Pratos combinados é unha serie de televisión que foi emitida por TVG en Galicia dende o 1 de decembro de 1995 ata o 24 de maio de 2006. Os realizadores da serie decidiron finalizala nese ano, despois de 14 temporadas. Emitíase os Mércores pola noite na TVG. Foi a primeira serie de TVG que marcou todo un fito na historia da televisión galega xa que se trataba da primeira comedia de situación desenvolvida integramente por profesionais de Galicia e protagonizada na súa totalidade por actores e actrices galegos.
Estreouse o 1 de decembro de 1995 e tivo un grande éxito ao ter unha boa cota de pantalla e ao superar en ocasións á dura competencia de series de televisión españolas como Aquí no hay quien viva ou Los Serrano.
Miro Pereira é un emigrante que volta a Galicia e decide montar un bar que rexenta coa súa familia, a súa dona Balbina, a súa nai Carmen e os seus fillos Rosalía e Migueliño. Polo bar desfilarán os máis variados personaxes, que dan orixe as máis sorprendentes situacións que terán sempre coa principal referente a particular forma de ser desta familia, co desconfiado Miro como líder da mesma. Normalmente, na maioría dos episodios, Miro e Antón queren gañar cartos, ir de caza ou non traballar. Para conseguilo, non dubidarán en mentir e sacar cartos da xente, incluso chegando a estafar aos seus familiares. Non obstante, sempre acaban mal e castigados por Balbina facendo un traballo duro.
Personaxes
Ramiro "Miro" Pereira Ríos (Ernesto Chao). Dono do Bar Suízo, un tipo moi especial, home de poucas luces, avarento, lacazán, non moi limpo, rosmón, zoupón... aínda que ten o seu pequeno corazón. Atende aos clientes de mala maneira, cociña empanadas con cascas de cacahuete, café sen café (con tonas de patacas), bocadillos con fotocopias de xamón (iso si, fotocopias en cor) e outras 'especialidades culinarias'. Pasa o tempo facendo encrucillados, coleccionando cromos, xogando á petanca... e tamén lle gusta ir de caza e de pesca. En ningún destes pasatempos destaca, precisamente, polo seu bo facer. Entre as súas expresións habituais, a máis popular é: "¡Me cagho no mundo!".
Primeira aparición: Episodio 1 "Unha intelixencia natural" (1995).
Última aparición: Episodio 261 "Moitas grazas por todo" (2006).
Balbina Santos (Mabel Rivera). É a muller de Miro, con quen ten dous fillos: Rosalía e Migueliño. Unha cociñeira exemplar, que non se fía do seu home e, sobre todo, do seu irmán Antón. Farta da vida que levaba, marcha para Baiona a montar un negocio de hostalaría xunto coa súa filla, deixándolle a súa parte do bar á súa prima Olimpia.
Primeira aparición: Episodio 1 "Unha intelixencia natural" (1995).
Última aparición: Episodio 209 "O mellor futbolista do Brasil" (2004).
Antón Santos (Antonio Durán "Morris"). É o irmán de Balbina. É un egoísta e avarento. Empregado da Caixa de Aforros (despois chamada Banco Moderno Universal), sempre pensa en zafarse do traballo, en comer e tomar cervexas de balde no bar da súa irmá. Continuamente argalla plans xunto co seu cuñado, aínda que sabe que este non é moi listo, para ir de caza, gañar cartos ou traballar aínda menos do que traballa. É bastante mullereiro, pero para el importan máis os cartos e a comida, tendo unha especial predilección polas nécoras. Ten amigos dos que se hai que fiar tan pouco ou menos ca del mesmo.
Primeira aparición: Episodio 2 "A bruxa" (1995).
Última aparición: Episodio 261 "Moitas grazas por todo" (2006).
Rosalía Pereira Santos (Eva Fernández). É a filla de Miro e Balbina. É unha moza estudosa, que chega a ser profesora. Tamén bota algunha man no bar cando fai falla.
Primeira aparición: Episodio 1 "Unha intelixencia natural" (1995).
Última aparición: Episodio 105 "Un ano despois" (2000).
Miguel "Migueliño" Pereira Santos (Braulio Veiga). É o fillo de Miro e Balbina. Ten carácter ecoloxista e gústalle xogar ao baloncesto, aínda que parece que herdou, en menor medida, a afección de seu pai e seu tío polos cartos.
Primeira aparición: Episodio 1 "Unha intelixencia natural" (1995).
Última aparición: Episodio 104 "Todo ben recollido" (1999).
Carmen Seoane, "Señora Carme" (Feli Manzano). É a nai de Miro. Fai unhas empanadas moi recoñecidas. Habitual das actividades levadas a cabo polo club de xubilados. Ao primeiro vive na casa dos Pereira, pero despois vive na casa da aldea, transformada na Casa de turismo Pereira. Cultiva a horta e cría animais.
Primeira aparición: Episodio 1 "Unha intelixencia natural" (1995).
Última aparición: Episodio 261 "Moitas grazas por todo" (2006).
Paspallás (Serxio Pazos). É o repartidor que lle leva as bebidas ao bar e tamén as facturas que Miro nunca lle paga. Adoita facer unha pausa no repartimento para xogar ao "Chinchimoni" con Miro e Antón. Quere conquistar a Mónica, aínda que non ten moito éxito con ela.
Primeira aparición: Episodio 1 "Unha intelixencia natural" (1995).
Última aparición: Episodio 261 "Moitas grazas por todo" (2006).
Charo (María Bouzas) É veciña dos Barreiro, amiga de Balbina e compañeira sentimental de Antón, con quen ten moita paciencia, pero con quen adoita perder os nervios. Ofrécenlle un bo emprego en Hamburgo, onde ten uns familiares, e tras a negativa de Antón a casar con ela, decide aceptar a oferta. Antón múdase a vivir no seu apartamento, no que xa pasaba moito tempo cando ela vivía nel.
Primeira aparición: Episodio 50 "Os polos tolos" (1997).
Pedro Barreiro (Xosé Manuel Olveira "Pico"). Viúvo e avogado de profesión. Amante de pasatempos relaxados, rifa a miúdo cos seus fillos, Paula e Roi. Espera que súa filla sente a cabeza e se esqueza do seu soño de ser actriz. De novo foi un rockeiro coñecido co nome de "Perico Pelanas". É veciño de Charo (despois de Antón).
Primeira aparición de "Pico" na serie: Episodio 029. "O cóctel" (31/01/1997).
Primeira aparición como Pedro Barreiro: Episodio 105 "Un ano despois" (2000).
Última aparición como Pedro Barreiro: Episodio 261 "Moitas grazas por todo" (2006).
Paula Barreiro #1 (Cristina Castaño). É a filla de Pedro Barreiro e irmá de Roi, quere ser actriz, pero estuda económicas.
Primeira aparición: Episodio 105 "Un ano despois" (2000).
Última aparición: Episodio 130 "Función de gala" (2001).
Paula Barreiro #2 (María Castro). É a filla de Pedro Barreiro e irmá de Roi, quere ser actriz, pero estuda económicas.
Primeira aparición: Episodio 131 "Unha muller feliz" (2001).
Última aparición: Episodio 261 "Moitas grazas por todo" (2006).
Roi Barreiro (Guillermo Carbajo). É o fillo de Pedro Barreiro e irmán de Paula. É moi afeccionado ao fútbol.
Primeira aparición: Episodio 105 "Un ano despois" (2000).
Última aparición: Episodio 261 "Moitas grazas por todo" (2006).
Mónica Regueiro (Mónica García). É a nova camareira do bar. Habitualmente é a primeira en desconfiar das intencións de Miro e Antón. Asiste a clases de informática.
Primeira aparición: Episodio 105 "Un ano despois" (2000).
Última aparición: Episodio 261 "Moitas grazas por todo" (2006).
Don Nicanor Fernández Domato (Manuel Millán Vázquez). É o cura párroco, amante das empanadas de dona Carme. Aínda que ten colaborado con obras sociais, o máis habitual é que pida cartos para a igrexa ou para Santa Rita. Crente convencido... ou case.
Primeira aparición: Episodio 67 "¿ Onde vai o meu ordenador ?" (1998).
