Pertence ó arciprestado de San Simón e ten 196 habitantes distribuídos en 10 entidades de poboación (2004): A Arnela (7), O Barral (33), Billetes (19), Celme (30), Egoeiras (22), Fontefeal (20), Fraga (13), As Paredes (35), Rega do Foxo (1) e Roxoa (16), sendo a súa densidade media de 16,4 hab/km2. A superficie da parroquia é de 11,93 km2. Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 170 habitantes, sendo 73 homes e 97 mulleres.
Patrimonio
O Pazo da Roxoa é unha propiedade privada que non está aberta ás visitas. Está situado na ladeira dun outeiro que baixa cara ao val, con arborado abundante na leira e arredores. Ten planta rectangular con corpos engadidos na parte posterior. Na fachada principal hai unha porta de arco de medio punto, gran lápida de pedra e 2 escudos con data de 1510; o patín central é de cachotería e 4 columnas de pedra. Fonte de 2 canos con mascaróns, cerca do pazo. Capela na parte traseira. Cruceiro á entrada. Muros de cantería granítica. Cuberta de lousa a catro augas.
Igrexa parroquial de San Xoán de Castromaior, situada na aldea do Barral. A Igrexa está emprazada sobor dun antigo castro, construída no século XVI e reformada posteriormente. De planta rectangular, cuberta de lousa a dúas augas. Sancristía acaroada na cabeceira. Fachada coa porta de entrada de arco escarzano, arquivolta en aresta e moldura exterior sinxela; tímpano adlintelado e mochetas con decoración xeométrica; e con espadana dun só van. O muro lateral ten unha frecheira. No interior destaca o retablo maior barroco do século XVIII, dous retablos laterais de traza popular e un arco sepulcral co escudo de Xoán Montenegro, do 1622.