Share to: share facebook share twitter share wa share telegram print page

Gran Sol

O Gran Sol (escrito ás veces como Grand Sol ou Gran Sole) é un caladoiro situado no Atlántico norte, entre os paralelos 48º e 60º, ao oeste das illas Británicas.

Destaca pola súa riqueza pesqueira sendo as principais especies obxectivo das frotas comunitarias: pescada, rapante, peixe sapo, bacallau, foguerio, bacalada, solla de altura, linguado... A frota galega, por limitación e cotas, céntrase na pescada (destacando os portos de Celeiro, Burela e A Coruña), o rapante (Vigo), o peixe sapo e o lagostino (este último na Coruña, principalmente). Tamén se collen naquelas augas outras capturas en menor volume coma: polbo, raia, pota, solla, xurelo, xarda, maruca, abadexo, escacho, ollomol, lura ou lirio.[1]

Este caladoiro destaca tamén pola ferocidade dos seus temporais.

Desde antigo o caladoiro do Gran Sol foi explotado polos pescadores españois (especialmente os galegos) e portugueses, que navegan desde a costa cantábrica e atlántica para faenaren nas súas augas.

O nome de Gran Sol provén do francés Grande Sole ("gran linguado"). Non se debe confundir co Box irlandés (Irish Box, en inglés), caladoiro este que está fóra do Gran Sol e que designa unha zona de pesca reservada acoutada entre paralelos e meridianos (box) ao redor da illa de Irlanda.[2]

Convencionalmente os británicos diferencian o Gran Sol grande (Great Sole Bank) e o Gran Sol pequeno(Little Sole Bank). Estas zonas defínense para fins de protección da pesca, estando limitadas pola costa ou as liñas de latitude e lonxitude seguintes:[3]

Zona do Gran Sole segundo a consideran a efectos pesqueiros os armadores galegos. Exluiríanse as 12 millas de mar territorial e, normalmente, as augas do Cantábrico (Caladoiro Nacional).
  • Gran Sol pequeno (ICES Statistical Division VIIh)
    • 48°N 5°W
    • 49°30'N 5°W
    • 49°30'N 7°W
    • 50°N 7°W
    • 50°N 9°W
    • 48°N 9°W
    • 48°N 5°W
  • Gran Sol grande (ICES Statistical Division VIIj)
    • 48°N 9°W
    • 9°W ao sur da costa de Irlanda
    • 52°30'N ao oeste da costa de Irlanda
    • 52°30'N 12°W
    • 48°N 12°W
    • 48°N 9°W

No entanto, a pesar do convencionalismo británico, entre os mariñeiros e armadores galegos o termo Gran Sol é único e refírese as augas do Atlántico Oriental entre os paralelos 48º e 60º, o que se corresponde coas zonas ICES números VI, VII e VIII, excluíndose as zonas próximas a costa e incluíndo moitas das áreas vetadas para a frota do país.[4][5]

Notas

  1. Visto na web da Asociación de Buques de Pesca en el Gran Sol http://www.arvi.org/asociaciones/anasol.html Arquivado 16 de xaneiro de 2014 en Wayback Machine. o 15/01/2014.
  2. Luis González. "Más sobre el Box Irlandés" (en español). Consultado o 23/11/2012. 
  3. The Cod (Specified Sea Areas) (Prohibition of Fishing) (No. 3) Order 1989. Consultado o 23/11/2012.
  4. PUERTO DE VIGO e COOPERATIVA DE ARMADORES DE PESCA DEL PUERTO DE VIGO: El sector pesquero en Vigo: Evaluación de su impacto socioeconómico. Vigo, agosto de 2013.
  5. Os planos dar zonas ICES poden consultarse na web da organización en http://ecosystemdata.ices.dk/map/index.aspx Arquivado 16 de xaneiro de 2014 en Wayback Machine.
Kembali kehalaman sebelumnya