As células caliciformes son células de epitelios glandulares columnares simples, que segregan mucina, que se disolve en auga formando mucus, que ten función protectora, humidificante e lubricante. Están presentes sobre todo nos epitelios intestinal e das vías aéreas.
O seu nome de caliciformes débese a que teñen forma de cálice. A porción apical ten forma de copa, xa que se distende debido aos abundantes gránulos de mucinóxeno; a súa porción basal é máis estreita pola ausencia de gránulos. Hai outras células que segregan mucina (como no estómago), que non se chaman caliciformes porque non teñen esta feitura característica.[1]
Características
Células con forma de copa coa rexión apical, chamada teca, dilatada e a basal, chamada talo, estreita. A parte superior está chea de gránulos de mucíxeno. Na parte basal está o núcleo aplanado e un citoplasma moi basófilo, con cisternas do retículo endoplasmático paralelas á base e laterais da célula, e un voluminoso aparato de Golgi entre o núcleo e os gránulos de mucíxeno, e mitocondrias. A superficie libre pode ter algúns microvilli, pero o resto da membrana é case liso. Os gránulos de mucíxeno orixínanse no aparato de Golgi, están rodeados de membrana e poden fusionarse con outros e coa membrana plasmática.[2] Utilizan tanto os modos de secreciónapócrina coma a merócrina.
As células caliciformes son un exemplo de glándula exócrina unicelular.
Presentan un nivel de secreción basal ou normal de mucus. Esta secreción lévase a cabo polo movemento dos gránulos secretores axudada por elementos do citoesqueleto.
Teñen tamén unha secreción estimulada polo po, fume e outros irritantes. Outros estímulos son virus, bacterias, e outros patóxenos.
O moco que segregan é unha glicoproteína de elevado peso molecular, que contén ácidos siálicos e ésteres sulfatados, e que se tingue con PAS (ácido periódico-Schiff).
A síntese da proteína realízase no retículo endoplasmático rugoso da célula, e a do polisacárido que leva unido e a sulfatación ten lugar no aparato de Golgi.