A obra, materialista e irrelixiosa, foi traducida polo español José Marchena a principios do século XIX en hendecasílabos brancos coa intención de combater o catolicismo dos seus compatriotas. Moi importantes polos seus méritos filolóxicos e polas súas abundantes notas foron:
A versión bilingüe do humanista inglés John Mason Good, (Londres, 1805, 2 vols.)
A edición filoloxicamente impecábel de Karl Lachmann (Berlín, 1850)
Estrutura
O primeiro libro comenza cunha invocación a Venus como forza xerme da natureza e trata de como todo está composto de átomos e de baleiro.
O libro segundo trata do movemento e as agrupacións dos átomos.
O terceiro libro fala sobre a alma que, segundo el, é mortal.
O cuarto, sobre a teoría da sensación.
O quinto, sobre o mundo.
O sexto, sobre diversos fenómenos atmosféricos e as enfermidades. Termina cun sombrío panorama sobre os estragos da peste en Atenas, en deliberado contraste co inicio.
A intención de Lucrecio, como xa sinalara Virxilio, é liberar o home do medo aos deuses e á morte, causas, segundo el, da infelicidade humana. ("Está ben ver ao navegante distante loitar contra a treboada e naufragar, non porque nos alegremos do mal alleo, senón porque é bo acharse libre de tormentos").
Representa o cosmos como un conxunto fortuíto de átomos que se moven no baleiro ("Nada nace da nada, nada volve á nada"). A alma é material e non sobrevive ao corpo. Os fenómenos teñen todos causa natural. Se existen os deuses, estes non interveñen nos asuntos dos mortais. Por outra parte, ofrece unha triste visión do amor humano que intrigou aos especialistas.