O Festival de Cine de Ourense, tamén chamado OUFF - Ourense Film Festival é a cita competitiva internacional de cinema máis antiga que se celebra en Galiza. A primeira edición tivo lugar en 1996, promovida polo director ourensán Eloy Lozano. Naceu como Festival de Cine Independente de Ourense e co obxectivo de marcar e ofrecer novas perspectivas para a promoción do cinema galego.[1] Un obxectivo que se reforzou durante a dirección de Enrique Nicanor entre 2007 e 2010,[2] e na edición de 2023 baixo a dirección de Miguel Anxo Fernández coa posta en marcha dunha sección competitiva de Cine Galego, con premio económico.[3] O premio principal da competición oficial é o Calpurnia á Mellor Película.[4] Tamén concede outros nove premios honoríficos e acolle mesas redondas, presentacións de libros, masterclass, exposicións e encontros profesionais. As datas de celebración adoitan ser a finais de setembro.
Historia
En 1996, Ourense acolleu a primeira edición do seu Festival de Cine Independente, o único competitivo do territorio galego daquela. A idea naceu do ourensán Eloy Lozano, baixo o paraugas do Concello de Ourense. O primeiro festival homenaxeou ao director ourensán Antonio Román e ao polaco Krzysztd Zanussi, presidente do xurado dese ano.
O audiovisual galego sempre foi a aposta estrela do Festival de Cine de Ourense. Dende os seus inicios deulle un gran protagonismo e foi un punto de encontro da industria cinematográfica galega. Asembleas, debates, mesas redondas, presentación de proxectos, proxección de longametraxes e curtametraxes, publicacións e homenaxes ás que asistiron produtores, directores, distribuidores, técnicos e actores relacionados coa produción galega.