Edward Charles Rochette, nado en Worcester, Massachusetts, o 17 de febreiro de 1927 e finado en Colorado Springs, Colorado, o 18 de xaneiro de 2018, foi un numismático estadounidense vinculado durante toda a súa traxectoria á American Numismatic Association.
Traxectoria
Rochette naceu en Worcester en 1927. Participou na Mariña estadounidense durante a segunda guerra mundial, entre 1944 e 1946 e posteriormente cursou os seus estudos superiores na Universidade de Washington e na Universidade Clark, de Worcester.[1][2][3]
Carreira numismática
O 14 de novembro de 1960, Rochette incorporouse como redactor e debuxante á revista Numismatic News, publicada por Krause Publications, na que permaneceu ata 1966.[1]
O seu primeiro cargo de responsabilidade na American Numismatic Association (ANA) foi o de editor do xornal da entidade, The Numismatist, entre 1966 e 1972.[1] De 1966 a 1986 ocupou tamén o cargo de vicepresidente executivo;[2] entre 1987 e 1989 formou parte da xunta de gobernadores, da que foi vicepresidente entre 1989 e 1991, e posteriormente foi elixido presidente, cargo que ocupou entre 1991 e 1993.[3][2][4] En 1998 volveu ocupar un posto directivo, como director executivo, ata 2003.[2][5]
Rochette é autor de varios libros sobre materia numismática, e tamén se encargou dunha columna semanal sobre moedas en Los Angeles Times. Ademais foi un colaborador habitual na revista COINage e foi moi relevante a súa columna mensual en The Numismatist,[3] titulada The Other Side of the Coin ("A outra face da moeda");[2] en 1985 publicouse un libro co mesmo título no que se recollían varias destas colaboracións.[6]
En 1965 foi nomeado membro da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos. Tamén desempeñou un papel decisivo no desenvolvemento da exposición numismática do Comité Olímpico Internacional (COI) no museo desta institución en Lausana, Suíza. Así mesmo, foi consultor numismático do Comité Olímpico dos Estados Unidos e da academia da Forza Aérea dos Estados Unidos.[3][2]
En 1987, Rochette presidiu o congreso e a exposición xeral do 50 aniversario da Federación Internacional da Medalla (FIDEM), celebrados ese ano nos Estados Unidos.[3]
Vida persoal
Edward C. Rochette casou en 1945 con Faye Audra, con quen tivo tres fillos. Logo do falecemento da súa primeira esposa o 4 de agosto de 1977, casou en segundas nupcias con Mary Ann Ruland o 29 de xullo do ano seguinte.[1]
Rochette finou o 18 de xaneiro de 2018, aos 90 anos, en Colorado Springs, Colorado.[3][5]
Recoñecementos
Premios da ANA
En 2005, a American Numismatic Association deulle ao seu museo o nome de Edward C. Rochette.[7] Ademais Rochette foi merecedor de varios dos premios concedidos pola ANA, ao longo da súa dilatada carreira:[3][2][8]
Outros premios
Publicacións
Estas son algunhas das monografías máis salientables das publicadas por Edward C. Rochette ao longo da súa carreira:[12]
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Smith, P. (2020). Páxina 354.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 "Edward C. Rochette" American Numismatic Association.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 "Colorado Springs Services Scheduled for Edward C. Rochette Arquivado 24 de marzo de 2023 en Wayback Machine.". En Coin Week. 14 de febreiro de 2018.
- ↑ "ANA Presidents 1891 to the present". American Numismatic Association.
- ↑ 5,0 5,1 Smith, P. (2020). Páxina 355.
- ↑ Véxase a sección "Publicacións" neste artigo.
- ↑ "The Edward C. Rochette Money Museum". American Numismatic Association.
- ↑ "American Numismatic Association Past Award Recipients". American Numismatic Association.
- ↑ "Past Hall of Fame inductees by year". American Numismatic Association.
- ↑ "Edward C. Rochette receives Numismatic Writing Award". American Numismatic Association. 2 de agosto de 2003.
- ↑ "The Clemy Award Winners". Numismatic Literary Guild.
- ↑ "Rochette, Edward C.". WorldCat Identities.
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos