O choro, popularmente chamado chorinho en portugués, é un xénero musical, unha música popular e instrumentalbrasileira, con máis de 130 anos de existencia. Os conxuntos que o executan son chamados regionais (rexionais), e os músicos, compositores ou instrumentistas, son chamados chorões. O choro é considerado «a primeira música popular típica de Brasil», e a súa execución resulta ser moi difícil.
A pesar do nome, o ritmo é xeralmente axitado e alegre, caracterizado polo virtuosismo e a improvisación dos participantes, que precisan ter estudo e técnica e pleno dominio do seu instrumento.
O conxunto rexional está xeralmente formado por un ou máis instrumentos solistas, como a frauta ou a mandolina, que executan a melodía, xunto ao cavaquiño (un instrumento específico da música portuguesa) que fai o centro do ritmo, e unha ou máis guitarras (entre as que destaca pola súa singularidade a de sete cordas), ademais do pandeiro como marcador de ritmo.
Como forma musical xurdiu probablemente a mediados de 1870, en Río de Xaneiro, e nese inicio era só considerada unha forma autóctona de tocar ritmos estranxeiros, que eran populares naquel tempo, como o vals e o chotis europeos, e principalmente polca, ou os africanos, como o lundu.[1]
O frautista Joaquim Calado é considerado un dos creadores do choro, ou polo menos un dos seus principais colaboradores na determinación do xénero, cando incorporou o solo de frauta, dúas guitarras e un cavaquiño. Improvisábase libremente ao redor da melodía, o que é unha característica do choro moderno. O choro recibiu unha forte influencia dos ritmos das danzas, que nun principio eran interpretadas de maneira distinta, tardando algunhas décadas até ser considerado un xénero musical por dereito propio.
Entre as obras do compositor de música doctaHeitor Vila-Lobos o ciclo dos choros é considerada a máis significativa.
Orixe do termo
Existe controversia entre os investigadores sobre a orixe da palabra “choro”, posto que pode significar varias cousas.
Choro pode derivar da maneira "chorosa" de tocar a música estranxeira ao final do século XIX: quen a escoitaban e apreciaban chamábana "música de facer chorar". A agrupación que o interpretaba pasou a ser coñecida como tal, por exemplo: “Choro do Calado”.
O termo pode tamén derivar de “xolo”, un tipo de baile que reunía aos escravos das facendas, expresión que por confusión co seu parónimo portugués pasou a ser coñecida como "xoro", escribíndose nas cidades con "ch": choro.
Outros defenden que a súa orixe se debe á sensación de melancolía transmitida polas "baixarias" da guitarra de sete cordas (as "baixarias" son uns típicos fraseos de contracanto realizados coa sétima corda da guitarra).
Historia do choro
Século XIX
A historia do choro probablemente comezou en 1808, cando a Familia Real Portuguesa chegou a Brasil. En 1815 a cidade de Río de Xaneiro foi promulgada capital do Reino Unido de Portugal, Brasil e Algarve. Pronto comezou unha reforma urbana e cultural, e creáronse cargos públicos. Coa corte portuguesa, chegaron tamén instrumentos de orixe europea, como o piano, o clarinete, a guitarra, o saxofón, a mandolina ou o cavaquiño, así como danzas de salón europeas, como o vals, a quadrille, a mazurca, a modinha, o minueto, o chotis e principalmente a polca —presentada en xullo de 1845—, que se puxeron de moda nos bailes da época.
