Dame Gladys Constance Cooper, DBE, nada en Londres (Inglaterra) o 18 de decembro de 1888 e finada en Henley-on-Thames o 17 de novembro de 1971 foi unha actriz británica.
Traxectoria
Cooper naceu no distrito de Lewisham. O seu pai foi Charles William Frederick Cooper e a súa nai Mabel Barnett. Tivo dúas irmás. Debutou no teatro en 1905 con Bluebell in Fairyland, mais non foi ata 1922 cando tivo o seu primeiro éxito con The Second Mrs. Tanqueray, de Arthur Wing Pinero. Interveu en Home and Beauty, de William Somerset Maugham, en Londres en 1919, e en The Letter, obra do mesmo autor, en 1927. O seu último grande éxito no teatro foi no papel de Mrs. St. Maugham en The Chalk Garden, de Enid Bagnold, un papel que representou en Londres e en Broadway. En 1967 traballou novamente en Londres nunha obra de Maugham, The Sacred Flame, e en 1971 volveu representar The Chalk Garden no Teatro Haymarket.
Ao principio da súa carreira teatral, foi criticada por ser estirada. Aldous Huxley rexeitou a súa actuación en Home and Beauty: «é demasiado impasible, demasiado ríxida, actuando todo o tempo como se fose Galatea, aínda desafeita aos modos dun mundo vivo». Porén, Maugham eloxiouna por «cambiar de ser unha actriz indiferente a unha extremadamente competente» mediante o seu sentido común e traballo.
Tamén tivo éxito en Hollywood nunha variedade de papeis de carácter e foi escollida con frecuencia para interpretar mulleres da aristocracia de xesto desaprobador. Interveu en Rebecca e foi candidata tres veces ao premio Oscar: pola patoloxicamente represiva madre de Bette Davis en A estraña pasaxeira, como unha monxa escéptica en The Song of Bernadette, e como Mrs. Higgins en My Fair Lady.
Entre os seus moitos traballos na televisión, protagonizou a serie The Rogues, xunto a David Niven, Gig Young, Robert Coote, John Williams e Larry Hagman. Por esta actuación gañou o Globo de Ouro en 1965. Tamén participou en tres episodios de The Twilight Zone.
Nos seus últimos anos volveu ao Reino Unido. Traballou xunto a Wendy Hiller e Leo Genn en The Sacred Flame, en Londres, en 1967, ano en que foi nomeada Dama Comandante (DBE) da Orde do Imperio Británico. Faleceu por unha pneumonía aos 82 anos en Henley-on-Thames, Inglaterra.
Filmografía
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas