batalla
O 13 de decembro, o barcos avistáronse de preto. O Admiral Graf Spee, a pesar de ter identificado correctamente ao Exeter, inicialmente sospeitou que os dous cruceiros lixeiros eran destrutores máis pequenos e que os barcos británicos estaban protexendo un convoi mercante, cuxa destrución sería un premio importante. Debido a que o avión de recoñecemento do Graf Spee estaba fóra de servizo, o seu capitán, Hans Langsdorf, baseouse en vixías para conseguir esta información. Langsdorf decidiu atacar, a pesar de recibir un informe preciso do servizo naval alemán o 4 de decembro da actividade británica na zona do río da Prata. Ese informe incluída a información de que o Ajax, o Achilles, o Exeter e o Cumberland estaban patrullando o costa suramericana. Langsdorf decatouse demasiado tarde de que estaba encarando os tres cruceiros.
Acelerando inmediatamente os seus motores diésel, aproximouse ao escuadrón inimigo a unha velocidade de 24 nos (44 km/h) coa esperanza de interceptar aos barcos ingleses impulsados a vapor antes de que puidesen chegar da velocidade de cruceiro á potencia total. Esta estratexia pode parecer un erro inexplicable. Langsdorf podería quizais ter manobrado para manter ai buques británicos a unha distancia dende a cal podería destruílos cos seus canóns de 280 mm mentres se mantiña fóra do alcance efectivo dos seus canóns máis pequenos. Por outra banda, sabía que os cruceiros británicos tiñan entre 4 e 6 nos (7,4–11 km/h) de vantaxe en velocidade sobre o Graf Spee e podería, en principio, manterse fóra de rango mentres eles decidisen usar a táctica habitual dos cruceiros na presenza dunha forza superior, mentres pedían reforzos.
Os británicos executaron o seu plan de batalla: o Exeter virou cara ao noroeste, mentres que o Ajax e o Achilles, operando xuntos, viraron cara ao nordeste para dividir o fogo do Graf Spee. O barco alemán comezou a disparar cara ao Exeter a 17.000 m cos seus seis canóns de 280 mm ás 06:18. O Exeter abriu fogo cos seus canóns de proa ás 06:20 e cos de popa ás 06:22, o Achilles ás 06:21, e o Ajax ás 06:23. Dende a primeira salva, o fogo Graf Spee foi moi preciso, e o seu terceiro disparo impactou preto do Exeter ás 06:23, estoupando un proxectil de 280 mm pouco antes, en fronte do medio do barco. Rachos deste proxectil mataron a tripulantes dos tubos de torpedos, danaron os sistemas de comunicación do barco, encheron de buratos as chemineas e os reflectores, e esnaquizaron o avión Walrus xusto cando ía ser lanzado para apoiar o fogo dos canóns. Tres minutos despois, o Exeter sufriu un impacto directo na súa torreta "B", pondo os seus dous canóns fóra de combate. A metralla varreu a ponte, matando ou ferindo a toda a tripulación que alí se atopaba agás o capitán e dous homes máis. As comunicacións do capitán Bell foron destruídas, ao igual que as comunicacións co posto de mando de popa, e o barco tivo que ser dirixido a través dunha cadea de mensaxeiros o resto da batalla.
Mentres tanto, o Ajax e o Achilles achegáronse aos 12.000 m e comezaron a facerlle fronte ao Graf Spee, causando que tivese que dividir o seu armamento principal ás 06:30, usando os seus canóns de 150 mm contra eles. Ás 06:32 o Exeter lanzou dous torpedos das lanzadeiras de estribor, pero ámbolos dous perdéronse. Ás 06:37 o Ajax enviou o seu avión de observación. Ás 06:38 o Exeter xirou para poder disparar os seus torpedos e recibiu dous impactos directos máis de proxectís de 280 mm. Un impactou na torreta "A" e deixouna fóra de combate, o outro entrou no casco e comezou varios incendios. Nese momento o Exeter estaba seriamente danado, tendo só a torreta "Y" operativa, tiña unha escora de 7° e estaba inundándose. A cambio, un dos proxectís de 200 mm do Exeter penetrou en dúas cubertas, estoupando na área zona de chemineas do Graf Spee e esnaquizando o seu sistema de procesamento de carburante deixándoo con só 16 horas de combustible, insuficiente para regresar a casa.
Así, ás 06:38, o Graf Spee estaba condenado; non podía facer as reparacións no sistema de combustible baixo fogo inimigo. Dúas terceiras partes dos seus canóns antiaéreos foron eliminados, así como unha das súas torretas secundarias. Non había bases navais amigas ao seu alcance, non estaba en condicións de navegar e só podía entrar no porto neutral de Montevideo.