A reforma urbana, os instrumentos e as músicas estranxeiras, xunto á abolición do tráfico de escravos no Brasil en 1850, poden ser considerados como o caldo de cultivo do choro, pois posibilitaron a emerxencia dunha nova clase social, a clase media, composta por funcionarios públicos, instrumentistas de bandas militares e pequenos comerciantes, xeralmente de orixe negra, nos suburbios de Río de Xaneiro.[2] Esas persoas, sen moito compromiso, pasarán a formar conxuntos para tocar “de oído” esas músicas, que xunto con algúns ritmos africanos xa enraizados na cultura brasileira, como a batuca ou o lundu, serán tocados de maneira abrasileirada polos músicos que foron entón bautizados como chorões.[3]
Joaquim Antônio da Silva Calado
Aínda que non se pode fixar unha data ou unha peza concreta para sinalar con exactitude o comezo dun xénero musical, pois se trata dun proceso lento e continuo, de entre todos os músicos destacou o frautista Joaquim Antônio da Silva Calado e o seu grupo, xurdido en 1870, que se coñeceu como "O Choro de Calado". Este frautista era profesor da cátedra de frauta do Conservatorio Imperial, por tanto tiña coñecementos musicais profundos, e relacionábase con grandes intérpretes da época, que tocaban por simple pracer. O grupo de Calado integrábano dúas guitarras, un cavaquiño e el mesmo coa súa frauta, que facía de instrumento solista. Posto que as frautas eran de ébano esta combinación de instrumentos chamábase “pau-e-corda”. No conxunto de Calado os instrumentistas de corda gozaban de plena liberdade para executar improvisacións e acompañamentos harmónicos, ou complexas modulacións, con obxecto de "vencar" aos outros intérpretes. É dicir, foi desenvolvido un novo diálogo entre solista e acompañantes, unha característica do choro actual. Máis tarde foron aparecendo agrupacións con esa mesma combinación instrumental.
Desa maneira, Joaquim Calado é considerado un dos creadores do choro, ou polo menos un dos principais responsables do seu xurdimento.
A polca “Flor Amorosa”, composta por Calado e Catulo da Paixão Cearense en 1867, é tocada aínda hoxe día, e ten características de choro moderno, e é por tanto considerada a primeira composición do xénero. Dese conxunto formou parte Viriato Figueira, o seu alumno e amigo; e tamén a súa amiga, a mestra Chiquinha Gonzaga, a primeira chorona, compositora e pianista do xénero. En 1897, Chiquinha compuxo “Gaúcho” ou “Corta-Jaca”, unha gran contribución ao repertorio do xénero. Outras composicións destacadas foron “Atraente” e “Lua Branca”.
O choro, nos seus inicios, era considerado soamente unha maneira máis emotiva ou "chorosa" de interpretar a música popular, e por tanto recibiu unha forte influencia das mesmas, pero aos poucos a música gravada sobre as improvisacións foi perdendo as características dos seus países de orixe e os conxuntos proliferaron e estendéronse por todo Brasil. A fins do século XIX e inicios do século XX outros instrumentos de vento e cordas, como a mandolina, o clarinete, o oficleido ou o frautín foran incorporados ás agrupacións, e eran empregados como solistas. As primeiras composicións de choro con características propias foron compostas por Joaquim Calado, Chiquinha Gonzaga, Anacleto de Medeiros e Ernesto Nazareth, entre outros. Por tanto, o choro só foi considerado como xénero musical na primeira década do século XX.
Século XX
Os conxuntos de choro foron moi solicitados nas gravacións de discos de 78 revolucións, que en 1902 comezaban a súa andaina. O compositor Anacleto de Medeiros foi un dos pioneiros ao participar nas primeiras gravacións do xénero e nun dos primeiros discos impresos no Brasil en 1902. Mesturou o xote e a polca coas sonoridades brasileiras. Como gran orquestrador traduciu á linguaxe das bandas a música do choro.
O virtuoso da frauta Patápio Silva, considerado o sucesor de Joaquim Calado, alcanzou fama por ser o primeiro frautista en facer un rexistro fonográfico.
O guitarrista João Pernambuco, autor de “Sons de Carrilhões”, trouxo do sertón a súa forma típica de canción e enriqueceu o xénero con elementos rexionais, colaborando para que a guitarra deixase de ser un mero acompañamento da música popular.
Ernesto Nazareth, músico de traxectoria erudita e ligado á escola europea de interpretación, compuxo “Brejeiro” (1893), “Odeon” (1910) e “Apanhei-te Cavaquinho” (1914), que romperon a fronteira entre a música popular e a música douta, sendo vitais para a transformación da linguaxe do xénero.
Pixinguinha, un dos maiores compositores de música popular brasileira, que tamén era tenor, arranxador, saxofonista e frautista, contribuíu directamente a que o choro atopase unha forma musical definitiva.[4]
En 1922, Pixinguinha formou o conxunto Oito Batutas, formado por Pixinguinha á frauta, João Pernambuco e Donga á guitarra, entre outros músicos. Tivo éxito entre a elite carioca, tocando maxixes e choros e utilizando instrumentos até entón só coñecidos nos suburbios cariocas. Cando compón “Carinhoso”, entre 1916 e 1917, e “Lamentos” en 1928, dous dos choros máis famosos, Pixinguinha é criticado e esas composicións son consideradas un inaceptable influencia do jazz. Pero en realidade eran demasiado avanzadas para a época. De feito, “Carinhoso” non foi considerado no seu momento un choro, se non unha polca.
Outras composicións, entre os centenares de obras que produciu, son “Rosa”, “Vou vivendo”, “Lamentos”, “1X0”, “Naquele tempo” e “Sofres porque Queres”.
Na década de 1920 o mestre Heitor Vila-Lobos compuxo unha serie de 16 obras dedicadas ao choro, mostrando a riqueza musical do xénero facéndose presente na música douta. O nome destas composicións é sempre en plural (choros, e non choro).
A serie componse de 14 choros para diversas formacións, un choros Bis e unha Introdução aos Choros. O Choros nº 1 foi composto para guitarra solista. Tamén hai choros para música de cámara e orquestra. O Choros nº 13 foi composto para dúas orquestras e o nº 14 para orquestra, grupo coral e banda. A composición máis coñecida e executada é o Choros nº 10 para coro e orquestra, que inclúe o tema "Rasga o Coração" de Catulo da Paixão Cearense. Debido á súa complexidade e á ambición dos temas rexionais utilizados polo compositor esta serie é considerada por moitos como a súa obra máis significativa.
Tamén a partir da década de 1920, impulsado polas casas gravadoras de discos e pola chegada da radio o choro tivo un éxito nacional co xurdimento de músicos como Luperce Miranda e o pianista Zequinha de Abreu, autor de Tico-Tico no Fubá, así como de grupos instrumentais que, por dedicarse á música rexional foron chamados de regionais, como o Regional de Benedito Lacerda, que tivo como integrantes a Pixinguinha e a Altamiro Carrilho, ou o Regional do Canhoto, no que tocaron Altamiro e Carlos Poyares.
Luiz Americano
Un solista destacado, nos anos 20 e 30, foi o clarinetista e saxofonista de sergipanoLuiz Americano, que en 1937 integrou o innovador Trio Carioca xunto ao pianista e mestre Radamés Gnattali.
A partir de 1930 os conxuntos rexionais foron a base das incipientes estacións de radio, debido á súa versatilidade en acompañar, con facilidade e sen moitos ensaios os diversos estilos de música vocal que xurdían.
Severino Araújo
Un dos exemplos de unión entre o choro e o jazz foi realizado por Severino Araújo, quen, en 1944, adaptou choros á lingua das Big Bands. Como mestre da Orquestra Tabajara, Severino Araújo gravou varios choros da súa autoría, como “Espinha de Bacalhau”. Ese exemplo foi seguido por outras orquestras e compositores, como K-Ximbinho.
Waldir Azevedo
En 1947Waldir Azevedo, o máis popular artista do choro e virtuoso do cavaquiño, compón “Brasileirinho”, o maior éxito da historia do xénero, gravado por Carmen Miranda e, máis tarde, por músicos de todo o mundo. Waldir Azevedo foi un pioneiro que retirou ao cavaquiño o seu papel de mero acompañante e colocouno como instrumento solista, explorando de forma inédita as potencialidades do instrumento.
Jacob do Bandolim
Jacob Pick Bittencourt (1918-1969) máis coñecido como Jacob do Bandolim, foi un virtuoso do seu instrumento que promovía famosas rodas de choro na súa casa. Boa parte da súa traxectoria musical desenvolveuna nos medios de difusión masivos, primeiro na radio, logo na industria discográfica e finalmente na televisión brasileira. Entre as súas pezas máis coñecidas atópanse “Doce de Coco”, de 1951 e “Noites Cariocas”, de 1957, hoxe en día parte do repertorio clásico do xénero.
Jacob tamén promoveu a recuperación de compositores antigos e fundou o famoso conxunto Época de Ouro, con César Faria e Dino 7 Cordas.
O choro perdeu gran parte da súa popularidade debido ao xurdimento da Bossa Nova nas décadas 50 e 60, cando foi considerado “pasado de moda”. Pero o xénero mantívose grazas a músicos como Paulinho da Viola e Arthur Moreira Lima.
Radamés Gnattali
En 1956Radamés Gnattali compuxo a suite "Retratos", homenaxeando a catro compositores que consideraba fundamentais para a música brasileira, Chiquinha Gonzaga, Anacleto de Medeiros, Ernesto Nazareth e Pixinguinha.
Houbo festivais de choros en 1977. A TV Bandeirantes, de São Paulo, promoveu dúas edicións do Festival Nacional do Choro e a Secretaría de Cultura de Río de Xaneiro promoveu o Concurso de Conxuntos de Choro.
En 1979, co disco de vinilo “Clássicos em Choro”, o frautista Altamiro Carrilho obtivo éxito interpretando música douta a ritmo de choro. Altamiro é unha lenda do choro, gravou máis de 100 discos e compuxo máis de 200 pezas.
Tamén en 1979, con ocasión do evento titulado "Tributo a Jacob do Bandolim", en conmemoración do décimo aniversario do falecemento do mandolinista, créase o grupo Camerata Carioca, formado por Radamés Gnatalli, Joel Nascimento e Raphael Rabello, entre outros músicos.
Década dos 80
A década de 1980 estivo marcada por innumerables seminarios sobre o choro. Importantes instrumentistas reuníronse para discutir e ensinar o xénero ao novo público. En 1986 realizouse o primeiro Seminário Brasileiro de Música Instrumental na cidade de Ouro Preto, unha proposta ampla que ocasionou un redescubrimento do choro.
A partir de 1995 o xénero foi reforzado por grupos que se dedicaron á súa divulgación e modernización, grazas ao xurdimento do CD.
O conxunto regional e os instrumentos de choro
O nome regional probablemente xurdiu na década de 1920 por dedicarse á música rexional. Os conxuntos regionais compóñense de instrumentos de vento, de cordas e de percusión. Xeralmente un ou máis solistas, como a frauta, a mandolina, o cavaquiño e mesmo o clarinete e o saxofón executan a melodía, mentres o cavaquiño fai o papel de centralizador do ritmo e unha ou máis guitarras de seis e sete cordas improvisan modulacións como acompañamento, harmonizando e formando a base do conxunto coa chamada “baixaria” de sons graves. Tamén hai instrumentos de percusión, como a pandeireta. O piano e o trombón eventualmente forman parte dos regionais.
Os chorões xeralmente son compositores e tamén instrumentistas.
O día 23 de abril conmemórase o Día Nacional do Choro. Trátase dunha homenaxe ao nacemento de Pixinguinha. A data creouse oficialmente o 4 de setembro de 2000, cando foi sancionada por lei, a iniciativa do mandolinista Hamilton de Holanda e os seus alumnos da Escola de Choro Raphael Rabello.
Cazes, Henrique (1998). Choro: do quintal ao municipal. São Paulo: Ed. 34.
Mariz, Vasco (1959). A Canção Brasileira. Río de Xaneiro: MEC. pp 151-190.
Diniz, André. Almanaque do choro: a história do chorinho, o que ouvir, o que ler, onde curtir. Río de Xaneiro: Jorge Zahar Editor Ltda, 2003, p.12-14. ISBN=8571106983
Diniz, André. Almanaque do choro: a história do samba, o que ouvir, o que ler, onde curtir. Río de Xaneiro: Jorge Zahar Editor Ltda, 2006, p.22-24. ISBN=8571108978
Marcondes, Marcos A. Enciclopédia da música brasileira: erudita, folclórica e popular. 1 v. São Paulo: Arte Editora/Itaú Cultural, 1977, p.192.
Livingston, Tamara E e Garcia, Thomas G.C. Choro: A Social History of a Brazilian Popular Music. Bloomington, Indiana: Indiana University Press, 2005.
____________. Songbook Choro. São Paulo: Irmãos Vitale, 2009.
da Costa, Pablo G. Modernizei meu choro sem descuidar do roteiro tradicional: tradição e inovação em K-ximbinho (Sebastião Barros). Tese na Universidade Nacional de Brasília: 2009. Dispoñible en PDF