Daniel Rojo Bonilla, nado en Barcelona o 2 de decembro de 1962, máis coñecido popularmente coma Dani el Rojo, ou polo seu alcume de «El Millonario», é un antigo gánster catalán. Foi un delincuente activo dende mediados da década dos '70 ata finais dos '90, cumprindo ata 15 anos de cárcere. Segundo os posteriores relatos da súa vida criminal, chegou a atracar uns 150 bancos acadando unha prea total e equivalente á beira dos 60 millóns de euros.[1]
Biografía
Fillo dun empresario de Guinardó, Rojo descríbese coma un rebelde contra a conservadora cultura franquista dos '60, incluíndo un primeiro incidente no que chegou a agredir a un profesor de debuxo por tentar acosalo sexualmente, durante a súa infancia. Con tan só trece anos, iniciouse nas drogas e comezou cos roubos, atracando o seu primeiro banco aos dezaseis anos e fundando, iñantes da súa maioría de idade, a súa primeira banda de ladróns. Durante certo tempo formou parte tamén dunha problemática banda, co que máis tarde se convertería no popular cantante Loquillo.[2]
Rojo e os seus socios chegaron a asaltar ata cinco bancos diarios. Aínda que se lle imputaron 150 asaltos, Daniel Rojo cre que a cifra real a supera ampliamente, acadando segundo el, os 500. O total de preas adquiridas durante a súa carreira criminal ascendería actualmente a 60 millóns de euros. A súa paixón por atracar bancos e tal que, unha vez xa en prisión, denegou a súa posibilidade de gozar do seu primeiro permiso de fin de semana a conta de que os bancos atopábanse pechados.
Practicante de judo, karate e boxeo, chegaría a perpetrar un dos seus primeiros atracos armado cun nunchaku, imitando deste xeito a Bruce Lee.[3] Noutro dos seus episodios marciais, acontecido xa en prisión, recibiu unha acoitelada no pé ao derrubar cunha patada de karate a un agresor, durante un intento de atentar contra a súa vida.[4]
Cumpriu condena na coñecida Cárcere Modelo de Barcelona, primeiro en pequenas penas e logo sendo condanado a 32 anos en 1991, aínda que só chegaría a cumprir catorce en total por boa conduta. Coa axuda dos servizos da prisión, decidiu cambiar de vida e reinserirse na sociedade, para o cal tivo que desengancharse da súa toxicomanía. Aprobou a Selectividade para maiores de 25 e estudou o primeiro curso da carreira de psicoloxía. Coñeceu á súa muller actual durante a súa reinserción, após a cal, foi contratado por Loquillo coma conselleiro de merchandising.
Tempo despois exerceu coma gardacostas de figuras coma Rosario Flores, Enrique Bunbury, Andrés Calamaro, Antonio Carmona, Paulina Rubio e Lionel Messi.[5]
Bibliografía
- Confesiones de un gánster de Barcelona (2010)
- El gran golpe del gánster de Barcelona (2012)
- El secuestro de la Virgen negra (2014)
- La venganza de Tiburón (2014)
- Mi vida en juego (2014)
- Gran golpe en la pequeña Andorra (2015)
- Así salí del infierno de las drogas (2017)
- Sobrevivir a la Modelo (2018)
Notas