Última aparición: Episodio 261 "Moitas grazas por todo" (2006).
Tuto (Josito Porto). É dependente do quiosco que está en fronte do bar Suízo, trala marcha do seu anterior quiosqueiro. A miúdo sofre os males de ser atendido por Miro, coma o bocadillo de xamón sen xamón, o café sen café ou o café con mondas de pataca.
Primeira aparición: Episodio 105 "Un ano despois" (2000).
Última aparición: Episodio 261 "Moitas grazas por todo" (2006).
Olimpia Cortizo Santos (Susana Dans). É prima de Balbina e Antón. Administradora do bar despois da marcha de Balbina, quen lle deixou a súa parte do bar, para desgraza de Miro.
Primeira aparición: Episodio 212 "Chega a prima Olimpia" (2004).
Última aparición: Episodio 261 "Moitas grazas por todo" (2006).
Padre Don Nicanor (César Cambeiro). É o párroco da vila. Fixo de Don Nicanor nas primeiras temporadas de Pratos Combinados.
Primeira aparición: Episodio
Última aparición: Episodio
Mariana (Mariana Carballal). Farmacéutica de profesión, é amiga de Balbina.
Primeira aparición: Episodio 193 "Flamenco no bar Suízo" (2004).
Última aparición: Episodio 261 "Moitas grazas por todo" (2006).
Raquel "Raqueliña" Fernández Vilas (Mariña Sampedro). É sobriña do padre Nicanor quen se ten que facer cargo dela, pero pasa a vivir na casa dos Pereira, con Miro e Olimpia, para ter un fogar máis estable.
Primeira aparición: Episodio 215 "Decoración con estilo" (2004).
Última aparición: Episodio 261 "Moitas grazas por todo" (2006).
Vicente Gutiérrez Pedreira (Evaristo Calvo). É o director da Caixa de Aforros, que despois pasa a ser o Banco Moderno Universal, onde traballa Antón. É fillo do Presidente do Consello de Administrador da devandita entidade.
Primeira aparición: Episodio 107 "A irmá descoñecida" (2000).
Última aparición: Episodio 261 "Moitas grazas por todo" (2006).
Garda Avelino (Avelino González). É un garda da Policía Municipal que fai a rolda polo barrio.
Primeira aparición: Episodio 1 "Unha intelixencia natural" (1995).
Última aparición: (2006).
Etiliano (Tuto Vázquez). É un cliente alcólico do bar Suízo.
Primeira aparición: Episodio 034 "Ola Melanie" (1997).
Última aparición: Episodio 103 "Adeus bar Suízo" (1999).
Peláez (Alfonso Agra), é compañeiro de Antón na Caixa de Aforros (despois Banco Moderno Universal) e, xunto con el, subordinado do señor Gutiérrez.
Primeira aparición: Episodio 106 "Pasou un anxo" (2000).
Última aparición: Episodio 261 "Moitas grazas por todo" (2006).
Fran (Fernando Dacosta). É o noivo de Rosalía, coa que acaba casando. É pediatra.
Primeira aparición: Episodio 006 "Recoñecemento médico" (1996).
Última aparición: Episodio 104 "Todo ben recollido" (1999).
Pepiño (Esteban Yáñez). É amigo de Migueliño. Adoita verse pedindo un donativo para a A.R.S.I., a Asociación de Rapaces con Suspensos Inxustos.
Primeira aparición: Episodio 036 "A fuxitiva" (1997).
Última aparición: Episodio 103 "Adeus bar Suízo" (1999).
Henrique (Enrique Rivadulla). É cliente habitual do bar Suízo, pese a sufrir decote ser atendido por Miro (quen se dirixe a el chamándoo "King Kong"), polo que adoita saír do bar cabreado, sendo un dos moitos clientes que sae do bar tras dicir: "¡Isto é un escándalo, Pereira!".
Primeira aparición: Episodio 18 "Dillo con flores" (1996).
Última aparición: Episodio 261 "Moitas grazas por todo" (2006).
Campos (Luis Campos). É o dependente do quiosco Campos, que está en fronte do bar Suízo, do que é cliente habitual. Despois o quiosco pasa a ser levado por Tuto.
Primeira aparición: (1997).
Última aparición: (2000).
Martiña (Montserrat López). É unha cativa que adoita visitar o bar Suízo. Miro sempre se dirixe a ela chamándoa "microbio", ao que ela lle responde: "Eu non son un microbio".
Primeira aparición: Episodio 003 "Telecallos" (1995).
Última aparición: Episodio 103 "Adeus bar Suízo" (1999).
Paula (Cristina Mato). É unha amiga de Migueliño e Pepiño. É morena e leva lentes.(Non se debe confundir con Paula Barreiro, coa que nunca coincidiu).
Primeira aparición: (1998).
Última aparición: Episodio 101 "Un rapaz moi desprendido" (1999).
Carteiro Dans (Juanillo Esteban). É un carteiro habitual da zona.
Primeira aparición: Episodio 131 "Unha muller feliz" (2001).
Primeira aparición: Episodio 1 "Unha intelixencia natural" (1995).
Última aparición: Episodio 11 "Festa de cumpreanos" (1996).
Don Ramiro Pereira Fontes (Ernesto Chao). É o finado home da señora Carme (ou Carmiña, como lle chamaba el) e pai de Miro, quen se lle asemella moitísimo. O seu fantasma mora na casa da aldea.
Primeira aparición: Episodio 134 "Un morto moi vivo" (2001).
Última aparición: Episodio 165 "O vello Pereira ataca de novo" (2003).
Ramiro Pereira da Silva (Ernesto Chao). É o finado avó de Miro, quen se lle asemella moitísimo. O seu fantasma mora na casa da aldea.
Primeira aparición: Episodio 203 "Haiche moito fantasma" (2004).
Tía Herminia. É unha tía de Miro da que se fala en ocasións. Miro adoita poñer a delicada saúde desta muller como escusa para ausentarse da casa. É un personaxe que só se menciona, pero nunca se viu na serie.
Mónica García como: nai dun bebé abandonado (Cap. 38)
Mara Sánchez como: Pintora / como moza de Paspallás (Dillo con flotes (cap 16) / Tia dos barreiro (avenida señor Pereira) (cap. 144)
Aparicións dos personaxes fóra da serie
Nunha gala especial do programa "Xabarín Club" (TVG), presentada por Antonio Durán "Morris" e por Silvia Superstar, o Inspector Tomé foi cara a rúa do bar suízo, onde falou co quiosqueiro Campos, con Migueliño e Pepiño, con Miro... E, talvez, con Balbina, Rosalía, a avoa Carme, e Paspallás. Antón non aparecía nesta reportaxe entre os personaxes, posiblemente, por ser Antonio Durán "Morris" (o actor que o interpreta) un dos presentadores da gala.
Nun programa especial do coñecido "Supermartes", concurso da TVG presentado por Xosé Manuel Piñeiro, concursaron personaxes de "Pratos combinados" contra personaxes de "A familia Pita", as dúas series de ficción galegas daquel momento. De "Pratos combinados" participaron Miro, Antón, Rosalía, Paspallás e a avoa Carme. E de "A familia Pita" estaban María Pita (Elina Luaces), Don Arturo (Manolo Botana), Primitivo (Óscar Durán), Manuel (Manuel Millán Vázquez) Lola María Bouzas, os dous últimos actores, pasarían anos despois a formar parte do elenco de "Pratos combinados". O programa emitiuse o 24 de decembro de 1996.
Hai un episodio especial no que se cruzan as dúas series de ficción galegas que se emitían neses momentos: "Mareas vivas" e "Pratos combinados". O especial foi emitido, posiblemente, un 24 de decembro de 1998.
Miro e Antón protagonizaron unha campaña publicitaria para a empresa "Cociñas Carballo", aparecendo en dúas variantes do anuncio televisivo desa campaña.
Miro e Antón protagonizaron un anuncio televisivo ambientado o bar "Suízo" para promocionar a introdución do Euro. O anuncio foi emitido nos intermedios de varios episodios dunha temporada da serie.
Miro Pereira protagonizou un anuncio televisivo sobre un evento de pesca.