San Sebastián de Devesos[1] é unha parroquia do concello de Ortigueira. Segundo o IGE en 2013 tiña 112 habitantes (62 mulleres e 50 homes) distribuídos en 41 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 225 habitantes.
Xeografía
Devesos está situada na parte occidental do concello, esténdese polo curso alto do río Baleo e pola aba occidental da serra da Faladoira. A parroquia linda ao norte coa parroquia de Couzadoiro polo alto de Coucemosquento e a de Freires polo rego do Lombao; polo nordeste volve a lindar con Couzadoiro e os regatos de Santaballa e Viduído; polo leste os altos da Faladoira son linde co concello de Mañón; polo suroeste e polo sur linda coas parroquias das Neves e do Ermo, e polo oeste os altos de Folgoso sepárana da parroquia de Senra.
A estrada AC-101 (Ortigueira–As Pontes) atravesa a parroquia no seu lado oeste, de norte a sur, dende o quilómetro 5 até o quilómetro 9, polos lugares do Coto, Camiño Grande, Casón e Paufito.
Os ríos Baleo e Mera, os dous leitos máis importantes do concello, teñen nos cumios e nos vales profundos desta parroquia as súas primeiras fontes.
Patrimonio
A igrexa parroquial de Devesos, no Igrexario, é un templo antigo con planta de cruz latina do que se pode destacar un pouco usual pórtico lateral. Está adicado a San Sebastián, o patrón da parroquia. A uns metros está o cemiterio e no seu camiño testando coa igrexa atópase a casa reitoral, do século XVII, actualmente restaurada e de uso particular.
Neste mesmo lugar do Igrexario e fronte ao templo érguese o edificio da Sociedade de Instrución e Recreo "La Devesana", sufragado polos emigrantes en Cuba naturais desta parroquia e do. alto de Freires, que no ano 1908 constituíran na Habana unha sociedade con este mesmo nome. Os seus fundadores, todos eles obreiros tabaqueiros, co obxecto de facilitar a instrución dos nenos e nenas da parroquia, promoveron a posta en marcha dunha escola laica,[2] que foi inaugurada en marzo de 1912, seguindo os postulados da Escuela Moderna do anarquista Francesc Ferrer i Guàrdia.
A escola foi pechada o 24 de marzo de 1924, durante a ditadura de Primo de River, polo gobernador civil (Pïo López Pozas, en realidade militar, como todos os gobernadores civís da ditadura), con excusas como a súa relación con asociacións libertarias, pero fundamentalmente pola hostilidade que os seus principios suscitaran no cura párroco de Devesos, José Antonio Orjales. Despois disto a Devesana reabriu as súas portas no curso 1930-1931, e foi novamente pechada trala sublevación franquista de 1936.
sufriu diversos avatares e actualmente acolle o centro social da parroquia.
No lugar de Portas ao que se chega por unha pista que sae do Igrexario e que vai até Penavide, atópase a medio camiño un desvío que nos leva por un camiño até a pequena ermida de Nosa Señora de Portas, moi concorrida en romaxe noutros tempos.
Galería de imaxes
Lugares e parroquias
Lugares de Devesos
Parroquias de Ortigueira
Notas
Véxase tamén
Outros artigos