Cole Albert Porter, nado en Peru, Indiana, o 9 de xuño de 1891 e finado en Santa Monica, California, o 15 de outubro de 1964 foi un compositor e letrista de música popular estadounidense, autor de máis de mil cancións, moitas delas consideradas clásicos do cancioneiro estadounidense ou Great American Songbook realizadas principalmente para musicais, entre as que destacan títulos como "Anything Goes", "Begin the Beguine", "Easy To Love", "It's All Right With Me", "I've Got You Under My Skin", "Just One Of Those Things", "Let's Do It (Let's Fall In Love)", "Love For Sale", "Night And Day", "What Is This Thing Called Love", "True Love" ou "You'd Be So Nice To Come Home To".
Ao contrario que a inmensa maioría de compositores de Broadway e do American Songbook, que traballaban en equipo, Porter compuña tanto a música como a letra das súas cancións.
Traxectoria
Primeiros anos e universidade
Porter naceu no seo dunha familia protestante acomodada; o seu avó materno, James Omar "J. O." Cole era un rico comerciante de California, cunha fortuna estimada en dezasete millóns de dólares, que posuía grandes extensións de terreos ricos en madeira, carbón e petróleo e que exercía unha forte influencia sobre toda a súa familia. Os seus pais eran Kate Cole e Samuel Fenwick Porter, un empresario, propietario de varias tiendas de drogaría en Peru, Indiana,[1] pero que non alcanzaba o nivel económico do seu sogro. O seu pai era afeccionado á música e un bo pianista, e Cole herdou as súas cualidades musicais. A casa en que viviu Porter de neno era unha gran casa vitoriana a só unhas rúas do centro da cidade.
A morte de dous fillos de pouca idade provocou que a súa nai se volcase profundamente en Cole, e introduciuno axiña na música. Así, aos seis anos practicaba diariamente o piano, aprendeu a tocar o violín e escribiu a súa primeira opereta coa axuda da súa nai aos dez. O avó de Porter quería que este se fixese avogado[2] e se convertese no seu sucesor á fronte dos seus negocios e, con esa carreira en mente, asistiu á Academia Worcester e á Universidade Yale, onde iniciou os seus estudos en 1909. En Yale uniuse á sociedade secreta Scroll and Key, e á fraternidade Delta Kappa Epsilon.[3] Nesta universidade desenvolveu as súas cualidades musicais, compuxo cancións para o equipo de fútbol da universidade que constituíron grandes éxitos como "Bulldog"[4] e "Bingo Eli Yale" e dirixiu o coro Yale Glee Club, co que realizou unha xira con éxito no Nadal de 1912. Tralo seu paso por Yale accedeu á Facultade de Dereito de Harvard en 1913, onde permaneceu un ano. Decidido a concentrarse na música, trasladouse á Escola de Música de Harvard.
Carreira profesional
En 1915, compuxo a súa primeira canción para Broadway, «Esmeralda», para a revista musicalHands Up e un ano despois realizou a súa primeira produción teatral de Broadway, See America First, que foi un fracaso e só permaneceu dúas semanas en cartel. Tras isto, Porter refuxiouse en París, onde estudou contrapunto, harmonía e orquestración. Algúns autores son escépticos sobre a afirmación de Porter de que se alistara na Lexión Estranxeira de Francia,[2][5] aínda que a Lexión lista a Porter como un dos seus soldados e ten o seu retrato no seu museo de Aubagne.[6] Estableceuse nun apartamento de luxo en París. Os seus deberes da fundación deixábanlle moito tempo libre para levar unha vida de playboy. En 1918, coñeceu a Linda Lee Thomas, unha rica divorciada, oito anos máis vella ca el, que lle abriu aínda máis a súa esfera de contactos sociais e coa que contraeu matrimonio o 12 de decembro de 1919, en París.[7]
En 1928, volveu a Broadway co musical París, que constituíu o seu primeiro éxito.[8] Foi unha encarga de E. Ray Goetz, a instancias da esposa de Goetz e da cantante Irène Bordoni. Ela escollera como compositores a Rodgers e Hart, mais non estaban dispoñibles e o axente de Porter persuadiu a Goetz para contratar a Porter no seu lugar.[9] Os traballos de Porter para a obra foron interrompidos en agosto de 1928 con motivo da morte do seu pai. A obra estreouse en Broadway o 8 de outubro de 1928. Porter non asistiu á primeira representación porque se atopaba en París para supervisar o espectáculo La Revue, para o que fora contratado e que tamén constituíu un éxito.[10] Estes éxitos abriron definitivamente a Porter as portas de Broadway, sendo en palabras de Citron «aceptado no chanzo máis alto dos compositores de Broadway». Os musicais e cancións de Porter fixérono axiña popular; moitos deles foron escritos tendo en mente a Fred Astaire e Ethel Merman.
