Tratouse dun acordo de non agresión e de regulación da expansión colonial entre os dous países. Pero, máis alá da preocupación inmediata pola expansión colonial incluída no tratado, a sinatura da Entente Cordiale marcou e o fin de séculos de conflitos intermitentes entre ambos os dous estados e os seus antecesores, e substituíu o modus vivendi que existira desde o final das Guerras napoleónicas en 1815 cun acordo máis formal.[3]
A Entente Cordiale foi a culminación da política de Théophile Delcassé, o ministro de Asuntos Exteriores de Francia desde 1898, que cría que unha comprensión franco-británica daría a Francia certa seguridade contra calquera sistema de alianzas alemás en Europa occidental. O mérito para o éxito da negociación pertence principalmente a Paul Cambon, o embaixador de Francia en Londres, e ao secretario do Asuntos Exteriores británico Lord Lansdowne.
A expresión Entente cordiale aparece utilizada por François Guizot en 1830, pouco despois da proclamación de Lois Filipe de Orleáns como rei dos franceses (1830-1848). Unha primeira entente cordiale entre Francia e o Reino Unido foi levada a bo termo polo feito das dúas visitas da raíña Vitoria ao soberano francés en 1843 e 1845, no castelo de Eu, en Normandía. Baixo a Terceira República, unha nova aproximación realizouse entre ambos os países baixo o mesmo nome.
O centenario da Entente Cordiale, en 2004, estivo marcado por un gran número de actos oficiais, incluíndo unha visita de Estado por parte da raíña Isabel II e o Duque de Edimburgo a Francia en abril, e a visita por parte do presidente francés Jacques Chirac ao Reino Unido en novembro.
En dicha ocasión, as tropas británicas marcharon por primeira vez o 14 de xullo no desfile do Día da Bastilla, cos Red Arrows voando no ceo parisiense.