Aproximadamente ás 06:36, o Admiral Graf Spee deixou de navegar cara ao leste, quedando detrás o Ajax e o Achilles, e dirixiuse cara ao noroeste botando fume. Esta manobra colocou ao barco máis ou menos paralelo ao Exeter. Sobre as 06:50, o Exeter estaba fortemente escorado cara estribor, entrándolle auga. Porén, aínda navegaba a toda velocidade e disparou coa súa única torreta operativa. Corenta minutos despois, a auga entrou en contacto co sistema eléctrico dun dos canóns, e a piques estivo de provocar un curto-circuíto nesa torreta estragándoa. O capitán Bell viuse forzado a abandonar o combate. Isto puido ser a oportunidade para acabar co Exeter, pero o fogo combinado do Ajax e o Achilles mantivo a atención de Langsdorf sobre eses barcos.
Ás 06:56, o Ajax e o Achilles viraron a estribor para poder disparar con todas as súas armas, facendo que ás 07:10 o Admiral Graf Spee xirase e crease unha cortina de fume. Ás 07:10, os dous cruceiros lixeiros viraron para reducir o alcance de 13 quilómetros, a pesar de que isto significase que só os seus canóns de proa poderían disparar. Ás 07:16 o Graf Spee virou e dirixiuse cara ao gravemente danado Exeter, pero o fogo dos outros dous barcos fixo que ás 07:20 xirase novamente e disparase os seus canóns de 280 mm cara a eles, que viraron cara estribor para poder disparar con todos os canóns. O Ajax virou ás 07:24 e disparou os seus torpedos que tiñan un alcance de 7,2 km, facendo que o Graf Spee lle dese as costas tras unha cortina de fume. Ás 07:25 o Ajax foi alcanzado por un proxectil de 280 mm que deixou inutilizada a torreta "X" e atascou a "Y", causando algunhas baixas. Cara ás 07:40, o Ajax e o Achilles foron quedando sen recursos e os británicos decidiron cambiar a táctica, movéndose cara ao leste tras unha cortina de fume. Harwood decidiu ocultarse do Admiral Graf Spee e intentar atacalo de noite, cando podería atacar con torpedos e aproveitar mellor a súa vantaxe en velocidade e manobrabilidade e minimizar as súas deficiencias en blindaxe. O Ajax recibiu outro impacto de 280 mm que destruíu o mastro e causou algunhas baixas. O Graf Spee continuou cun curso sur-oeste.
A busca
Nese momento a batalla converteuse nunca busca. O capitán Parry, do Achilles, escribiu despois: "A día de hoxe non sei porque o Admiral Graf Spee non se encargou de nós, o Ajax e o Achilles, cando rematou co Exeter". Os cruceiros británico e neozelandés separáronse mantendo unha distancia duns 24 quilómetros do Graf Spee. O Ajax mantívose a babor do barco alemán e o Achilles a estribor e ás 09:15 o Ajax recuperou o seu avión. Ás 09:46 Harwood avisou ao Cumberland para que os reforzase, e tamén o Almirantado ordenou aos barcos que estivesen dentro dos 4800 km que se dirixisen cara ao río da Prata. Ás 10:05 o Achilles sobreestimara a velocidade do Graf Spee e entrou dentro do alcance dos seus canóns. O barco alemán xirou e disparou dúas veces cos seus canóns de proa. O Achilles deu a volta nunha cortina de fume.
Ás 11:03 un barco mercante foi visto nas proximidades do Graf Spee. Despois duns pouco minutos, o Graf Spee chamou ao Ajax por telegrafía sen fíos usando ambos barcos sinais de chamada de antes da guerra, co sinal: "por favor, recollede os botes salvavidas do vapor inglés". O Ajax non respondeu, pero pouco despois o barco británico aproximouse ao SS Shakespeare que tiña os seus botes salvavidas aínda izados e os seus tripulantes a bordo. O Graf Spee disparara un canón e ordenara que se detivese, pero ao non obedecer as ordes de abandonar o barco Langsdorff decidiu continuar o seu camiño, e o Shakespeare tivo unha escapada afortunada. A persecución continuou durante o resto do día, ata que ás 19:15 o Graf Spee virou e disparou contra o Ajax que se ocultou tras unha cortina de fume.
Era evidente que o Graf Spee estaba entrando no estuario do río da Prata. Como no estuario había bancos de area, Harwood ordenou que o Achilles se mantivese á sombra do Graf Spee mentres o Ajax cubriría calquera intento de que se dese a volta a través dunha canle diferente. O sol púxose ás 20:48, marcando a silueta do Graf Spee. O Achilles achegouse novamente dentro do alcance dos seus canóns e os alemáns dispararon, forzando ao Achilles a dar a volta.
O Graf Spee entrou en Montevideo, capital do Uruguai, botando a áncora sobre as 00:10 do 14 de decembro. Este foi un erro político xa que o Uruguai, a pesar da súa neutralidade, beneficiarase significativa da influencia británica durante o seu desenvolvemento, e estaba a favor dos aliados. O proto de Mar del Plata na costa arxentina, a 320 km ao sur de Montevideo, sería unha mellor elección para o Graf Spee.
Ademais, se o Graf Spee abandonase o porto nese momento, o danado Ajax e o Achilles serían os únicos barcos da Commonwealth que atoparían na zona.
