Share to: share facebook share twitter share wa share telegram print page

Casa de Tudor

As armas dos Tudor
A rosa da Casa de Tudor

A Casa de Tudor gobernou Inglaterra desde 1485 ata 1603. O seu emblema era unha rosa, a rosa Tudor, de dez pétalos, cinco brancos no centro e cinco vermellos no bordo exterior. Desta forma simbolizábase a unión da Casa de York coa Casa de Lancaster e o fin da guerra civil que ensanguentou a historia inglesa durante o século XV.

A súa historia esta entrelazada cos acontecementos máis importantes e dramáticos da historia moderna de Europa e do mundo, pois baixo o seu goberno comezou a exploración inglesa de América. Por iso considérana como a familia real inglesa máis famosa e controvertida. Son un exemplo das monarquías autoritarias coas que competiron e se relacionaron no escenario da Europa occidental do Antigo Réxime.

A dinastía Tudor

Henrique VII
Henrique VIII
Isabel I

A dinastía Tudor ou Casa de Tudor (Tudur en galés) remonta a súa orixe ao século XIII. Comprende unha serie de cinco monarcas de orixe galesa que reinaron sobre o reino de Inglaterra e o reino de Irlanda. Os tres principais monarcas, Henrique VII, Henrique VIII e Isabel I orquestraron a transformación do reino de Inglaterra dun patio traseiro europeo sempre mergullado na Idade Media, nun Estado poderoso do Renacemento que ía dominar gran parte de mundo coñecido.

A dinastía Tudor empezou co matrimonio secreto entre Owen Tudor (un pro-inglés de Owain ap Maredudd ap Tudur), descendente de Ednyfed Fychan, poderoso senescal do reino de Gwynedd en tempos de Llywelyn o Grande; e Catarina de Valois viúva do rei Henrique V de Inglaterra. Ela adquiriu o seu poder cando Henrique Tudor, se converteu en rei de Inglaterra baixo o nome de Henrique VII. Henrique Tudor, pola súa nai, unha Plantagenet, descendía do rei Eduardo III; ademais el casou en 1486 coa filla máis vella do rei Eduardo IV, Isabel Plantagenet.

Henrique VII fixo desaparecer en 1499 ao conde de Warwick, Eduardo (1475-1499), último descendente home da casa Plantagenet. O reinado da dinastía acabouse cando a raíña Isabel I morreu sen descendencia.

A sucesión de Isabel I recaeu no seu curmán o rei Xacobe VI de Escocia que reinou tamén como Xacobe I de Inglaterra. Xacobe era bisneto de Margarida Tudor, que era filla de Henrique VII. Converteuse no primeiro representante da Casa de Estuardo dos reis de Inglaterra.

Os Tudor, monarcas ingleses

Os reis da familia Tudor, por orde de sucesión ao trono, foron:

  • Henrique VII que reinou de 1485 a 1509, puxo fin á Guerra das Dúas Rosas vencendo a Ricardo III na batalla de Bosworth Field.
  • Henrique VIII, fillo de Henrique VII, que reinou de 1509 a 1547. Tivo seis esposas: Catarina de Aragón, Ana Bolena, Jane Seymour, Ana de Cleves, Catarina Howard e Catarina Parr. Foi famoso por isto, xa que varias delas conviviron con el ao mesmo tempo, logo de que ao se divorciar delas as adoptase como irmás. Este foi o caso da primeira, Catarina de Aragón, e da cuarta Ana de Clèves. A outras como a segunda e a quinta, primas ambas, en cambio fíxoas decapitar por adúlteras. Só a terceira e a sexta morreron como raíñas.
  • Eduardo VI, fillo de Henrique VIII, que reinou de 1547 a 1553.
  • Xoana I, que reinou unha semana en 1553. Era filla dunha sobriña de Henrique VIII e polo tanto bisneta de Henrique VII.
  • María I, a maior das fillas de Henrique VIII, que reinou de 1553 a 1558. Foi a segunda esposa de Filipe II, rei de España.
  • Isabel I, segunda filla de Henrique VIII, que reinou de 1558 a 1603. Coñecida como a raíña virxe. As terras descubertas polos ingleses en América recibiron por ela o nome de Virxinia.

Outros membros da dinastía

A bisneta de Henrique VII, a protestante Xoana Grey, sucedeu a Eduardo VI segundo os últimos desexos deste; o rei desexaba apartar á súa irmá, a católica María I, do trono de Inglaterra. Xoana Grey reinou só nove días antes de ser destituída e executada por María I Tudor, ao mesmo tempo que o seu marido Lord Guildford Dudley, fillo de John Dudley, o primeiro duque de Northumberland. Xoana Grey era a neta doutra María Tudor, filla de Henrique VII e irmá de Henrique VIII. Esta primeiro converteuse en raíña de Francia polo seu matrimonio con Lois XII. Tras enviuvar, volveu casar co duque de Suffolk e tivo unha filla, a nai de Xoana Grey.

