Ernesto Chao Pino , nado en Ribadavia o 12 de novembro de 1943 e finado en Santiago de Compostela o 6 de agosto de 2018 ,[ 1] foi un actor galego . Cunha dilatada traxectoria teatral de case medio século, traballou tamén no cine e na televisión , acadando unha enorme fama en Galicia co seu papel de Miro Pereira na serie da Televisión de Galicia Pratos combinados . Gran figura do teatro galego, traballou en ducias de obras e foi fundador e presidente de numerosas entidades dramáticas como a Agrupación Cultural Abrente , o Centro Dramático Galego , a Asociación de Actores e Actrices de Galicia , a Academia Galega do Audiovisual , Escena Galega ou a compañía Lagarta lagarta , que fundou xunto a súa muller, a tamén actriz Rosa Álvarez .[ 2]
Traxectoria
Actor cunha dilatada experiencia profesional, especialmente no teatro , iniciou a súa carreira interpretativa en 1969 . Foi fundador da Agrupación Cultural Abrente , da que foi presidente, e participou nas pezas que se realizaron para recadar cartos para a primeira edición das Mostras de Teatro da vila.[ 2] A súa afección polo teatro fixo que deixase o negocio familiar de fabricación de cadaleitos e se trasladase a finais da década de 1970 a Vigo , onde foi un dos fundadores do Artello Teatro xunto a Morris .[ 2] Alí participou na montaxe de varias obras, como Pic-nic , de Fernando Arrabal , Nubes , de Aristófanes , ou Celtas sen filtro de Méndez Ferrín .[ 2]
En 1984 trasladouse a Santiago de Compostela para a participar na montaxe de Agasallo de sombras de Roberto Vidal Bolaño , no novo Centro Dramático Galego , e un ano despois traballou en Os vellos non deben de namorarse , de Castelao , con dirección de Eduardo Alonso . Foi fundador da Asociación de Actores e Actrices de Galicia e dirixiu o Centro Dramático Galego durante dúas tempadas (1986-87), continuando na entidade durante os seguintes anos como actor. Durante eses anos realizou as súas primeiras incursións no cine, aparecendo en La hora bruja , de Jaime de Armiñán , Divinas palabras , de José Luis García Sánchez , e Urxa , de Alfredo García Pinal e Carlos Piñeiro .
O seu traballo en Un soño de verán , de William Shakespeare , en 1992, obra dirixida por Eduardo Alonso, supúxolle o Premio Compostela de Teatro ao mellor actor secundario, compartido con Avelino González , Serxio Pazos , Miro Magariños , Víctor Mosqueira e Marcos Orsi , que formaban o grupo Os artesáns .[ 2] Tamén estivo na formación do Teatro do Noroeste, co que interpretou numerosas obras, todas baixo a dirección de Eduardo Alonso, e en 1993 recibiu o Premio Compostela ao Mellor Actor protagonista polo seu papel en A vida de Galileo , de Bertolt Brecht .
Aínda que en 1989 xa participara na serie Os outros feirantes de Antón Dobao , foi en 1995 cando irrompeu definitivamtente na televisión , interpretando a Miro Pereira , o protagonista da comedia da TVG Pratos combinados , co que acadou unha enorme fama en Galicia. Xunto a outros destacados actores como Morris, Mabel Ribera ou Xosé Manuel Olveira "Pico" , a serie prolongouse durante 14 tempadas e 261 episodios, converténdose nun auténtico emblema do audiovisual galego.[ 3]
En 2001 protagonizou o telefilme Condenado a vivir , onde interpretaba a Ramón Sampedro , na primeira vez que a súa historia era levada á ficción. O seu traballo no filme valeulle o Premio Chano Piñeiro 2002 á mellor interpretación masculina, galardón que ao ano seguinte se converteu nos actuais Mestre Mateo . Ese mesmo ano fundou xunto á súa muller Rosa Álvarez a compañía de teatro Lagarta lagarta .[ 2] En 2002 foi fundador e primeiro presidente da Academia Galega do Audiovisual e ese mesmo ano participou na fundación de Escena Galega .[ 4]
Durante os seguintes anos continuou compaxinando o seu traballo teatral con papeis en diferentes filmes como Trece badaladas , Os mortos van á presa , Doentes ou O ouro do tempo , ademais de contar con pequenos papeis en series de televisión como Cuéntame como pasó ou Aquí no hay quien viva . En 2008 gañou o Premio María Casares ó mellor actor protagonista polo seu traballo na obra de teatro As últimas lúas , da súa compañía Lagarta lagarta.[ 4]
En 2018 interpretou ao primeiro presidente da Xunta de Galicia , Xerardo Fernández Albor , na aclamada serie de Antena 3 Fariña , baseada no libro homónimo de Nacho Carretero , e ese mesmo ano apareceu na serie Marisa calidade , spin-off de Libro de familia , sendo estes os seus dous últimos traballos interpretativos.[ 5] Faleceu no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago o 6 de agosto de 2018, aos 74 anos de idade.