En 1937, nun accidente montando a cabalo, partiu as piernas e deixouno con dores crónicas.[11] Durante este período, as moitas operacións conducírono a unha depresión. Porter foi unha das primeiras persoas en experimentar un novo tratamento para esta enfermidade, o electrochoque.
Últimos anos
A pesar da dor, Porter continuou a escribir musicais de éxito. "Leave It to Me!" (1938) (presentando a Mary Martin cantando "My Heart Belongs to Daddy"), "DuBarry Was a Lady" (1939), "Panama Hattie" (1940), "Let's Face It!" (1941), "Something for the Boys" (1943) e "Mexican Hayride" (1944) foron todos éxitos. Eses espectáculos incluían cancións como "Get Out of Town", "Friendship", "Make It Another Old-Fashioned Please" e "I Love You". No entanto, para moitos críticos, as súas músicas estaban volvéndose menos máxicas e, após dous fracasos, "Seven Lively Arts" (1944) (que incluía o éxito "Ev'ry Time We Say Goodbye") e "Around The World" (1946), moitos consideraron que o seu mellor período rematara.
En 1948, Porter fixo o seu gran retorno ao éxito, escribindo o que, para moitos, foi o seu espectáculo de maior éxito, "Kiss Me, Kate". A produción gañou un premio Tony ao mellor musical e Porter recibiu o premio ao mellor compositor e letrista. O repertorio incluía "Another Op'nin' Another Show", "Wunderbar", "So In Love", "We Open in Venice", "Tom, Dick or Harry", "I've Come to Wive It Wealthily in Padua", "Too Darn Hot", "Always True to You in My Fashion" e "Brush Up Your Shakespeare". Porter volvía ao máis alto.
A pesar de que o seguinte espectáculo ("Out Of This World", 1950) non fose un grande éxito, o seguinte ("Can-Can", 1952), que incluía "C'est Magnifique" e "It's All Right with Me", triunfou. A súa última produción para Broadway, "Silk Stockings" (1955), lanzando "All of You", tamén foi un triunfo.
Tras unha serie de úlceras e 34 operacións, a súa perna dereita tivo que ser amputada e substituída por unha prótese mecánica en 1958. A amputación sucedeu á morte da súa nai en 1952 e á fin da batalla da súa esposa contra un enfisema en 1954. A sucesión de reveses foi dura para Porter e non escribiu ningunha canción despois de 1958 e pasou os seus últimos anos en relativa reclusión.
Cole Porter morreu dun fallo renal aos 73 anos en Santa Monica, California, e foi enterrado no Mount Hope Cemetery da súa cidade natal, entre os túmulos da súa nai e a súa esposa.[12]
Vida persoal
Porter era clara e abertamente homosexual, o que parecía non ser problema para a súa esposa case dez anos máis vella ca el. Porter e Thomas estiveron casados ata que ela morreu en 1954. Tivo unha relación en 1925 co ruso Boris Kojno e unha longa relación con Howard Sturges, cun arquitecto de Boston, Ed Tauch, para o que escribiu "Easy to Love", co coreógrafo Nelson Barclift, quen lle inspirou "Night and Day", co director de cinemaJohn Wilson e co seu amigo Ray Kelly.
Musicais
Os cinco primeiros títulos correspóndense con traballos realizados durante a súa época de estudante.
Moitas das cancións de Porter fixéronse célebres grazas ás versións de diversos músicos e cantantes. Entre os intérpretes habituales dos seus éxitos estiveron Frank Sinatra, Ella Fitzgerald e Charlie Parker.
O filme De-Lovely, dirixido por Irwin Winkler en 2004, narra a vida de Cole Porter en forma de musical.
En 2011 Woody Allen escribiu e dirixiu Midnight in Paris, onde Cole Porter, interpretado por Yves Hekc, aparece actuando, e ademais a súa música tamén se escoita incidentalmente.
Sánchez, Leo: Lunas de papel y polvo de estrellas. Compositores y letristas en la edad de oro del musical. Lleida: Milenio (Colección Música), 2005. ISBN 84-9743-172-3.