O período Tudor

O período histórico Tudor reflicte habitualmente o período do Renacemento inglés. Ocasionalmente, o termo é utilizado frecuentemente para caracterizar o reinado de Isabel I, aínda que xeralmente este período sexa tratado por separado da época isabelina. O reino dos Tudor en Inglaterra está unido con todo a incansables conflitos coa Casa de Estuardo, familia real de Escocia que consagraba un odio sen igual contra a monarquía dos Tudor. Son por outra banda os Estuardo os que sucederán aos Tudor, en 1603, polo advenemento de Xacobe VI de Escocia, fillo da raíña María Estuardo.

Para os ingleses, a expresión evoca á vez un estilo arquitectónico e un período particularmente animado no plano político, cultural e artístico. A pesar dos graves problemas relixiosos que marcaron os anos 1529-1558 no momento da reforma en Inglaterra, o período Tudor ve o emerxer de Inglaterra como poder político e marítimo, o principio da expansión colonial inglesa e o nacemento dunha brillante literatura inglesa.

Cronoloxía da Casa Tudor

Na literatura e o cine

  • A época Tudor forma parte dos períodos históricos máis populares da literatura e a lenda inglesa.
A casa Tudor proporcionou particularmente toda unha serie de coloridos personaxes dos que se apoderaron os poetas, os dramaturgos e máis tarde os novelistas e os cineastas. Desde o século XVI, a ascensión ao trono do primeiro rei da dinastía, Henrique VII é posto en escena en Ricardo III de Shakespeare. Henrique VIII, peza atribuída a Shakespeare e John Fletcher ve o nacemento da raíña Isabel I. O martirólogo protestante, John Foxe, estará na orixe da lenda negra de María Tudor con Acts and Monuments, mentres que sir Edmund Spenser forxa a lenda dourada de Isabel I coa "gloria" do poema épico The Faerie Queene (A raíña das fadas) que inspirará máis tarde Gloriana, ópera en tres actos de Benjamin Britten, libreto de William Plomer, extraída de Elizabeth and Essex: A Tragic History de Lytton Strachey e estreada en Londres en 1953. O seu personaxe coñece con todo unha eclipse na novela do século XX na que a miúdo é presentada como unha viúva despótica.
Eduardo VI aparece na novela de Mark Twain, Príncipe e esmoleiro. Na actualidade autores como Philippa Gregory ou Laurien Gardner continúan explotando a veta Tudor con éxito.
  • No século XX e a principios do XXI, numerosos dramas radiofónicos, documentais televisivos, miniseries e longametraxes perpetúan a lenda dos reis Tudor:
O máis popular é sen dúbida Henrique VIII do que os artistas subliñan o seu carácter despótico: A Man for All Seasons (Un home para a eternidade) de Robert Bolt, peza escrita para a radio logo adaptada para o teatro (1954) inspira a película do mesmo nome de Fred Zinnemann, en 1966, e posteriormente un telefilme de 1988 con Charlton Heston. A súa poligamia é unha fonte dramática inesgotable: Anne of the Thousand Days (Ana dos mil días) de Charles Jarrott (1969), Henry VIII And His Six Wives (Henrique VIII e as súas seis donas) de Waris Hussein (1972), Henry VIII telefilme da BBC (1979), The Wives of Henry VIII (2001) de Andy Rashleigh, The Six Wives Of Henry VIII serie televisiva (docudrama) de David Starkey (2003), Henry VIII (2003) de Pete Travis.
Henrique VII, Eduardo VI e María apenas inspiran aos autores, mentres que Isabel é a gran favorita con Elizabeth R, miniserie para a BBC (1971) de Donald McWhinnie e Richard Martin con Glenda Jackson, Elizabeth de Shekhar Kapur con Cate Blanchett (1998) que a presenta máis ben como unha vítima, Elizabeth I (2006) con Helen Mirren, The Virgin Queen de Coky Giedroyc (2006). Shakespeare in Love (1999) de John Madden, con Joseph Fiennes e Gwyneth Paltrow recupera ao personaxe da viúva áspera e desapracible no trato.
A raíña de nove días, Jane Grey (Xoana I), é a heroína de Lady Jane (1985) de Jane Lapotaire.
Finalmente, capitalizando a popularidade da familia Tudor, a BBC estreou en 2007 unha serie, The Tudors, escrita por Michael Hirst con Jonathan Rhys-Meyers.
Predecesor:
Casa de York
Casa vixente no trono de Inglaterra
1485 - 1603
Sucesor:
Casa de Estuardo
Kembali kehalaman sebelumnya