Vida persoal
Casou coa tamén actriz Rosa Álvarez , coa que tivo un fillo, Mauro, falecido en 2020 .[ 6]
Obra
Longametraxes
La hora bruja (1985), de Jaime de Armiñán .
Divinas palabras (1987), de José Luis García Sánchez .
Urxa (1989), de Alfredo García Pinal e Carlos A. López Piñeiro .
Un soño de verán (1992) (TV). Como Pedro Marmelo.
El juego de los mensajes invisibles (1992), de Juan Pinzás . Como Cliente.
Huidos (1993), de Sancho Gracia .
A metade da vida (1994), de Raúl Veiga .
A lei da fronteira (1995), de Adolfo Aristarain . Como Veciño.
A noiva de medianoite (1997), de Antonio F. Simón . Como Garda Civil.
Condenado a vivir (2001) (TV), de Roberto Bodegas . Como Ramón Sampedro.
Días de voda (2002), de Juan Pinzás . Como Alejandro.
Trece badaladas (2002), de Xavier Villaverde . Como Inspector.
O agasallo de Silvia (2003), de Dionisio Pérez. Como Encargado.
Os mortos van á présa (2009), de Ángel de la Cruz . Como Cifuentes.
Años después (2011), de Laura Gardós .
Doentes (2011), de Gustavo Balza .
O ouro do tempo (2013), de Xavier Bermúdez . Como Alfredo.
A praia dos afogados (2015), de Gerardo Herrero . Como Somoza
Migas de pan (2016), de Manane Rodríguez .
María (e os demais) (2016), de Nely Reguera . Como Arturo.
Curtametraxes
Televisión
Personaxes fixas
Personaxes episódicos
Teatro
Desde 1970 participou en máis de 35 espectáculos teatrais con distintas compañías. Algúns títulos son Galileo Galilei , Fobias , Carambola (Cóncavo convexo ) ou O país da comedia .
Galardóns e nomeamentos
Estrela Cans , premio pedigree 2010.
Notas
↑ "Morre Ernesto Chao, un dos grandes actores galegos dos últimos tempos" Galicia Confidencial, 6 de agosto de 2018
↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 "Ernesto Chao" . Consello da Cultura Galega . Consultado o 17 de decembro de 2023 .
↑ "" Isto é un escándalo, Pereira!": Volve 'Pratos Combinados' á TVG" . Nós Diario . 26 de marzo de 2020. Consultado o 17 de decembro de 202317 de decembro de 2023 .
↑ 4,0 4,1 "A Academia Galega do Audiovisual lamenta a morte de Ernesto Chao, o seu primeiro presidente e cofundador" . 6 de agosto de 2018. Consultado o 17 de decembro de 2023 .
↑ "Loito no mundo do teatro e do audiovisual galego pola morte do actor Ernesto Chao" . Televisión de Galicia . 6 de agosto de 2018. Consultado o 17 de decembro de 2023 .
↑ "Mauro Chao, unha vida entre bastidores" . La Voz de Galicia . 30 de setembro de 2020. Consultado o 17 de decembro de 2023 .
Véxase tamén
Ligazóns externas