Trampa de Montevideo
En Montevideo, a 13ª Convención da Haia entrou en xogo. Baixo o artigo 12, "...os buques de guerra belixerantes non poder permanecer en portos, radas, ou augas territoriais de dita potencia durante máis de 24 horas...", modificado polo artigo 14 "Un buque de guerra belixerante non pode prolongar a súa estancia nun porto neutral máis aló do tempo permitido agás por causa de danos..." Os diplomáticos británicos meteron presión para forzar a saída do Graf Spee. Tamén era relevante o artigo 16 que nunha parte di, "Un buque de guerra belixerante non pode deixar un porto neutral ou rada ata 24 horas despois da saída dun buque mercante con pavillón do seu adversario".
Os alemáns liberaron 61 mariños mercantes británicos que estaban a bordo segundo as súas obrigas. Langsdorff entón pediulle ao goberno uruguaio dúas semanas para facer reparacións. Inicialmente, os diplomáticos británicos no Uruguai, como Eugen Millington-Drake, procuraron que se forzase ao Admiral Graf Spee a abandonar o porto inmediatamente. Despois de consultar con Londres, que era consciente de que non había forzas navais británicas importantes na zona, Millington-Drake continuou demandando abertamente que o Graf Spee marchase. Ao mesmo tempo, os británicos secretamente prepararon aos mercantes británicos e franceses para que saísen de Montevideo en intervalos de 24 horas, para que se puidese aplicar o artigo 16. Isto mantiña ao Graf Spee no porto dándolles máis tempo aos británicos para reunir unha maior forza na zona.
Os alemáns, porén, foron enganados por completo, e agardaban enfrontarse a unha forza moi superior á súa saída do río da Prata. O Graf Spee usara dous terzos da súa munición de 280 mm e só lle quedaban proxectís para aproximadamente 20 minutos de disparos, que non era apenas suficiente para un combate ao saír de Montevideo, e moito menos para o seu regreso a Alemaña.
Mentres ao barco se lle impedía abandonar o porto, o capitán Langsdorff consultou co seu mando en Alemaña. Recibiu ordes que lle permitían algunhas opcións, pero non internarse no Uruguai. Os alemáns temían que os uruguaios fosen persuadidos para unirse á causa aliada. Finalmente, o capitán decidiu afundir o seu barco no estuario do río da Prata o 17 de decembro, para evitar unha perda de vidas innecesaria que non levaría a ningunha vantaxe militar, unha decisión que seica enfureceu a Adolf Hitler. A tripulación do Admiral Graf Spee foi trasladada a Buenos Aires, Arxentina, onde o capitán Langsdorff se suicidou o 19 de decembro. Foi enterrado con honras militares, e varios oficiais británicos estiveron presentes. Moitos dos tripulantes trasladáronse a Montevideo coa axuda da poboación local de orixe alemá e os mortos foron enterrados no "Cementerio del Norte" en Montevideo.
Repercusións
A propaganda nazi informou de que o Admiral Graf Spee afundira un cruceiro pesado e danara gravemente dous cruceiros lixeiros mentres que o barco alemán só estaba lixeiramente danado. O afundimento do Admiral Graf Spee, porén, foi unha gran vergoña e un feito difícil de explicar. A batalla foi unha gran vitoria propagandística para os británicos durante a Guerra de Mentira, e a reputación do Primeiro Lord do Almirantado Winston Churchill mellorou. O Exeter chegou ás Illas Malvinas para unha reparación de emerxencia e posteriormente dirixiuse cara a Devonport onde estivo 13 meses.
Os prisioneiros de mercantes collidos polo Admiral Graf Spee que foran transferidos ao barco de apoio Altmark foron liberados por un grupo de abordaxe do destrutor británico HMS Cossack, no Incidente Altmark (o 16 de febreiro de 1940), ocorrido en Jøssingfjord que naquel momento eran augas neutrais norueguesas. Os prisioneiros que non foran transferidos ao Altmark permaneceron a bordo do Graf Spee durante a batalla, e foron liberados á súa chegada a Montevideo.
O 22 de decembro de 1939, ao redor de 1000 mariñeiros do Graf Spee foron levados a Buenos Aires e internados alí; polo menos 92 deles foron transferidos durante 1940 a un campamento de Rosario, algúns foron levados ao Club Hotel de la Ventana na provincia de Buenos Aires e outro grupo a Villa General Belgrano, un pequeno pobo fundado por inmigrantes alemáns en 1932. Algúns deses mariñeiros posteriormente establecéronse alí. Hai moitas historias, pero pouca información fiable, sobre as súas actividades despois da guerra, e algunhas falan de fuxidas ilegais para volver a incorporarse ás forzas armadas alemás, de actividades de espionaxe e de submarinos alemás atracando clandestinamente na Arxentina. Despois da guerra, moitos mariñeiros alemáns establecéronse permanentemente en varios lugares do Uruguai, e algúns regresaron despois de ser repatriados a Alemaña. Ringleiras de cruces sinxelas no "Cementerio del Norte" de Montevideo marcan onde foron enterrados os alemáns mortos. Tres mariñeiros que morreron no Achilles enterráronse no British Cemetery en Montevideo, mentres que os que morreron no Exeter foron lanzados ao mar.